Mudar a faciana

Feijoo, o presidente da Xunta, decidiu mudar a imaxe do seu goberno. E fíxoo de súpeto, un domingo, cando menos se esperaba. Cesou a conselleira de sanidade, todo un éxito, e aumentou as consellerías, rachando coa promesa que fixera cando chegou á san Caetano. Pois daquela o obxectivo era aforrar custos e reducir cargos, cuestión que non se cumpliu en ningún momento.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 11/10/2015

Comparte esta noticia
Algo debeu soar mal ouvido do presidente que con todos este movementos  tenta modificar a faciana dun goberno parasitado, sen ideas, que nin está presente nin se lle espera. A imaxe, polo menos nos primeiros días, causa sensación de que algo mellor pode vir. Pero iste cambio, aínda que falla por escoitar os nomeados,  soamente é mimético e de persoas.
 
Agora, cando van máis de seis anos da era Feijoniana, e cando todo camiña sen rumbo nin cousas novidosas que contar, pódese afirmar, con suma rotundidade que, a época deste xestor, pois outra cousa non fixo máis que xestionar os recados de Madrid,  nada ten para presentar cando chegue a hora do balance final de mandato.
 
Nada positivo, agás que cumpliu escrupulosamente o que lle ditaban dende Xénova. E para iso, fagamos un relatorio de asuntos e problemas que seguen igual ou peor que cando chegou este señor ó goberno aireando un conflito lingüístico inexistente, ou falando das cadeiras e os coches do presidente Touriño, das expropiacións do banco de terras, etc. Ben sei que a memoria dos cidadáns é sumamente fráxil e soamente  vive no presente diario.
 
Pero con todo, moitos galegos preguntaranse  se melloraron os índices de paro que deixara o bipartito; preguntaranse que foi do concurso eólico con fallo da sentencia en contra e os gastos que dela se derivaran para as arcas públicas; que se fixo na política do medio rural onde a desertización humana  avanza inexorablemente; que política se fixo cos incendios que seguen campando ano tras ano; que pasou no ensino onde se primou ós centros privados en detrimento dos públicos; que aconteceu coa sanidade e as listas de espera; que pasou coa construción naval; coas caixas de aforros e aquela fusión das caixas que Feijoo aplaudía como un neno cando lle dan un xoguete; que pasou coas administracións públicas desmanteladas e case sen funcións.
 
Que pasa cos nosos mozos e mozas que seguen buscándose a vida fora da terra. En fin, son tantas as cousas das que se pode falar e que esperan solución que presumo que, o noso presidente, nada sólido pode presentar ó final dos oito anos mandando na Xunta. Por iso, para dar a imaxe de que algo se fai,  bota man do cambio de caras, pero as políticas serán as mesmas.
 
O importante sempre foi o fondo,   e iso non vai trocar. Pois o fondo é o que manda e neste senso o cambio levará un estigma que o define: Que todo troque para que todo siga igual. Ou sexa: mais do mesmo, pero é necesario  facer un lavado de cara. Vivimos nunha sociedade onde a imaxe vale moito. Pero non nos esquezamos nunca do fondo, a non ser que esteamos choscos e  xordos. Pois á partitura é a mesma e aínda que agora se queira ornamentar con outros músicos máis novos, o que manda e dirixe é o mesmo, e seguindo o  guión establecido  nada vai mudar.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Herminio Iglesias Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com