Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 28/02/2024 | Actualizada ás 21:00
O consumo de tabaco en Galicia dende a posta en marcha das leis antitabaco fai xa máis de tres décadas, aló polo ano 1987, diminuiu de xeito tallante. De feito, se naquel ano fumaban un 55 % dos adultos do país, agora faino un 27 %, é dicir, reduciuse a cifra á metade. Con todo, o tabaco aínda segue a ser o responsable de 3.000 mortes ao ano en Galicia, o que indica que aínda o consumo non caeu o suficiente como para garantir que xa non haxa mortes por esta causa. E a pesares de que as normas foron saíndo progresivamente e reducindo cada vez máis os espazos nos que se permitía fumar, os expertos consideran que o único que podería cambiar drasticamente o panorama a curto prazo sería unha suba do prezo do tabaco radical. Dende Galicia Confidencial falamos con Elisardo Becoña, catedrático de Psicoloxía Clínica na Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Becoña asegura que os datos son innegables: "hoxe o consumo de tabaco entre a poboación reduciuse á metade", pero "o que ocorre é que tanto a industria tabaqueira como a xente interesada nela van dicir que as cousas non van ben utilizando datos que non se adecúan á realidade". Así, pon o exemplo de que os datos que lanza a industria do tabaco danse en momentos do ano que lle conveñen: "hai algúns momentos no ano nos que se vende máis tabaco, e aproveitan iso para dicir que as medidas que se están a tomar non valen para nada". En concreto, apunta a que "agosto é un mes no que aumentan as vendas de tabaco, por que? Porque veñen millóns de turistas e os turistas que fuman mercan aquí o tabaco, así que o dato dese mes será moi superior ao dos outros". Fronte a isto, "non collen os datos de outubro ou de novembro, que é cando se marchan os turistas e o consumo baixa moito".
Sexa como fose, os datos que falan do consumo anual de tabaco demostran que este está a caer e, previsiblemente, seguirá a facelo. "O consumo de tabaco vai a menos e ten que ir, necesariamente, a menos, porque a evolución nos humanos pasa por vivir e a evolución das administracións para por que a xente non morra, iso está claro", argumenta Becoña, que asegura que non se debe facer caso "a quenes teñen outros intereses, como manter o negocio, vender máis e chegar aos mozos". Sobre esta última cuestión indica que é algo que se debe ter moi presente, pois as diversas estratexias de marketing despregadas pola industria do tabaco van nesa dirección: "Sacan produtos que tratan de encandilar aos mozos: primeiro foron os cigarrillos baixos en nicotina, logo os cigarrillos mentolados, logo os vapeadores, logo os cigarrillos de liar... sempre co propósito de captar mozos, para que se fagan adictos ao tabaco e así poder manter o negocio". E é que a industria, como lembra o profesor da USC, "ten que repoñer con xente nova aos que van morrendo".
"A PUBLICIDADE CENTRAL DA INDUSTRIA AGORA ESTÁ NOS 'INFLUENCERS'"
Con todo, e a pesares do que poida parecer entre a opinión pública, Becoña considera que os novos inventos da industria para captar consumidores, como "os vapeadores ou as cachimbas" non funcionaron aquí en Galicia, polo que a súa prohibición ou acotamento tampouco influiría demasiado en España a nivel de negocio. "Se fai dez anos se abriron centos de locais para vender vapeadores, agora pecharon case todos", afirma o experto, que pon o exemplo de cidades como Santiago, onde "hai dez anos abriron case dez sitios e hoxe xa quedan dous ou tres sós". Por que? En opinión de Becoña, porque "non se pode vapear en lugares pechados, non se pode vapear nos avións, non se pode vapear en moitos lugares, entón a industria non dá conseguido entrar por esa vía", ademais, á prohibición engádese o feito de que "son caros, e a clave do negocio está en que o produto sexa barato". Así que, "aínda que tratan de entrar vendéndose aos mozos como algo innovador, moderno, con sabores que gustan, non o logran". O mesmo aconteceu coas cachimbas, que "non se consumen case, porque é moitísimo máis barato fumar un pitillo de liar".
E xa que por esa vía non dan entrado, entran a través da publicidade. Non da convencional, que está prohibida xa dende fai décadas, de xeito que non se pode publicitar o tabaco na televisión, en carteis pola rúa, en vallas publicitarias nin por parte de famosos (como futbolistas e actores), pero a publicidade que poden facer os 'influencers' nas súas redes sociais está no limbo legal. "Esa é a publicidade central que está a utilizar a industria actualmente, de xeito masivo, tanto no tema do alcol como do tabaco", evidencia o profesor da USC, que asegura que "como non son capaces de facer publicidade directa porque está prohibida pola lei, así como a indirecta facendo patrocinio a un equipo deportivo, o que fan é utilizar a unha rede de 'influencers'", explica, engadindo que "xa hai múltiples estudos onde os 'influencers' van moito máis aló do razoable anunciando alcol e tabaco, financiados pola industria", pois non hai que esquecer que "os 'influencers' viven da publicidade que lles pagan, que é o que moita xente non sabe".
"EN 5 OU 10 ANOS HABERÍA QUE DUPLICAR OU TRIPLICAR O PREZO DO TABACO"
Sobre as normativas que se foron desenvolvendo nos últimos anos, Becoña indica que "o que a poboación non coñece, en moitos casos, é que hai un acordo marco de control do consumo de tabaco da organización mundial da saúde que deben cumplir todos os países que o asinaron, entre eles España, e que implica unha serie de normas escritas e leis que hai que ir sacando, entón aínda quedan importantes casos por dar". En concreto, o profesor recorda que, cando se aprobou a primeira lei no ano 2005, el sostiña que facían falta 4 leis para cumprir este acordo, levamos dúas e fan falta outras dúas, porque "para adecuarse totalmente ao acordo hai que facer moitas cousas que aínda non se fixeron". A máis importante delas? Teno claro: "En cinco ou dez anos habería que duplicar ou mesmo triplicar o prezo do tabaco en España".
De feito, Becoña asegura que "neste momento España é o estanco de Europa: temos o tabaco máis barato de toda a Eurapa occidental (a 4,5 euros o paquete), máis barato que en Portugal, Francia, Reino Unido, Alemania...". Por poñer algúns exemplos, indica que o tabaco en Irlanda está a 13,4 euros; en Francia está a 10,2; en Bélxica, a 6,9; nos Países Baixos, a 7,2; en Finlandia, a 8,6; en Suecia, a 6,1; en Dinamarca, a 6,9; en Alemaña, a 6,2; en Italia, a 5,2; en Austria, a 5,2; e nalgúns países fóra de Europa, coma Nova Zelanda, chega aos 21 euros a caixa. E é que "se se aumenta o prezo do tabaco, automaticamente redúcese o consumo" e, en consecuencia, "morre menos xente". "Esa é a gran medida pendiente", plantexa o experto, que insiste en que "o que ocorre é que hai unha forte resistencia porque a industria sabe que se se lle sube o prezo ao tabaco fuma menos xente".
"HAI QUE CONTINUAR ACOTANDO OS LUGARES NOS QUE FUMAR"
Pola contra, outras medidas, "aínda que están ben, non chegan a ese nivel de efectividade". Con todo, non é menos certo, tal e como demanda Becoña, que "hai que seguir fomentando as campañas preventivas, porque a día de hoxe non se fai prevención do consumo de tabaco e de alcol nas escolas". E a isto habería que sumar outro tipo de medidas, como "ir acotando os lugares nos que non se pode fumar, como pode ser o caso dos campos de fútbol ou dos concertos, onde queda moito por facer aínda". No caso da prohibición de fumar nas terrazas, o profesor considera que tamén "ata o de agora as terrazas que tiñan máis dun lado cuberto non podían permitir fumar, pero incumprían a normativa e deixaban igual". Algo que non se debe consentir, porque "en lugares públicos onde hai máis xente ninguén ten por que converterse en fumador pasivo".
Pero a subida do prezo do tabaco non é algo sinxelo, e por iso non se está a implementar, polo momento, como si se fixo noutros lugares de España. Por que? "Porque a España vén moito turista e regular o alcol e tabaco custa moito, fronte a outros países europeos que non dependen tanto do tabaco, e onde tamén hai unha maior perspectiva de saúde pública, saben que a xente morre por fumar e saben que hai que evitar que a xente morra", asegura Becoña, que resalta que "todo o mundo fala do cancro e dos seus problemas, pero non de que o mellor sistema para previr o cancro é que a xente deixe de fumar e reduza o consumo de alcol, pois con iso poderiamos reducir nunha porcentaxe enorme os cancros de pulmón, de esófago, de estómago, de ril...".
"NO INCREMENTO DE PREZOS XOGA UN PAPEL DETERMINANTE O TURISMO"
Por outra banda, destaca que o incremento do prezo do tabaco tamén depende doutros factores, pois "é unha decisión política, e aos políticos cústalles tomar medidas ante unha porcentaxe da poboación que se opón a elas, a pesares de que, ás veces, en temas de saúde, hai que tomalas". E lembra o que aconteceu durante a crise do covid, cando "ninguén quería estar pechado na casa nin usar máscara, pero ao final todos quedamos convencidos de que había que usar máscara e estar pechados para evitar un problema maior". "O problema que hai en España é que os cambios normativos van moi lentos, porque a industria do tabaco e certos sectores vinculados a ela e tamén a industria do alcol (pois ambos van moi da man e teñen finalidades semellantes) teñen moito peso: somos un dos países que ten un maior número de discotecas, bares, pubs e restaurantes, pola industria do turismo, o que impide avanzar máis nas regulacións", conclúe o experto.
Becoña aposta, indubidablemente, por tomar medidas drásticas no asunto: "se aumentas o prezo do tabaco drasticamente 2 euros dun ano para o outro, automaticamente se reduce o consumo do mesmo". Ademais, incide en que "non hai ningunha dúbida de que o consumo a nivel de poboación está descendendo ano a ano e isto xa é un camiño sen retorno". A cuestión agora é "se se pode acelerar máis ou hai que ir máis lento". Pero, para el, a única forma de impedir que os mozos entren no consumo é "que o tabaco sexa máis caro, realizar máis controles preventivos e apostar por unha maior concienciación", aspectos nos que "vamos lentos, pois os datos sempre nos din, ano tras ano, que somos o estanco de Europa".
MERCAR 40 PAQUETES DE TABACO: 408 EUROS EN FRANCIA, 180 EN ESPAÑA
E iso falando de España como Península, pois "en Canarias aínda é máis barato, co cal a un europeo, se botamos contas, pódelle saír gratis a viaxe vindo a España e levando dous cartóns de tabaco, que veñen a ser unhas 40 caixas, para o seu país". Por exemplo, tendo en conta que en Francia o paquete se paga a 10,2 euros, 40 custaríanlle a un francés 408 euros. Se se vén a compralas a España, onde o prezo medio é de 4,5 euros, pagaría 180, é dicir, 228 euros menos. Non é que só se pague a viaxe ida e volta, senón que ata se pode pagar unha fin de semana se hotel con eses cartos, polo que pode desfrutar dunhas vacacións de fin de semana en España con hotel e voo incluídas e con 40 caixas de tabaco 'de agasallo' polo que lle custarían esas mesmas caixas en Francia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.