Quedarán concellos do rural galego sen fibra óptica? O BNG pide ao Goberno tomar medidas para evitalo

O BNG rexistrou unha batería de iniciativas nas Cortes para coñecer as actuacións do Goberno ante os "problemas" e "deficiencias" no proceso de substitución do cobre pola fibra óptica no rural de Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/05/2024 | Actualizada ás 13:11

Comparte esta noticia

O BNG rexistrou unha batería de iniciativas nas Cortes para coñecer as actuacións do Goberno ante os "problemas" e "deficiencias" no proceso de substitución do cobre pola fibra óptica no rural de Galicia. Deste xeito, a senadora do BNG, Carme da Silva, defendeu "garantir a chegada da fibra á totalidade dos fogares de Galicia e unha maior implicación do executivo para non deixar incomunicadas as zonas rurais galegas", asegurando a igualdade e o acceso universal ás novas tecnoloxías.

A formación nacionalista subliña que toda a cidadanía "ten dereito" a acceder á fibra óptica, garantindo a igualdade de condicións a todas as poboacións, sen que o ámbito rural quede atrás. Así, ante os problemas que se están presentando en "multitude" de núcleos do mundo rural en Galicia, Carme da Silva rexistrou iniciativas para que o Goberno asuma un "maior compromiso", posto que "ten o deber de asegurar a igualdade e a universalidade no acceso ás novas tecnoloxías".

"Son moitas as zonas, denominadas escuras, en que se augura incomunicación e o temor de quedar desconectadas, sobre todo en Ourense e Lugo", sinala a senadora, quen tamén apunta que veciños de Dozón, Santa Comba ou Muras explican "atrasos importantes" na chegada da fibra óptica. Por iso, Da Silva convidou ao Goberno a informar "adecuadamente" á poboación ante o "apagamento" e a que habilite un mecanismo de reclamacións para que a cidadanía "poida canalizar as súas queixas e reclamacións de forma clara e directa". "Ningunha vivenda de Galicia pode quedar desconectada", salientou Da Silva, quen lembra que a Comunidade conta coa "maior dispersión poboacional do estado, con miles de núcleos de poboación".

EVITAR O APAGAMENTO TOTAL

A senadora expón que, para evitar o apagamento total en áreas rurais, existen alternativas como o acceso por radio ou satélite, pero moitos veciños están a descartalo polo seu custo e porque "non garanten unha boa operatividade nin a cobertura de todos os servizos contratados". Deste xeito, o BNG solicita ao Goberno que "coordine" coas operadoras de telefonía o proceso de extensión da fibra óptica no ámbito rural galego, de modo que "non se produzan problemas de demora, incumprimentos de datas e situacións de incomunicación e illamento de núcleos de poboación ou de vivendas".

A senadora do BNG, Carme da Silva, nunha comparacencia no Senado
A senadora do BNG, Carme da Silva, nunha comparacencia no Senado | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta