Cans en Galicia: o rural, con poboación avellentada, ten máis cans por habitante que a cidade e a súa contorna

Os concellos que máis cans teñen rexistrados son tamén os que teñen un maior número de habitantes, encabezando a lista as sete grandes cidades galegas, con Vigo no número un. Pero os pequenos municipios do rural son os que teñen máis cans por habitante, con tres que teñen máis cans que veciños: Rodeiro, Agolada e Verea.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 23/03/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A sangría demográfica é unha realidade xa consolidada en Galicia. Esta crise poboacional está facendo que cada vez máis concellos do rural queden practicamente despoboados ou cunha poboación cuxa media de idade ronda os 65 anos, mentres que nos municipios de costa e naqueles máis próximos ás sete grandes cidades concéntrase a maioría da poboación galega (iso si, a media de idade tampouco baixa demasiado, estando nos 48 anos). A sociedade está cambiando e hoxe por hoxe formar unha familia non é sinxelo: cos salarios tan baixos en comparación cos prezos dos alimentos, da vivenda e da enerxía resulta practicamente imposible para moitas familias manter outra boca (alo menos outra boca humana).

Terapia con cans para menores
Terapia con cans para menores | Fonte: Fundación María José Jove - Arquivo

Así as cousas, o proxecto de vida do pasado para calquera persoa: casarse, ter unha vivenda en propiedade e ter fillos; xa non é o proxecto de vida que os mozos teñen na actualidade. O de ter unha casa en propiedade xa é unha utopía, pero o de ter fillos tampouco semella unha prioridade. Deste xeito, as familias modernas están agora compostas por un ou dous integrantes e un ou varios animais de compañía, habitualmente cans. Dende Galicia Confidencial, cos datos do REGIAC, analizamos como está a situación nos concellos galegos máis novos e máis vellos. E xa partimos da base de que na actualidade en todos os municipios de Galicia hai máis cans rexistrados que nenos menores de 14 anos. Así as cousas, cales son os concellos con máis cans? Inflúe a idade na súa adquisición?

Como non é sorpresa para ninguén, os concellos que máis cans teñen rexistrados son tamén os que teñen un maior número de habitantes, encabezando a lista as sete grandes cidades galegas. Así, estaría Vigo na primeira posición, con 48.432 cans repartidos entre os seus 292.374 habitantes (un can por cada seis vigueses); seguido da Coruña, con 31.898 cans e 244.700 habitantes (un can por cada oito coruñeses); Lugo, con 22.318 cans e 97.211 habitantes (un can aproximadamente por cada catro lugueses); Ourense, con 18.333 cans e 103.756 habitantes (un can máis ou menos por cada seis ourensáns); Pontevedra, con 17.926 cans e 82.828 habitantes (un can aproximadamente por cada cinco pontevedreses); Santiago, con 17.876 cans e 98.179 habitantes (algo máis dun can por cada cinco santiagueses); e Ferrol, con 12.926 cans e 64.158 habitantes (un can por cada cinco ferroláns). Como pode verse, aínda que Vigo sexa a cidade con máis cans, Lugo é a que tería maior número de cans por habitante (22,96 cans por cada 100 habitantes) e A Coruña a que menos (13,04 cans por cada 100 habitantes).

SÓ TRES CONCELLOS ENTRE OS 20 MÁIS POBOADOS TEÑEN 'POUCOS' CANS

Deixando a un lado as grandes cidades, serían os concellos con máis habitantes de Galicia igualmente os que terían o maior número de cans rexistrados. Así, a Ferrol seguiríalle Narón, con 10.194 cans repartidos entre os seus 38.938 habitantes (pouco máis de un can por cada catro naroneses); Vilagarcía, con 9.515 cans e 37.677 habitantes (un can por cada catro vilagarcianos); Oleiros, con 9.293 cans e 37.271 habitantes (un can por cada catro oleirenses); A Estrada, con 8.541 cans e 20.106 habitantes (case un can por cada dous estradenses); Carballo, con 8.416 cans e 31.432 habitantes (un can por cada catro carballeses); Arteixo, con 8.119 cans e 33.076 habitantes (un can por cada catro arteixanos); Lalín, con 7.689 cans e 20.201 habitantes (un can por cada tres lalinenses); Rendondela, con 7.336 cans e 29.055 habitantes (un can por cada catro redondelanos); Ames, con 7.234 cans e 32.095 habitantes (algo máis de un can por cada catro amesanos); Culleredo, con 7.156 cans e 30.790 habitantes (algo máis de un can por cada catro cullerdenses); Ponteareas, con 7.143 cans e 23.049 habitantes (case un can por cada tres ponteareanos); Ribeira, con 7.140 cans e 26.897 habitantes (algo máis de un can por cada catro ribeirenses); e Cambre, con 7.118 cans e 24.505 habitantes (case un can por cada tres cambreses).

Unha parella pasea aos cans colleitos da man polas rúas de Madrid
Unha parella pasea aos cans colleitos da man polas rúas de Madrid | Fonte: Europa Press - Arquivo

Como observamos, só hai tres municipios entre os 20 máis poboados de Galicia que non terían un número de cans escandaloso en comparación co seu número de habitantes: Cangas, Marín e O Porriño. En concreto, o concello de Cangas conta con 5.305 cans repartidos entre os seus 26.832 habitantes, é dicir, case 20 cans por cada cen cangueses, o que viría a ser un can por cada cinco veciños; o concello de Marín ten 4.712 cans rexistrados e 24.034 habitantes, o que supón tamén case 20 cans por cada cen marinenses, é dicir, un can por cada cinco veciños; e o concello do Porriño ten 5.875 cans para 20.408 habitantes, isto é 29 cans por cada cen porriñanos, o que equivale a algo menos de un can por cada tres veciños.

SÓ 14 CONCELLOS CONTAN CON MENOS DE 20 CANS POR CADA 100 HABITANTES

Agora ben, pasando a analizar cales son os concellos con máis cans por habitante, atopámonos as primeiras sorpresas: todos son municipios de menos de 3.000 habitantes (agás un) e considerados do rural, do interior de Galicia. Deste xeito, hai tres concellos que mesmo teñen máis cans que veciños: Rodeiro, con 2.482 cans e 2.317 habitantes; Agolada, con 2.426 cans e 2.252 habitantes; e Verea, con 948 cans e 944 habitantes. Ademais, hai outros 12 concellos que aínda que non teñen máis cans que veciños si se quedan moi preto: Bande, con 1.375 cans e 1.463 veciños; Xermade, con 1.550 cans e 1.768 veciños; Dozón, con 862 cans e 1.028 habitantes; Fornelos de Montes, con 1.298 cans e 1.621 habitantes; Muras, con 491 cans e 606 veciños; Carballedo, con 1.680 cans e 2.065 habitantes; Friol, con 2.880 cans e 3.627 habitantes; Chandrexa de Queixa, con 390 cans e 505 veciños; Campo Lameiro, con 1.344 cans e 1.721 habitantes; Montederramo, con 546 cans e 701 veciños; Vilariño de Conso, con 392 cans e 505 veciños; e O Irixo, con 1.059 cans e 1.366 habitantes.

Pola contra, hai 14 concellos galegos que teñen moi poucos cans en relación co número de habitantes. Como observamos anteriormente, neste senso destacan as sete grandes cidades, que a pesares de que teñen moitos cans, ao ter tamén moita poboación, quédanse nunha cifra de cans por habitante moi pobre. Tanto é así que están todas por debaixo ou rondando os 20 cans por cada 100 habitantes: A Coruña (13.04 cans por cada 100 habitantes), Santiago (18,21 cans por cada 100 habitantes), Vigo (16,57); e Ourense (17,67); e superan os 20 cans por cada 100 habitantes: Pontevedra (21,64), Ferrol (20,15) e Lugo (22,96). Pero máis aló das cidades tamén hai outros lugares onde os cans non son tan populares.

Así, con menos de 20 cans por cada 100 habitantes tamén atopamos a Burela, con 1.306 cans e 9.430 veciños (pouco máis de un can por cada dez burelenses); Ribadeo, con 1.894 cans e 9.811 habitantes (un can cada cinco ribadenses); Corcubión, con 267 cans e 1.670 veciños (algo máis dun can cada seis corcubionenses); Muros, con 1.576 cans e 8.365 habitantes (algo menos dun can por cada cinco muradanos); Marín, con 4.712 cans e 24.034 habitantes (algo menos dun can cada cinco marinenses); Cangas, con 5.305 cans e 26.832 habitantes (algo menos dun can cada cinco cangueses); A Guarda, con 1.827 cans e 10.013 habitantes (algo máis dun can cada cinco guardeses); Pontedeva, con 95 cans e 479 habitantes (algo máis dun can cada cinco pontedevenses); A Arnoia, con 179 cans e 1.015 veciños (un can cada seis arnoienses); e Barbadás, con 2.181 cans e 11.061 habitantes (algo máis dun can cada cinco barbadeses).

CONCELLOS MÁIS VELLOS: BANDE, CASE UN CAN POR CADA BANDUENSE

Pero pasemos xa a analizar cantos cans teñen os concellos máis vellos de Galicia: Lobeira, Parada de Sil, San Xoán de Río, O Bolo, Chandrexa de Queixa, Calvos de Randín, Avión, Vilardevós, Gomesende, Beariz, A Peroxa, O Irixo, Melón, Navia de Suarna, Porqueira, Larouco, Muíños e Bande. Cabe sinalar que todos teñen unha media de cans por cada 100 habitantes moi elevada, agás catro excepcións (Parada de Sil, Avión, Gomesende e Muíños). Hai que pensar que todos estes son concellos do rural ourensán (agás Navia de Suarna, que se atopa na provincia de Lugo), que teñen moi poucos habitantes e onde os cans seguen a ser tratados como no pasado, para gardar a casa e ter na finca, de maneira que unha mesma casa pode ter máis cans que os que pode ter un piso nunha cidade. Así as cousas, Bande encabeza a lista con 1.375 cans rexistrados entre os seus 1.464 veciños (case un can por cada banduense).

Séguenlle Chandrexa de Queixa, con 390 cans e 495 veciños (79 cans por cada cen habitantes); O Irixo, con 1.059 cans e 1.366 veciños (78 cans por cada cen habitantes); Lobeira, con 556 cans e 774 habitantes (72 cans por cada cen habitantes); San Xoán de Río, con 338 cans e 508 veciños (67 cans por cada cen habitantes); Vilardevós, con 1.107 cans e 1.726 habitantes (64 cans por cada cen habitantes); Calvos de Randín, con 426 cans e 678 habitantes (63 cans por cada cen habitantes); O Bolo, con 494 cans e 824 veciños (60 cans por cada cen habitantes); Navia de Suarna, con 576 cans e 997 habitantes (58 cans por cada cen habitantes); Larouco, con 206 cans e 440 veciños (47 cans por cada cen habitantes); Porqueira, con 366 cans e 835 habitantes (44 cans por cada cen habitantes); Beariz, con 394 cans e 978 veciños (40 cans por cada cen habitantes); A Peroxa, con 724 cans e 1.805 habitantes (40 cans por cada cen habitantes); Melón, con 433 cans e 1.137 habitantes (38 cans por cada cen habitantes); Avión, con 666 cans e 1.770 habitantes (64 cans por cada cen habitantes); Parada de Sil, con 188 cans e 531 veciños (35 cans por cada cen habitantes); Gomesende, con 201 cans e 686 veciños (29 cans por cada cen habitantes); e Muíños, con 396 cans e 1.424 habitantes (28 cans por cada cen habitantes).

CONCELLOS MÁIS NOVOS: BURELA, 14 CANS POR CADA CEN BURELENSES

Xa na parte dos concellos máis novos: Ames, Salceda de Caselas, O Porriño, Oroso, Ponteareas, Arteixo, Mos, Tui, Soutomaior, Culleredo, Pontecesures, Gondomar, Barbadás, Poio, Oleiros e Burela; todos eles concellos moi próximos ás grandes cidades ou á súa área metropolitana, que crecen ao redor de edificios en vertical, onde a xente vive en pequenos pisos, pódese observar unha notable diminución no número de cans por habitante, se ben é verdade que nestes lugares os cans si reciben máis coidados e conviven nos mesmos domicilios que os seus donos. O municipio destes máis novos que ten un maior número de cans por habitante sería Gondomar, con 5.832 cans e 14.970 habitantes (39 cans por cada cen habitantes).

Seguiríanlle Mos, con 5.428 cans e 15.199 habitantes (36 cans por cada cen habitantes); Soutomaior, con 2.508 cans e 7.543 habitantes (33 cans por cada cen habitantes); Ponteareas, con 7.143 cans e 23.049 habitantes (31 cans por cada cen habitantes); O Porriño, con 5.875 cans e 20.408 habitantes (29 cans por cada cen habitantes); Oroso, con 2.160 cans e 7.572 habitantes (29 cans por cada cen habitantes); Poio, con 4.919 cans e 12.276 habitantes (28 cans por cada cen habitantes); Salceda de Caselas, con 2.656 cans e 9.380 habitantes (28 cans por cada cen habitantes); Tui, con 4.907 cans e 17.375 habitantes (28 cans por cada cen habitantes); Pontecesures, con 847 cans e 3.079 veciños (28 cans por cada cen habitantes); Oleiros, con 9.293 cans e 37.271 habitantes (25 cans por cada cen habitantes); Arteixo, con 8.119 cans e 33.076 habitantes (25 cans por cada cen habitantes); Culleredo, con 7.156 cans e 30.790 habitantes (23 cans por cada cen habitantes); Ames, con 7.234 cans e 32.095 habitantes (23 cans por cada cen habitantes); Barbadás, con 2.181 cans e 11.061 habitantes (20 cans por cada cen habitantes); e Burela, con 1.306 cans e 9.430 habitantes (14 cans por cada cen burelenses).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta