Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/05/2024 | Actualizada ás 18:36
A Xunta participou este mércores nun simulacro de incendio forestal en zona fronteiriza desenvolvido no municipio do Maíllo, en Salamanca, e organizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural e Política Forestal da Consellería de Medio Ambiente, Vivenda e Ordenación do Territorio de Castela e León. A Axencia Galega de Emerxencias (Axega) desprazou o seu Grupo de Apoio Loxístico e Intervención (GALI), equipado coa Unidade Operativa de Drons.
O exercicio enmárcase no proxecto europeo Interreg Atempo, que ten como finalidade non só reducir os tempos de resposta ante emerxencias transfronteirizas derivadas do cambio climático, se non tamén anticiparse e previr estas situacións cada vez máis frecuentes. Para cumprir estes obxectivos, preténdese pór a proba a cooperación, así como mellorar a integración das administracións implicadas na protección das áreas transfronteirizas compartidas por Portugal, Galicia e Castela e León.
Neste caso, mediante a simulación dun grande incendio forestal que requiriría da participación de recursos máis aló das fronteiras castelán-leonesas. O programa Atempo é a continuación doutras experiencias anteriores como Ariem ou Protempo, que tamén tiñan como obxectivo potenciar a colaboración en emerxencias nas zonas transfronteirizas a ambos os dous lados da raia. O fomento da innovación mediante o uso de ferramentas como a intelixencia artificial é unha das características fundamentais deste proxecto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.