Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/04/2024 | Actualizada ás 14:13
Rebaixar a xornada ás 37,5 horas semanais, ampliar os permisos por nacemento e tratar a vivenda como "un dereito" son algunhas das "seis medidas concretas" que Sumar Galicia reclamou este martes ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, dentro dese "punto e aparte" que anunciou o luns tras os seus cinco días de reflexión sobre se dimitir ou non.
Así o enumerou a deputada de Sumar por Pontevedra, Verónica Martínez Barbero, nunha rolda de prensa ofrecida en Santiago xunto co seu compañeiro pola Coruña, Manuel Lago, e o portavoz da formación en Galicia, Paulo Carlos López. Martínez Barbero engadiu algúns puntos ás formulacións xa manifestadas o luns pola vicepresidenta segunda do Goberno e líder de Sumar, Yolanda Díaz, quen xa mencionou a necesidade de "dar un paso adiante" desde o Executivo en asuntos como derrogar a 'lei mordaza' e reformar o Consello Xeral de Poder Xudicial (CGPJ).
En total, a deputada de Sumar por Pontevedra citou seis "medidas concretas". A primeira, o acceso á vivenda como "o maior problema". Neste sentido, reclamou regular os pisos turísticos e "impedir a especulación" con este "dereito". A segunda, a redución da xornada laboral con ese "primeiro obxectivo" de fixar por lei o máximo de 37,5 horas de máximo á semana, porque hai "máis de 100 anos" que non se modifica.
A terceira que mencionou Martínez Barbero é a derrogación da coñecida como 'lei mordaza', aprobada polo Goberno de Mariano Rajoy e que supón unha "espada de Damocles" ante a mobilización social. Ampliar os permisos por nacemento e conseguir a súa remuneración é o cuarto punto, para conseguir "máis tempo para vivir" máis aló do traballo. O quinto é "recuperar a universalidade" da sanidade pública.
Finalmente, o sexto punto que mencionou a deputada de Sumar é a "democratización da xustiza", primeiro a través dunha reforma legal para "acabar co bloqueo" do Consello Xeral do Poder Xudicial. "Non pode ser que haxa aí uns señores e señoras que levan cinco anos co mandato prorrogado", dixo. Neste mesmo contexto, Martínez Barbero avoga por facilitar o acceso á carreira xudicial, ante a "imposibilidade", principalmente económica, de que os aspirantes a xuíces teñan que dedicar ata sete anos a preparar os procesos de selección.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.