Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/03/2024 | Actualizada ás 16:13
Seis de cada dez fiscais en Galicia son mulleres, segundo publicou a Fiscalía Superior de Galicia con motivo da celebración, este venres 8 de marzo, do Día Internacional da Muller. Estes datos, destacan nun comunicado, poñen de manifesto "a posición maioritaria de mulleres no Ministerio Fiscal en Galicia". Así, dos 151 fiscais de carreira en persoal en Galicia, 100 son mulleres, un 63% do total, moitas delas en postos de responsabilidade.
A Fiscalía Provincial da Coruña conta con 22 fiscalas do total de 34 en persoal, o que supón un 65%. Na fiscalía de área de Santiago hai nove fiscalas de 14, mentres que na da área de Ferrol hai cinco fiscalas entre os sete totais. A Fiscalía Provincial de Lugo é a que presenta unha maior porcentaxe de mulleres fiscalas, un 80% do persoal. Na fiscalía da capital lucense, son nove mulleres fiscalas do total dos 12 fiscais. Concretamente. na sección territorial de Mondoñedo traballan catro fiscalas (o 100%) e na sección territorial de Monforte son dúas mulleres e un home.
Na Fiscalía Provincial de Ourense traballan 17 fiscais, e 12 son mulleres, un 70%. Neste caso, remarcan que a xefatura corresponde a unha muller: Eva Regueiro. O persoal da Oficina fiscal está formada por mulleres na súa totalidade. Na Fiscalía Provincial de Pontevedra 36 dos 56 fiscais son mulleres, un 61%. A central de Pontevedra conta con 16 fiscalas dun total de 28, e na fiscalía de área de Vigo hai 20 fiscalas de 28.
Por outra banda, apuntan que a presenza das mulleres directivas da Carreira Fiscal tamén se incrementou nos últimos anos. Na Coruña, sinalan, hai unha muller como tenente fiscal e as delegadas das áreas especializadas de Menores, Medio Ambiente e Delitos de Odio son mulleres.
En Lugo son delegadas, coordinadoras ou especialistas: a fiscal de Menores, Cooperación internacional, Violencia de Xénero e Violencia Doméstica, Medio ambiente, Delitos económicos, Protección á vítima, Seguridade Viaria, Discapacidade e Persoas Maiores, Contra a Discriminación e Delitos de Odio, Cuestións de inconstitucionalidade e incidentes de nulidade, Civil e a ligazón da Fiscalía Antidroga. Ademais, está previsto que o Fiscal Xeral do Estado nomee ás dúas decanas das seccións territoriais de Monforte e Mondoñedo, as dúas mulleres.
En Ourense, a fiscal xefa é unha muller, así como a delegada autonómica de Medio Ambiente. Ademais das delegadas da propia fiscalía de Seguridade Viaria, Estranxeiría, Sinistralidade Laboral, Civil e Discapaces, Vítimas, Delitos de Odio e Cooperación Internacional. En Pontevedra ten o seu despacho a delegada provincial de Violencia de Xénero, hai unha tenente fiscal e unha decana de Menores.
AUDIENCIA DE LUGO PIDE XUÍZOS RÁPIDOS EN VIOLENCIA DE XÉNERO
Por outra banda, a Audiencia Provincial de Lugo convocou este xoves unha reunión da Comisión de Coordinación contra a Violencia de Xénero, co obxectivo de mellorar a resposta institucional que se lles dá ás vítimas.
Ao encontro asistiron a presidenta en funcións da Audiencia Provincial, a xuíza decana, a secretaria coordinadora provincial, a xuíza titular, a Xuíza de Adscrición Territorial e a letrada da Administración de Xustiza do xulgado que leva os asuntos de violencia contra a muller no partido xudicial, o fiscal xefe de Lugo e representantes do Colexio de Avogados, da Garda Civil, da Policía Nacional, Local e Autonómica, da Subdelegación do Goberno, da delegación territorial da Xunta, do Concello, dos centros penais de Bonxe e Monterroso, do Imelga, da Oficina de Atención á Vítima e dunha asociación contra a violencia de xénero.
Os asistentes concordaron na necesidade de tramitar gran parte dos casos de violencia de xénero para que sexan axuizados como xuízos rápidos. Desta forma, apuntan, axilizaríanse os procedementos. Ademais, acordaron tentar reducir os tempos de espera das vítimas, dos menores e dos detidos cando se desprazan ao órgano xudicial para a práctica de dilixencias.
No encontro, entre outras cuestións, tamén abordaron a necesidade de que tanto a policía como a Garda Civil reitere ás vítimas que teñen dereito a atención psicolóxica fóra do horario da Oficina de Atención á Vítima. Ademais, expuxéronlle á Xunta que esas intervencións fóra de horario sexan presenciais -- na actualidade son telefónicas -- como sucede noutras cidades de Galicia.
Outro dos asuntos que demandaron os asistentes ás administracións públicas foi a necesidade de incrementar o número dos cursos para condenados por violencia de xénero, doméstica e sexual, os cales están, en moitos casos, obrigados a realizar por resolucións xudiciais, pois na actualidade, a pesar da alta demanda, só son impartidos polo Servizo de Xestión de Penas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.