Reizentolo: 20 anos dándolle á cabeza para buscar deseños que ‘molen moito’

Rematou o 2023, ano no que esta coñecida marca galega cumpriu dúas décadas. Co gallo desa efeméride Galaxia publicou o libro “Antes molabamos máis”, publicación que resume a historia deste proxecto. Falamos con Pablo, unha das tres patas de Reizentolo.

Por X.M. Fernández | Santiago de Compostela | 01/01/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Vender camisetas para recadar cartos para algún proxecto non resulta moi orixinal porque quizais moita xente o fixo nalgunha ocasión. O que chama máis a atención é que despois de comezar así te vexas 20 anos despois rompéndote a cabeza para deseñar e comercializar camisetas e outros moitos produtos con frases e deseños orixinais porque che segue gustando o que fas, porque segues atopando retos e porque tes xa unha marca de prestixio á que coidar.

Oficinas Reizentolo. Foto cedida.
Oficinas Reizentolo. Foto cedida.

En Reizentolo foron pioneiros no negocio das “camisetas molonas, retranqueiras e en galego” e vendo que había mercado detrás chegaron outros proxectos. Despois de 20 anos resisten e Galaxia viu nesta traxectoria a ocasión para publicar algo, co cal naceu “Antes molabamos máis”, un libro que recolle esas dúas décadas de existencia e no que, entre outras cousas, tamén se fai un repaso dalgúns dos deseños que pasarán á historia e algúns deles comentados por persoas relevantes da cultura galega.

Aproveitando a importante traxectoria desta marca e a publicación do libro, contactamos días atrás con Pablo, unha das tres patas de Reizentolo, para facer unha entrevista en profundidade.

Pregunta previsible, pero obrigada. Cando e como xurdiu Reizentolo?

Reizentolo, coma proxecto con nome e misión, naceu no 2003 en Pontevedra. Antes, no 2002, comezaramos a vender camisetas sen nome uns recén licenciados en Belas Artes, tras atoparnos na porta do camiño en Compostela.

Cuncas coa imaxe de Rosalía. Foto: Reizentolo.
Cuncas coa imaxe de Rosalía. Foto: Reizentolo.

Quen empezastes e con que obxectivos?

Comezamos sendo un zentolo de tres patas: Salva, Miranda e Pablo. Un Rei, un Zen e un Tolo, non por ese orde. O noso obxectivo era o de poder montar un espazo de traballo e cultural. Algo parecido ao que hoxe é un coworking, ou mesmo un coliving, pero que no 2003 non tiña nome. Para acadar cartos para ese fin, comezamos a vender camisetas, e o éxito --e a insistencia-- fixo que sigamos a vendelas.

Algunha iniciativa anterior coñecida que vos inspirara no proxecto? Kukuxumusu ou outra marca semellante?

Por suposto que coñeciamos a Kukuxumusu, pero eramos máis de camisetas de Grupos, de camisetas de Skate/Surf, ou as reivindicativas que daquela podías comprar por catálogo no BID ou logo nas tendas Tipo... e logo estaban os cómics, o cartelismo, os grafitis...  Toda esa gráfica a cabalo entre a corporativa, a publicidade e o underground podemos dicir que foron as nosas referencias de mocidade, mesturadas co humor das Cousas de Castelao e o deseño das pezas de Sargadelos, e por suposto tamén coas referencias de Arte e Publicidade da Biblioteca...

Cal foi a primeira frase e/ou deseño que creastes, chegara ou non a comercializarse?

Sempre collemos a libreta para apuntar máis dunha cousa, non che podería dicir cal foi primeiro. Mais na primeira colección que comercializamos figuraban xa os Little Green Hot Peppers, Aturuxo, Meiga, e o desastroso deseño dun Polbo Paraugas.

E cal ou cales foron os deseños máis exitosos ou populares nestes 20 anos de traxectoria?

Éxitos tivemos moitos. Moitos teñen o seu momento de gloria: Toxiño, Centoloman, Marcho que teño que Marchar, Eu, A cabesa non para... Todos pasan por ser Nº1 de vendas e logo vén outro para desbancalos. O efímero do éxito.

Pero destacaría ao máis lonxevo: LITTLE GREEN HOT PEPPERS, porque leva dende a primeira colección, e a dia de hoxe --20 anos despois-- segue en catálogo.

E destacaría tamén o que pasou a figurar xa coma icona popular: a Rosalía estilo Pop Art (Rosalyn). Penso que é o deseño máis empregado fóra de reizentolo en calquera ámbito, sen que a xente coñeza xa a súa autoría, a pesar de coñeceren a imaxe ou de estar influenciada por ela. Iso é que xa pertence ao imaxinario colectivo, é todo un orgullo para nós.

O deseño "LITTLE GREEN HOT PEPPERS" foi da primeira colección e 20 anos despois segue en catálogo

A retranca e a sabedoría popular tan rica que temos en Galicia axuda moito...

Non podo comparar se temos máis ou menos que outros, pero si é certo que temos moita cultura popular. É certo tamén que como pobo somos quen de mantela viva e reinventala, adaptándonos a cada momento. E certo é que reizentolo emprega moitísimas referencias extraídas desa cultura popular, festeira e retranqueira que temos no país. Sen ela non teriamos esencia.

Como funcionabades e como funcionades no proceso creativo, idea por un lado e deseño gráfico polo outro? 

Depende. Depende do dia, do deseño... temos unha chea de frases que non teñen unha gráfica axeitada, e de imaxes que non sabemos como empregalas, temos ideas moi boas que cando as materializas convértense en nada e temos unha chea de apuntes de ideas moi malas, das que co tempo e o enfoque axeitado de repente sacas un deseño fantástico. 

O único patrón que se repite é que cando dás cunha idea na que encaixan todas as pezas do que ten que ser o deseño de camiseta, todo o resto do proceso é super fácil e sentes un subidón que fai que pague a pena facer disto un traballo.

Descoñecemos cantas marcas, do estilo da vosa, había no mercado cando empezastes. O que si nos consta é a competencia ou efecto imitación que foi xurdindo estes anos con proxectos semellantes...

Pois podo dicir que cando nós comezamos non había ningunha marca no textil/agasallo que empregara o galego como tal (por suposto Sargadelos, por suposto o mundo Editorial, por suposto moitas outras do eido cultural). Podo engadir que ao principio rexeitáronnos moito, pero tamén logo nos abriu moitas portas o seren diferentes.

E podo rematar con que moita xente logo se fixou no noso traballo para facer cousas parecidas. Iso é porque o teu proxecto funciona, e a xente cando abres camiño vai detrás. É unha honra para nós.

"Podo dicir que cando nós comezamos non había ningunha marca no textil/agasallo que empregara o galego como tal... E podo rematar con que moita xente logo se fixou no noso traballo para facer cousas parecidas"

Que fai posible que un proxecto como o voso sexa sostible e resista tantos anos?

Pois quero pensar que porque:

A) Demos cunha boa idea de base, e fomos os primeiros en practicala.

B) Seguimos a ofrecer (por moitas canles) ideas e produtos que lle molan á xente

C) Somos teimudos coma teixóns e non temos medo en traballar coma mulas parvas moitos dias, aínda que despois de 20 anos o lombo se resinta.

Quizais se foramos máis listos, en vez de RESISTIR durante tantos anos, estariamos xa a DISFRUTAR dos réditos dun indigno lucro ben merecido.

Rexistrades todos ou algúns dos deseños que comercializades?

Homeclaro. Rexistramos deseños e moitas das aplicacións. É algo que nestes últimos anos evolucionou moito, e cada vez resulta máis doado e económico.

Pódoche contar aventuras de ir dende Pontevedra con ducias de deseños fotocopiados por duplicado para rexistrar na oficina de Santiago, e por un papel non poder completar o proceso... ou acudir a aclarar dúbidas ás oficinas de Patentes y Marcas en Madrid.

Agora rexistras os deseños na web de Patentes e Marcas e efectúas o pago dende o teléfono.

Algunha marca á que 'parodiades' ou 'arromedades' nos vosos deseños chegou a demandarvos ou ameazar con facelo?

Si! Contamos no libro un destes casos, nos que Osborne nos denunciou por querer sacar un deseño dunha silueta negra de vacaloura sobre unha autoestrada. Á extensa demanda duns carísimos avogados madrileños respostamos cun breve e divertido escrito que enumeraba as diferencias entre un touro de lidia e unha vacaloura, redactado polo que daquela era o noso avogado: Manel Loureiro. O xurado fallou ao noso favor.

"Contamos no libro un destes casos, nos que Osborne nos denunciou por querer sacar un deseño dunha silueta negra de vacaloura sobre unha autoestrada"

En cambio soñamos con que Keith Richards algún dia se fixe en nós e nos denuncie por representalo Satisfeito e brindando con Licor Café... e nada.

Os nosos deseños, cando referencian a algún icono actual da TV, cine ou demais, son fundamentalmente parodias. É como se Martes y 13 (ou Muchachada Nui, para os non boomers) venden un DVD no que parodian a Franco Battiato ou a Robert Smith: o DVD non é un plaxio de Franco Battiato, é un DVD no que uns tipos fan un chiste del. Outra cousa é facelo con máis ou menos gracia.

Nesta traxectoria de 20 anos tivestes algún momento de fatiga, aburrimento ou estancamento que vos fixera pensar en deixalo?

PFFFFFF – moitísimos. Dende os primeiros meses, nos que non vendiamos unha camisola ou os primeiros anos, nos que vendiamos pero non daba para gañar un peso ata hoxe pola mañá, que non me daba o corpo para levantarme e vir a traballar por moito que me pagaran.

Coma todo proxecto longo, é irreal pensar en que non vai haber momentos de baixón, esgotamento ou estancamento. Neses momentos hai que animarse, descansar ou procurar novas vías para acadar resultados diferentes. Como antes falamos, se non foramos moi teimudos, nalgún destes momentos teriamos optado por abandonar, e xa non estariamos a falar do 20 aniversario.

"Coma todo proxecto longo, é irreal pensar en que non vai haber momentos de baixón, esgotamento ou estancamento"

Que axuda logo a seguir adiante, e con motivación?

Maiormente, a inconsciencia. E en parte eses pequenos momentos de subidón cando sae unha boa idea, que fan que penses que é mellor deslomarse neste traballo que noutro no que non os teñas.

Como se presenta, presente e futuro de reizentolo, para sobrevivir e seguir medrando?

O presente está a ser moi doce, co Aniversario e o recoñecemento da xente por toda a nosa traxectoria. O futuro é Incerto, coma todo a día de hoxe. Quen diga que sabe como imos estar dentro de 10 anos, mente descaradamente.

Nós seguiremos turrando, mentres duren as ganas e teñamos algo máis de ingresos que de gastos !!

"Antes molábamos máis". De verdade cres que 'calquera tempo pasado foi mellor'?

Claro que non, pero é un tópico máis co que xogamos, e unha forma de quitarlle boato a un libro conmemorativo, e unha forma tamén de presentar o xogo zentolo, que está baseado nese concepto ambiguo de MOLAR. As nosas camisetas poden ter a mellor gráfica, a frase máis rotunda, o mellor algodón... pero se non molan, non funcionan.

A idea do libro nace aproveitando o tirón da 'morriña', como atractivo ou tendencia comercial, ou como satisfacción persoal de inmortalizar unha traxectoria?

Pois pffffffff... bótalle un pouco de todo, que seguro que acertas. A realidade é que xurdiu proposto por Galaxia, imaxino que polo atractivo do noso proxecto e coa intención tamén de que funcionara comercialmente, e que para nós foi toda unha satisfacción que Galaxia nolo propuxera, que se brindara a colaborar nel xente da talla da que participou no libro, e que se acollera con todo o agarimo que nos brindou a xente cando o presentamos. Tamén quedamos moi satisfeitos co propio libro en si: pola parte da gráfica e polos textos, penso que é un produto máis que digno.

O de inmortalizar unha traxectoria? iso xa o vexo máis difícil... para iso non tes que estar morto? Eu aínda teño moitas cousas pendentes de facer!!

"Xurdiu proposto por Galaxia, imaxino que polo atractivo do noso proxecto e coa intención tamén de que funcionara comercialmente"

Deseño do 20 aniversario. Autor: Reizentolo.
Deseño do 20 aniversario. Autor: Reizentolo.
Un dos deseños das súas camisetas. Foto: Reizentolo.
Un dos deseños das súas camisetas. Foto: Reizentolo.
Camisola de Rosalía, unha das icónicas. Foto: Reizentolo.
Camisola de Rosalía, unha das icónicas. Foto: Reizentolo.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta