18F.- Marta Lois vese socia de goberno da súa "alumna" Pontón tras as eleccións

Di que quere crear unha Consellería "exclusiva" de Igualdade se chegan ao Goberno galego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/01/2024 | Actualizada ás 12:54

Comparte esta noticia

A candidata de Sumar Galicia á Presidencia da Xunta, Marta Lois, avogou por que o próximo goberno cre unha "Consellería de Igualdade, exclusivamente", co obxectivo de implementar políticas de xénero de forma "transversal". Lois, que asumiu por "responsabilidade" a encomenda de ser a 'un' do partido de Yolanda Díaz en Galicia, o que lle fará deixar o vindeiro martes o seu posto no Congreso --e seguidamente o escano--, asegura que Sumar será "clave" para a conformación dun executivo progresista en Galicia do que aspira a formar parte para ser esa forza que "empuxe" políticas sociais.

Nunha entrevista concedida a Europa Press, e preguntada á mantenta de que foi profesora de Ana Pontón (a candidata do BNG), e como vería pasar de profesora a ser agora membro dun goberno presidido por ela; Marta Lois respondeu á 'inesperada' cuestión que efectivamente "hai tempo" que se deu esa situación na facultade de Ciencias Políticas. "E por suposto, creo que as traxectorias, neste caso de Ana Pontón, estamos a falar dunha muller madura, con experiencia política moi longa; e creo que ser nun momento dado profesora-alumna nada ten que cambiar nunha relación boa de cordialidade; e estou convencida de que aí non falamos de profesora-alumna, senón que imos falar de socias de goberno", manifestou e augurou.

Sobre a proposta da consellería, dixo que "a perspectiva feminista ten que acompañar o conxunto das políticas do goberno progresista", polo que Sumar Galicia "quere que haxa unha Consellería de Igualdade, exclusivamente, dotada de recursos económicos e persoal", xunto cunha remodelación dos CIM --centro de información da muller--.

Está "convencida" de que o "cambio pasa por un goberno progresista, onde, por suposto, Sumar Galicia quere gobernar". "A miña decisión última para dar este paso ten que ver con que teño experiencia de goberno, sei xestionar recursos públicos e eu, como candidata, quero estar nese goberno. E se hai ese cambio, estou convencida de que Sumar Galicia vai ter un rol importante para a configuración dun goberno para o cambio da próxima década", declarou.

SUMAR NON QUERE "IR A MEDIO GAS"

Marta Lois incidiu en que Sumar "non quere ir a medio gas e non se conforma con pouco" en canto aos resultados electorais e, á mantenta da enquisa do CIS, incide en que é unha forza "clave". Neste sentido, defendeu a presentación de candidaturas nas catro provincias (aínda que as enquisas só lle dan opcións en dúas), porque para Sumar Galicia "non vai haber galegos de primeira e de segunda" e falando de problemáticas como as do interior, entre outras, sería "unha irresponsabilidade" non ofrecerlles o seu proxecto.

A candidata de Sumar Galicia á Xunta de Galicia, Marta Lois
A candidata de Sumar Galicia á Xunta de Galicia, Marta Lois | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press

SOBRE O NON DE ANOVA

Ao ser preguntada pola desvinculación de Anova das alianzas coa esquerda federal --e o 'non' a Sumar e do que foi o seu alcalde de Compostela Aberta (Martiño Noriega) con ela de 'número dous'--, Marta Lois remontouse a que foi "moi valiosa" a súa "experiencia municipalista".

"Veño de aí, foi unha experiencia moi necesaria para apoiar a política de proximidade, pero creo que o camiño neste caso dunha forza política como Anova quedou marcada o propio 23 de xullo, cando a petición que fixeron nas xerais foron para o BNG. O camiño é mirar para o futuro; Sumar Galicia é un referente claro das políticas que cambian a vida da xente e non estamos tanto no debate ideolóxico coas forzas progresistas de delimitación de marcos, senón do que lle importa á xente", sentenciou Marta Lois, quen agregou que, con respecto a Podemos, Sumar Galicia "fixo o que tiña que facer, mostrar man tendida por se se quería un lugar común". "Pero iso xa pasou e miramos sempre ao futuro", remachou.

PORTAVOCÍA GRUPO SUMAR NO CONGRESO

Por outra banda, Lois confirmou oficialmente este venres que Íñigo Errejón, de Más País, a substituirá como portavoz no Congreso da formación. Del destacou a súa oratoria "brillante". "É unha persoa moi valiosa", remarcou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta