Por Galicia Confidencial | Vilamartín de Valdeorras | 29/03/2024 | Actualizada ás 10:00
Os caldos de Valdeorras desembarcan en Lugo o vindeiro mes de abril, concretamente o día 16, nun evento denominado Valdeorras, berce mundial do godello, que promove o Club de Cata Vitislucus en colaboración co Consello Regulador da D.O. Valdeorras e co Club de Viños do propio espazo no que se desenvolverá a iniciativa, concretamente no Salón Rexio do Círculo.
O evento incluirá un túnel do viño no que os asistentes poderán degustar referencias de diferentes adegas da comarca, que se celebrará a mediodía. A asistencia é de balde para os socios do Círculo de Artes e terá un prezo de seis euros para o resto de xente. Nesta mesma xornada, ademais, haberá unha cata maxistral a cargo do director técnico da D.O., Jorge Mazaira, cun aforo limitado a 25 prazas (para o que se seguirá, de xeito rigoroso, a orde de inscrición).
Mercedes González, presidenta de Vitislucus e impulsora da iniciativa, sinala tamén que no marco do evento desenvolverase unha comida-maridaxe, á que se poderá asistir con reserva previa (a un prezo de 35 euros por comensal).
ESTRATEXIA PROMOCIONAL
O presidente do Consello Regulador, José Ramón Rodríguez Castellanos, afirma que “o territorio amparado valdeorrés non esquece a promoción dentro de Galicia, tal e como se manifesta en eventos como o que se porá en marcha en Lugo a mediados de abril”. Neste sentido, tanto el como Mercedes González destacan que o evento non está só pensado para os veciños de Lugo, senón para diferentes públicos profesionais que se queiran achegar ese día ata o Círculo de Artes desta urbe “co obxectivo de degustar e coñecer, máis de preto, os valores diferenciais dos viños de Valdeorras”.
INSCRICIÓNS
Todas as persoas interesadas en inscribirse ao evento poden facelo dende xa a través dos enderezos electrónicos mercedes.embajadora@gmail.com ou circulodelasartes@yahoo.es, ou ben chamando aos teléfonos 689 29 26 75 – 982 22 50 51.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.