Por Amanda Fernández | Lugo | 06/04/2024 | Actualizada ás 21:00
O denominado Mildiu é un auténtico pesadelo para os viticultores, xa que podería causar "a perda total da colleita" segundo afirma Rosa Pérez Otero, xefa de sección de artrópodos e control integrado da Estación Fitopatolóxica Areeiro e responsable dos avisos fitosanitarios. Explica que o mildiu consiste nun "patóxeno aéreo, o de máis importancia nas zonas húmidas de Galicia, e que se dá na zona de Rías Baixas, de Ribeiro, da Ribeira Sacra e en menor medida á zona de Monterrey e Verín". Trátase dunha enfermidade que afecta, tal e como indica Pérez Otero, a todos os órganos aéreos verdes da vide. "O ano pasado houbo viñedos que xa perderon toda a colleita no mes de xuño", recoñece. Este patóxeno require de calor e humidade e está influenciado pola choiva, "con orballo e humidade alta xa vai servido para activarse".
Neste sentido, apunta a que o mildiu é unha das razóns polas que as parras están a certa altura sobre o chan, na zona Rías Baixas, principalmente. "Nas zonas de Verín ou Monterrey, as cepas estaban conducidas en vaso pegadas ao chan, xa que aló non hai problemas de humidade e non é necesario". Nos meses de inverno, este patóxeno consérvase como "oospora ou ovo de inverno" no interior das follas caídas que pudren no solo. En palabras de Rosa: "Cando as temperaturas comezan a subir e hai suficiente humidade, as oosporas xermolan emitindo macroconidios, que a súa vez liberan zoosportas, que se transportan, polo aire e auga, ata as distintas partes verdes da planta, dando así lugar á infección primaria".
OS SÍNTOMAS
O mildiu, tal e como explica, afecta a todas as partes verdes da planta, pero en maior medida a follas, brotes e acios. Nas follas aparecen como "típicas manchas de aceite que van adquirindo unha cor amarela que torna a vermello co tempo". Os brotes afectados curvan, cubríndose dunha "pelusilla branquecina constituída por esporas de fungo". Nas uvas afectadas pode verse ao comezo da súa formación, cubríndose por un polvillo branco, ou posteriormente a través de pedúnculos. "Cando os grans teñen un tamaño dun guisante, non soen recubrirse desa pelusilla, senón que arrugan e adquiren cor parda e secan, esta fase da enfermidade coñecese como mildiu larvado", destaca.
Os viticultores normalmente xa teñen experiencia e xa se dan conta cando empeza haber brotes con este síntomas. Deste a Estación Fitopatolóxica Areeiro emiten avisos fitosanitarios: "Temos captadores de esporas nalgunhas viñas e xa publicamos este ano que hai esporas no ambiente. Situadas as primeiras no Salnés, a finais de febreiro. Se desde ese momento houbese vexetación receptiva e condicións ambientais favorables xa podería haber contaminacións", expón Rosa. Fai fincapé en que coas condicións climatolóxicas tan favorables do que vai de ano, en termos de humidade e temperaturas, habería que tratar antes da aparición dos síntomas.
O TRATAMENTO
Rosa Pérez Otero sinala que como estamos agora no inicio do desenvolvemento da viña, hai aplicar un producto sistémico, que son aqueles "que se incorporan á sabia". Así, protexen tamén os crecementos, porén, explica que se neste momento se aplica un producto de contacto, só se protexe o que toca e non os novos crecementos. "Os de contacto lávanse con choivas maiores de 10 litros por metro cadrado, que estes días se conseguen en nada. E os sistémicos non se lavan se pasan, en función do producto entre 20 minutos ou unha hora, e despois o tratamento sen chover", comenta.
Lembra que para o tratamento e a maioría dos productos hai que dispor do carné de aplicador de productos fitosanitarios, aínda que hai algún producto, para o que non é necesario porque son de uso doméstico.
Cal é o momento actual, hai que preocuparse? A experta relata: "O momento actual é de alerta desde logo, digamos que podemos estar de momento un pouco tranquilos polo frío que estamos tendo de noite. Porén, se as próximas previsións se cómpren e as temperaturas das próximas noites soben a uns 11 ata 14 graos, sería xa maior a alerta. Ademáis se chove, é difícil poder aplicar un tratamento e as viñas están medrando, consecuentemente están empezando a ser receptivas ás infeccións".
Como último apunte, aconsella que a xente estea moi pendente porque é importante frear, na medida do posible, as primeiras infeccións para evitar os problemas de mildiu larvado cando a uva está desenvolta. "Sería moito máis difícil de controlar e a maioría do mildiu larvado vén das primeiras infeccións da campaña", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.