Primeras peticións aos novos conselleiros: mellor sanidade pública, prezos xustos no rural ou máis defensa do galego

A Asociación de Usuarios e Pacientes do CHUS pide que se remate coas listas de agarda en Oncoloxía, o SLG quere que se elimine a burocracia no agro, a Mesa que se active o Plan de Normalización Lingüística e a Confederación de Empresarios de Galicia evitar a saída de talento mozo e paliar a crise no consumo.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 15/04/2024 | Actualizada ás 13:40

Comparte esta noticia

Sanidade, políticas sociais, lingua ou empresas e comercio están xa entre as primeiras reclamacións ao novo executivo galego. Así, distintos colectivos e entidades pediron xa xuntanzas cos novos conselleiros para abordar algunha destas situacións.

Os integrantes do Goberno galego aplauden ao conselleiro de Sanidade saínte, Julio García Comesaña
Os integrantes do Goberno galego aplauden ao conselleiro de Sanidade saínte, Julio García Comesaña | Fonte: ÁLVARO BALLESTEIROS

É o caso da Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS que agarda entrevistarse en breve co novo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, que ademais é un especialista en oncoloxía tras dirixir esta área no Hospital de Santiago.  Esta entidade lembra que non é a primeira vez que se producen atrasos nas consultas de oncoloxía do CHUS, polo que, "ou ben se están a producir procesos de estabilización de prazas cada poucos meses dende 2022, ou neste servizo faltan recursos".

 

Ademais, lembran os atrasos e o aumento das listas de agarda para atender aos pacientes, que tras a quimioterapia e a radioterapia seguen con tratamento farmacolóxico, que debe ser supervisado polo oncólogo, "cousa que non está a suceder". "Por certo, debemos engadir que en múltiples ocasións non somos atendidos polo oncólogo fixado como responsable do seguimento da doenza e como persoal sanitario que debe garantir a subministración da información, o que é unha vulneración do establecido na Lei de Saúde de Galicia e na Lei básica reguladora da autonomía do paciente", lembra a entidade.

 

AGRICULTURA

 

Por outra banda, o sector agrario galego demanda á nova conselleira do Medio Rural, María José Gómez (Guntín, 1976), medidas para conseguir "prezos xustos", eliminar burocracia e mellorar servizos públicos, entre outras cuestións. En declaracións a Europa Press, o secretario de Coordinación Sectorial de Unións Agrarias (UU.AA.), Félix Porto, desexou "acertos" a Gómez no seu novo cargo, posto que iso "vai ser bo para os sectores produtivos". Chama a que haxa "solucións" a "curto prazo" para os problemas do campo e espera que "o perfil de alcaldesa coñecedora do medio rural poida darlle un aliciente" á conselleira "para traballar neste sentido".

De tal forma, apunta a "grandes problemas" no rural galego, entre os que cita "o progresivo envellecemento", para o que se require actuacións coas que os mozos queden nas explotacións; á vez que se dea "viabilidade económica" ás explotacións, con prezos "xustos" no lácteo que eliminen as diferenzas con outras comunidades e un protocolo para a carne co que se cubra custos.

 

PLAN DE NORMALIZACIÓN

 

Tamén a Mesa pola Normalización Lingüística pídelle á Xunta que demostre con feitos e non con aparencias o seu compromiso co futuro do galego. "É imprescindíbel que os poderes públicos se poñan á fronte da situación de emerxencia linguística e garantan e o dereito ao uso do galego e a súa presenza e disponibilidade en todos os ámbitos", reclama o presidente da entidade, Marcos Maceira.

A asociación do galego indica que respecto do galego existen acordos que deben ser cumpridos e executados, lembrando que o Plan Xeral de Normalización Lingüística de Galiza está absolutamente paralizado, cando se van facer 20 anos da súa aprobación por unanimidade parlamentar. Este Plan conta con obxectivos claros e 400 medidas concretas que é preciso reactivar, avaliar e revisar nalgún caso, mais é tamén unha necesidade para favorecer o uso do galego e comezar a reverter o estado de emerxencia no que se encontra o idioma de Galiza.

EMPRESAS

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) empraza ao novo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, a afrontar retos pendentes como o demográfico, dado o envellecemento da poboación, así como a cubrir as vacantes que demandan as empresas. Igualmente, pide reverter "a saída de mozas ao exterior sen retorno".

Segundo explica a patronal galega a Europa Press, "Galicia sofre unha perda continuada da súa poboación". "O noso tecido empresarial enfróntase a unha escaseza de man de obra en determinados postos e sectores e unha alta porcentaxe destes postos non se cobren por falta de profesionais", afirma. Por iso, cre necesario "fortalecer os grupos profesionais con cualificacións intermedias e insistir na aprendizaxe ao longo de toda a vida: os traballadores deben adaptarse ás novas necesidades". Unha cuestión na que se considera "clave" a formación.

Ademais, a CEG observa que o diálogo social e a negociación colectiva "deben ser e son a pedra angular dun marco laboral estable e flexible". "A política de emigración e especialmente a atención aos galegos no exterior e a oportunidade de que os emigrantes e as súas familias volvan a Galicia e atopen aquí oportunidades é tamén un asunto capital", agrega.

COMERCIO

A Confederación de Empresarios, que valora o paso de José González pola Consellería de Medio Rural, onde "mostrou a súa capacidade para abordar os desafíos do medio rural e o seu compromiso co desenvolvemento económico e rexional", tamén lle pon deberes no tocante ás súas novas responsabilidades de comercio, que sofre "unha crise tras outra". Asegura que "é preciso manter e impulsar medidas que palíen a crise de consumo", con axudas específicas para os autónomos comerciantes e campañas de promoción.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta