Bitcoin: unha tentativa de moeda dixital frustrada ou un activo con moito futuro?

A día de hoxe o valor dun bitcoin está nos 36.824 euros (en novembro de 2021 chegara a 56.279 e en decembro de 2022 caera a 15.409). Cada vez hai máis grandes fondos de inversión interesados nesta criptomoeda: "un 80 % dos activos pode estar agora en mans de particulares e un 20 % en mans de grandes institucións". Falamos con Antonino Comesaña, de Agalbit, sobre o tema.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 29/01/2024 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

O bitcoin, esa criptomoeda na que fai uns anos ata o menos entendido tiña cartos invertidos, semella que xa pasou de moda, alo menos entre a opinión pública, pero non así entre os grandes 'capos' do mundo cripto e os grandes fondos de inversión, que están sacando dela unha gran rendibilidade despois de que caese estrepitosamente fai uns anos e agora se estea recuperando ata cifras moi xeitosas. A día de hoxe o valor dun bitcoin é de 36.824 euros, pero o pasado luns 8 estaba nos 42.916 e empezara o ano 2024 nos 40.020. Hai que remontarse ata o 12 de novembro de 2021 para atopar o seu pico, en 56.279 euros, e ata o 30 de decembro de 2022 para ver o seu mínimo recente, en 15.409 euros. Como podemos observar, a súa fluctuación é moi grande, e a pesares de que todos os expertos o consideran unha inversión segura a longo prazo, cal é o interés verdadeiro que hai actualmente nesta criptomoeda?

Pago con bitcoin
Pago con bitcoin | Fonte: Stock Adobe

Como explica Antonino Comesaña, vicepresidente da Asociación Galega de Blockchain e IoT (Agalbit), a Galicia Confidencial, "o interese polo bitcoin, xeralmente, vén moi dado polos propios medios de comunicación, que se fan eco del por dous motivos: ou ben porque cae moito ou ben porque sube moito", sen embargo, "cando a cousa está entremedias, tibia, non interesa". Hoxe por hoxe atópase nesta tesitura, pois está en fase de recuperación e "dende o ano pasado, cando caeu ata os 15.000 dólares, deu remontado ata os 49.000, o que supón unha suba moi importante, pero non tanto como o máximo histórico que acadara anteriormente, nos 60.000 dólares". "Cando racha coa marca histórica hai máis eco, e tamén é cando a xente mileurista se activa máis", apunta Comesaña, aínda que indica que "no último ano tamén se conseguiu bastante activación, xente interesada, aínda que non chega aos niveis que acada cando o bitcoin está desatado".

Neste senso, o experto en criptomoedas explica que "o interese notámolo no ecosistema: cada vez que hai unha gran subida, cando os medios din que o bitcoin subiu moito, por dicirche unha cifra ridícula pero que se entenda, poden entrar 100 persoas novas no ecosistema, polo interese suscitado, pero ao final cando as criptos se corrixen (é dicir, cando volven á normalidade e xa non teñen eses picos de crecemento), ao mellos deses 100 quedan 20 ou 30 no ecosistema; e esta historia repítese en cada ola, aínda que entren 100 sempre vén unha base que chega de olas anteriores, polo que ao final vai aumentando a comunidade". E sobre o tipo de comunidade, Comesaña recoñece que "non é a mesma a comunidade de bitcoin que había no ano 2016 que a que hai agora no 2024, non ten nada que ver, nin sequera na madurez da xente". De feito, apunta que xente que entrase no mundo das criptomoedas no 2016 agora mesmo pode estar desenvolvendo os seus propios proxectos de blockchain.

ASÍ COMEZOU TODO: CUNHA PIZZA E UNHA CRISE FINANCIEIRA

Con todo, é innegable que nesto das criptomoedas tamén hai moito 'amateur', moito curioso e moito rapaz novo. Aínda que para o vicepresidente de Agalbit cada vez hai máis xente adulta e que ve no bitcoin algo serio. Como conta, os comezos do bitcoin foron completamente distintos ao que se transformou hoxe en día. "O bitcoin comezou a funcionar como protocolo no ano 2009, pero era unha rede, falando mal e con cariño, de frikis tecnolóxicos, da criptografía e de xente antisistema, un grupo como de 80 ou 90 de todo o mundo que tiñan algo en común e a idea era moi chamativa", explica Comesaña, que lembra que, ademais, "xurdiu nun momento moi importante, durante a crise financieira do 2008-2009, cando calquera cousa que dixeran sobre a posibilidade de ter un sistema financieiro distinto ao dos bancos, tiñan a xente receptiva a escoitar, porque todos os días se dicía que os bancos se ían á quebra".

Caixeiro Bitcoin
Caixeiro Bitcoin | Fonte: Bitbase

Foi así como pouco a pouco a comunidade foi medrando e foi sumando xente. "Os primeiros anos non se usaba bitcoin no mercado, baseábase nun token, pero non tiña valor", lembra Comesaña, que apunta que "a primeira vez que tivo valor foi co caso da famosa transacción da pizza, cando alguén dixo 'mándovos 10.000 bitcoins se me traedes dúas pizzas', e iso marcou un antes e un despois, pois o bitcoin xa non era un activo que simplemente manexaban frikis, senón que tivo a súa primeira posibilidade de ser empregado para mercar, saíndo da rede e adquirindo algo no medio físico". A partir dese momento, foi medrando máis e foise creando unha estrutura "moi lixeira" ao redor, "para que a xente tivese ferramentas para poder interactuar co bitcoin". A característica principal, e o que foi mudando con respecto á actualidade, é que "neses primeiros anos todos os propietarios de bitcoin eran particulares", polo que "a cripto funcionaba máis ou menos segundo entraban máis ou menos particulares no ecosistema".

Co paso do tempo, e xa na actualidade, "foron e continúan entrando máis e máis institucións nese ecosistema, empresas moi grandes". En concreto, Comesaña apunta a que "despois da covid comezaron a entrar grandes factorías, grandes fondos, con cantidades inxentes de bitcoin, por poñer un exemplo, máis de 1.000 bitcoins, o que se traduce en moitos millóns". De feito, en xaneiro Estados Unidos xa aprovou unha canle para que os grandes fondos capten cartos, apoiado no máis potente deles, o Black Rock. O que quere dicir que, a día de hoxe, "xa non tes un mercado tan de particulares como antes, cada vez eses particulares están cedendo máis o testemuño ás institucións: un 80 % dos activos pode estar agora en mans de particulares e un 20 % en mans de grandes institucións, mentres que cando o bitcoin comezou o 99,9 % dos activos estaba en mans de particulares". Así as cousas, o experto indica que "o feito de que entren máis ou menos particulares no mercado dinamiza un pouco máis o sistema, pero o fluxo de cartos xa non é tan importante como o era fai seis ou sete anos".

CAIXEIROS BITCOIN: "VALEN PARA COMEZAR, PERO TEÑEN COMISIÓNS ABUSIVAS"

Pese a todo, o que si se está poñendo cada vez máis de moda na actualidade e que fai cinco ou seis anos non había son os caixeiros bitcoin, moi prolíficos nas grandes cidades, instalados dende en bares ata en centros comerciais, e onde mercar e vender bitcoins semella moi doado e ao alcance de calquera. Sobre eles, Comesaña opina que "valen como introdución, se unha persoa entrou neste mundillo e quere saber un pouco como funciona, se ten 100 ou 200 euros pode probar como funciona nestes caixeiros, pois é moi doado, funcionan como un caixeiro normal: ti metes os cartos, dis que criptomoeda queres mercar e ábreche unha carteira para que poidas xestionar directamente eses cartos". Deste xeito, cre que "como vía de introdución ás criptomoedas está ben, pero ao grande non se usan, porque é caro, cobran ao redor dun 10 % de comisións, e se vas mercar algo que custa, por exemplo, 40.000 euros, e valo mercar por 44.000, non compensa".

Agora ben, se a idea é realizar unha inversión a dez anos vista, "un 10 % tampouco supón moito". En resumo, para invertir a curto prazo sae moi caro, para invertir a longo prazo pode ser unha opción. Con todo, a xente que verdadeiramente entende de criptos non os usa, porque "usan xa transferencia exchange, é dicir, fan as transferencias a través de casas de cambio onde che dan criptomoedas por dólares ou euros con impostos moito máis axustados, nada que ver cos do caixeiro", expón o experto. Por iso, estes caixeiros só son empregados por persoas particulares que aínda non saben demasiado do mundo cripto e unicamente queren invertir para ver o que sucede nun futuro. Quizáis rematemos todos pagando con bitcoins en calquera establecemento? O certo é que esta realidade aínda está moi lonxe de poder ser alcanzada.

PAGAR EN BITCOIN: "HAI MODELOS, PERO SEGUE A SER MÁIS UNHA INVERSIÓN"

O vicepresidente de Agalbit recorda que, "cando naceu bitcoin, no seu 'wallpaper' poñía que, por un lado, quería ser unha reserva de valor e, por outro, unha moeda que a xente puidese gastar no día a día sen que fose centralizada, como o son todos os cartos que temos nos bancos centrais". Con todo, "co tempo, esa idea foise difuminando". E, hoxe por hoxe, na sociedade hai dous tipos de persoas dentro dos interesados polas criptomoedas: "aqueles que pensan que todo o mundo debe ir a mercar o pan con elas e os que, directamente, as vén como un modo de aforro e inversión a medio e longo prazo". Para Comesaña, dende logo, "o bitcoin que coñecemos está máis focalizado na inversión". Aínda que ben é certo que nos últimos anos popularizáronse sitios de pago 'online' a través de bitcoins (moitos dos cales remataron pechando tras a estrepitosa caída que sufriu a finais de 2022). 

"Hai modelos que che permiten pagos instantáneos en criptomoedas, pero non teñen moita difusión nin creceron moito nos últimos anos como para poder darlles maior difusión e chegar a máis xente", explica Comesaña, que apunta que, "dentro do mundo cripto, a xente paga con cartóns, tipo Visa ou MasterCard, que directamente convirten as criptos a euros, é dicir, pagan en criptos pero o vendedor xa recibe o pago en euros, entón non teñen que estar explicándolle ao comercio o que é o bitcoin nin nada". Neste senso, houbo unha grande evolución, pero os establecementos aínda non están preparados como para que se permita pagar directamente en bitcoin. O que tamén hai, como precisa este experto, son "moitas plataformas que che dan vales agasallo por criptos, é dicir, podes mercar con criptos unha tarxeta agasallo de 1.000 euros de Amazon e mercan con ela o que queiras en euros". En conclusión, "as criptomoedas en xeral e o bitcoin en particular si se están usando como medio de pago, pero sen que a xente o sepa". 

A PROHIBICIÓN XA É COUSA DO PASADO, AGORA FÁLASE DE REGULACIÓN

E onde queda a lei en todo isto? Non foi pouco o que se ten falado nos últimos anos de prohibir o bitcoin e outras criptomoedas, pero semella que a cousa non vai adiante. Na opinión de Comesaña, "está claro que van regulalas", pero, "no caso do bitcoin hai que ter en conta que xa ten como un 'acomodity', porque Estados Unidos teno coma se fose ouro ou cobre, coma un 'acomodity' máis". Por onde pode chegar máis ben a regulación? "Pola necesidade de identificarse tanto o comprador como o vendedor, pois hoxe en día poder mercar criptos e intercambialas sen identificarte e sen saber quen hai detrás dunha conta, amparado nun pseudoanonimato", cavila o experto, que engade que "a regulación da Unión Europea vai máis encamiñada a que a xente non se ampare no anonimato e a que haxa que identificarse cun DNI ou cun número da Seguridade Social ao realizar transaccións grandes, como xa acontece no mundo normal, a partir dos 1.000 euros, por exemplo". 

"O de prohibir xa é algo que deixou de barallarse hai tempo, aínda que de vez en cando a China se lle de por facelo e logo volver desfacelo", expón Comesaña. E é que, de non ser así, non tería sentido esa alianza de Estados Unidos con Black Rock, que xestiona uns 10 billóns de activos, é dicir, o orzamento do PIB de España multiplicado por 10, porque "esta xente cando se mete nisto sabe de sobra que non vai ter ningún tipo de problema a nivel legal". Ademais, aínda que se lles esixise dende a UE ás plataformas de intercambio e compra-venda de activos que os seus clientes estivesen identificados, poderían marcharse a outro país onde esta lexislación non aplicase e os propios clientes poderían poñer que viven noutro lugar. Feita a lei, feita a trampa, como adoita dicirse. Polo momento, Comesaña precisa que "xa están niso, pois xa hai regulamento a nivel europeo e tamén de Estados Unidos que se plantexa aprobar máis pronto que tarde que fala de rematar co anonimato".

BitCoin
BitCoin | Fonte: Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta