Os incendios forestais facilitan a substitución de especies autóctonas dos montes galegos por outras exóticas

Unha tese de doutoramento de Sheila F. Riveiro, investigadora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), apunta a que os incendios forestais facilitan o desprazamento de especies nativas dos montes de Galicia e Portugal.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/01/2024 | Actualizada ás 18:18

Comparte esta noticia

Unha tese de doutoramento (con sobresaliente 'cum laude') de Sheila F. Riveiro, investigadora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), apunta a que os incendios forestais facilitan o desprazamento de especies nativas dos montes de Galicia e Portugal.

Este estudo senta as bases para o control de especies exóticas invasoras nos ecosistemas. O estudo identifica os factores chave que axudan ao asentamento de invasoras tras o lume. A investigación 'Bases ecolóxicas para o control de especies exóticas invasoras en relación co lume' sinala como o lume é un modelador da paisaxe e "pode provocar cambios drásticos" nos ecosistemas, xa que provoca efectos como a entrada de especies exóticas.

Unha vez descrito no laboratorio o comportamento invasor destas especies e achado o método polo cal adquiren unha vantaxe competitiva sobre as nativas, a investigadora pertencente ao grupo de referencia competitiva Biodiversidade e Botánica Aplicada (Bioaplic), propón a través dun estudo de campo métodos de control para as principais invasoras de Galicia e Portugal, como as acacias, o eucalipto ou a albicia.

Os métodos avaliados adáptanse ao contexto de lumes de Galicia e ás características das especies estudadas, entre os que destaca a necesidade de métodos de control a longo prazo que teñan como fin último a eliminación do banco de sementes das especies co fin de evitar a súa rexeneración. Dirixida pola profesora da Facultade de Bioloxía Otilia Reyes, esta investigación contou co financiamento do programa de axudas á etapa predoutoral e encádrase nos proxectos Fireseves e Fogo e Invasoras.

Bosque de eucaliptos
Bosque de eucaliptos | Fonte: EP - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta