Rueda insiste en "falar" e non "insultar" a Milei para "velar polos intereses" das empresas galegas na Arxentina

Preguntado sobre porque a súa interlocución co Goberno arxentino fora a través dun subsecretario de Pesca, dixo que falou coas persoas con "capacidade de decidir" todo o relacionado coa política pesqueira arxentina.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/05/2024 | Actualizada ás 15:11

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, volveu a sinalar este luns que o ministro de Transportes e Mobilidade Sustentable, Óscar Puente, debe "como mínimo" pedir desculpas e rectificar polas súas palabras "absolutamente fóra de lugar" sobre o presidente de Arxentina, Javier Milei. E, neste sentido, incidiu en que ó que hai que faer para manter os "intereses" das empresas galegas e españolas na Arxentina.

En concreto, o ministro dixo o venres nun coloquio sobre comunicación e redes sociais en Salamanca: "Vin a Milei nunha tele e dixen, segundo o estaba escoitando, non sei en que estado, previa á inxesta ou despois da inxesta de que sustancias, e saíu a dicir aquilo e eu dixen: é imposible que gañe as eleccións, cavou a súa fosa. Pois non".

Rueda, que se atopaba de viaxe institucional en Arxentina no momento no que se produciu a polémica, considerou "lamentables" as palabras de Óscar Puente e incidiu na necesidade de manter unhas boas relacións institucionais cos países nos que os galegos e españois teñen relacións. "Eu estiven alí e vin a importancia fundamental, a necesidade de que os galegos que viven alí e sobre todo as empresas galegas que están a investir alí, arriscando o seu patrimonio e creando riqueza, manteñan unha boa relación coas institucións arxentinas", trasladou na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno.

Neste sentido, o titular da Xunta dixo que as declaracións non viñan "a conto en absoluto" e asegurou alegrarse de que a imaxe dos galegos e dos españois sexa "moi diferente" da que se pode extraer da actuación de "algúns membros do Goberno de España". Tras incidir en que as relaciones institucións "son fundamentais", ademais da educación e a corrección institucional", asegurou que "se o Goberno de España considera que non ten por que velar polos intereses dos españois, dos galegos, e das empresas españolas e galegas" que estean no Arxentina, o Executivo galego "si o vai a facer". "E foi o que se fixo alí", manifestou en referencia á súa recente viaxe ao país suramericano, do que acaba de chegar.

VISITA A ARXENTINA

Ademais, preguntado por GC polo feito de que non fose recibido polo propio presidente Javier Milei ou ministros --xa que estivo co subsecretario de Pesca-- na súa visita a Arxentina, lembrou que cando anunciou a viaxe ao país xa trasladou que se trataba dunha visita "con contido económico e finalidade práctica" e coas persoas que tiñan a "capacidade de decidir" todo o relacionado coa política pesqueira arxentina.

"As datas decidímolas nós", dixo para trasladar que mantivo reunións con distintas autoridades como o xefe do Goberno, o alcalde de Buenos Aires e a colectividade galega. Ademais, lembrou que estivo cos dous gobernadores das provincias nas que están as empresas galegas que teñen que ver coa pesca, grazas a cuxa presión se motivou o cambio de criterio na postura de Arxentina sobre as cotas de pesca que prexudicaba ás empresas galegas.

Por último, volveuse a referir a as palabras de Puente para subliñar que o goberno de Javier Milei foi elixido democraticamente e é o que ten a capacidade de tomar decisións. "Por tanto, todo o mundo entenderá que é con quen hai que falar e tentar chegar a acordos que beneficien aos galegos que están en arxentina" e "non insultalos e faltarlles respecto diso".

O ultradereitista da Arxentina Javier Milei
O ultradereitista da Arxentina Javier Milei | Fonte: LPL - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta