A CIG desmárcase da firma do novo convenio de caixas e entidades financieiras de aforro

Reproban que co convenio, subscrito polo 86% da representación sindical, non se recupera o poder adquisitivo perdido.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/04/2024 | Actualizada ás 18:36

Comparte esta noticia

A CIG rexeitou asinar o novo convenio colectivo de caixas e entidades financeiras de aforro, selado por CECA e sindicatos a pasada semana e que contempla un incremento salarial do 11% a tres anos. Nun comunicado, o sindicato nacionalista censura que o novo convenio "nin garante o poder adquisitivo nin avanza en dereitos" ao consolidar recortes anteriores, a pesar de que o sector acumulou "beneficios millonarios" nos últimos anos.

E é que CIG-Banca reproba que con estes incrementos salariais non se recupera o poder adquisitivo perdido. "A maior fonte de recorte salarial foron os convenios colectivos de aforro, segundo os datos que os sindicatos asinantes expuxeron o inicio da negociación", pois o convenio "consolida a perda en táboas".

Segundo o cálculo da CIG, a subida acumulada para o período 2010-2023 será do 5,1%, o que contrasta cunha alza do IPC do 27,8%, o que se traduce nunha perda de poder adquisitivo de 22,7 puntos. Apunta que dan un pago único de 1.000 euros a cambio de eliminar as pagas por rendibilidade (ROE). Xunto a isto, "non se actualiza a quilometraxe, nin as axudas de gardaría nin as de formación de fillos nin as de formación empregados". "E manteñen o recorte no cálculo dos trienios", agrega.

CONVENIO

O convenio foi subscrito polo 86% da representación sindical a través de FINE, CC.OO. e UGT. O convenio será de aplicación ata 2026 e afectará aos máis de 55.000 empregados de CaixaBank, Unicaja, Abanca, Ibercaja Banco, Caixa Ontinyent, Caixa Pollença e Cecabank.

Esta firma prodúcese tras o preacordo alcanzado o pasado 12 de marzo. A subida pactada para 2024 é do 5% e para 2025 e 2026 é dun 3% cada ano. Ademais, as entidades adheridas a CECA darán un pago adicional en 2024 de 1.000 euros a cada empregado.

Oficina de Abanca atracada no Porriño
Oficina de Abanca atracada no Porriño | Fonte: Street View

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta