Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/02/2024 | Actualizada ás 17:19
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denunciou no Parlamento Europeo a "manipulación existente" na televisión e radio públicas de Galicia, así como o "incumprimento" por parte do Executivo galego da directiva de servizos de comunicación audiovisual e a "falta" dos principios de imparcialidade, pluralismo e non discriminación. Así o fixo este mércores na comisión de peticións da Eurocámara onde denunciou a "ocultación" e "continuos atrasos" no tratamento da petición presentada o pasado ano polo Comité Intercentros da CRTVG.
Neste sentido, segundo detallou o BNG nun comunicado, explicou que tras a solicitude formulada polo grupo parlamentario Verdes-Alianza Libre Europea para incluír esta petición, a súa inclusión foi "atrasada en sucesivas ocasións", a pesar de que a petición "é perfectamente aceptable" e "plenamente conforme" co regulamento do Parlamento Europeo.
"Gustaríame denunciar a completa terxiversación do debate que tivo lugar durante a reunión de coordinadores desta comisión de peticións en xaneiro de 2024, en relación coa decisión tomada sobre a Petición 0520/2023 presentada por José Santiago Alvite, en nome do Comité Intercentros da CRTVG, sobre o incumprimento da directiva de servizos de comunicación audiovisual por parte do goberno galego", sinalou. A continuación, acusou á presidenta de "falta de imparcialidade" e de "equidade" no desenvolvemento da súa función segundo os asuntos que se traten.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.