Así é a vía que une Padrón con Noia: a estrada dos accidentes

Trátase da DP-7402, un tramo de 2,6 quilómetros de estrada situado no concello de Rois e que enlaza coa AG-56. Na zona hai máis dunha ducia de granxas que precisan que camións e tractores transiten por esta pista a diario, cos perigos que iso supón. Agora mesmo estanse levando a cabo os procesos de expropiación pertinentes e o seguinte paso sería a licitación.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 21/04/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Moitos lugares de Galicia, sobre todo cando falamos da zona rural, caracterízanse por ter unhas estreitas pistas de monte polas que dificilmente collen dous coches á par, e polas que camións e tractores teñen que facer todo tipo de peripecias para poder pasar. Isto non é exclusivo da estrada da que hoxe imos falar, pero o que si a diferenza doutros lugares é o feito de que esta é unha vía de comunicación para a que non existen alternativas ou, as que existen, fan aos condutores perder moito tempo. E non falamos de condutores ocasionais, senón tamén profesionais, pois trátase dunha zona frecuente de paso de furgonetas de reparto, grandes camións e tractores, xa que comunica unha zona na que hai moitas granxas cos lugares de destino da súa produción.

Dificultade de dous tractores para pasar á par pola DP-7402
Dificultade de dous tractores para pasar á par pola DP-7402 | Fonte: Concello de Rois - Arquivo

Falamos da DP-7402, un tramo de 2,6 quilómetros de estrada que comunica os concellos de Padrón e Rois coa AG-56, a autovía que leva cara Santiago ou cara Noia, ou as parroquias do Martelo e Aguasantas (para a xente da zona). Aínda que os habitantes destes concellos poden chegar a Santiago pola N-550, para ir a Noia téñeno difícil se non é por aquí, pois terían que dar unha gran volta pola Autovía do Barbanza, a AG-11. Tratándose Rois dun concello eminentemente rural no que hai numerosas granxas que traballan na produción de leite e carne (a maioría situadas precisamente na parte alta do concello, colindando con esta vía), así como plantacións de moitos tipos de colleita, resulta evidente que o tránsito de mercadorías pola DP-7402 é elevado, así como o de maquinaria agrícola que traballa nestas zonas agrarias.

Dende o Galicia Confidencial falamos con Marcos, un veciño da parroquia de Leroño, unha das máis próximas a esta pista, que nos asegura que "por aquí pasan ducias de camións e tractores todos os días" e que "non pasan dúas semanas sen que haxa algún susto: algúns camión que queda embarrancado na cuneta ou un choque entre dous coches que non collían". De feito, explica que "é un perigo, porque aínda que hai tramos polos que si collen dous coches, pasan a toda velocidade, ao estar acostumados ou coñecer a zona" e, "habendo tanta curva", "hai veces que mesmo os atopas de fronte polo medio e medio e veste negro para frear".

ACTUALIDADE: ESTANSE LEVANDO A CABO AS EXPROPIACIÓNS DE FINCAS E, SALVO QUE ALGUÉN PRESENTE ALEGACIÓNS, O SEGUINTE SERÍA A LICITACIÓN

A Deputación da Coruña adquiriu en 2019 o compromiso de ampliar esta estrada, para a que anunciaba un investimento de 1,2 millóns de euros. O proxecto non saiu adiante porque rematou sendo rexeitado pola Dirección Xeral de Patrimonio, xa que as obras poderían afectar a un xacemento de mámoas ubicado entre os núcleos de Salgueiros e O Codeso. Unha vez identificados e catalogados os elementos patrimoniais, o novo estudo da obra tívoos en conta e redactou outro proxecto, cun importante incremento orzamentario, ao pasar deses 1,2 millóns de euros a máis de 2. O pleno da Deputación aprobou a finais de 2022 a mellora e ampliación de 2,5 quilómetros de pista.

Tractores sofren un accidente na DP-7402
Tractores sofren un accidente na DP-7402 | Fonte: GES Padrón - Arquivo

A propia Deputación, durante o proceso de redación do novo proxecto, consideraba esta vía "fundamental para vertebrar as comarcas de Padrón e Noia", sendo "a principal vía de comunicación entre ambas". Agora mesmo o proxecto xa non se atopa paralizado, segundo nos informan fontes próximas á Deputación, que aseguran que se están levando a cabo os procesos de expropiación de fincas e que están seguíndose os trámites burocráticos pertinentes. Coa información posta en mans dos propietarios das fincas, estanse a piques de realizar os pagos correspondentes a cada expropiación e, salvo que haxa alguén que presente alegacións, xa sairía adiante a licitación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta