9X- Pontón acusa a PP e PSOE de "vetar" unha AP-9 sen peaxes: "Vai ser máis barato que os rescates das radiais madrileñas"

Pontón reprochou que "cambian os gobernos, cambian os ministros de Transporte, cambian os inquilinos da Moncloa, pero o que non cambia é a discriminación" con Galicia, mentres os diferentes gobernos do Estado "seguen facendo que os galegos paguen unhas peaxes que son absolutamente abusivas".

Por Europa Press / Redacción | FERROL | 02/06/2024 | Actualizada ás 14:53

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou unha AP-9 "galega e libre de peaxes" e estima que "neste momento hai unha grande oportunidade", tras o procedemento de infracción que abriu a Unión Europea e que considera ilegal a ampliación de 25 anos desta infraestrutura que fixo no seu día o Goberno do PP e que o actual Executivo liderado polo PSOE decidiu "non asumir esa oportunidade e presentou recurso".

Por iso, en declaracións este domingo nas inmediacións da peaxe da AP-9 no municipio coruñés de Fene, a nacionalista pediu "retirar este recurso" e instou a "facer un estudo serio e rigoroso" sobre o custo do rescate da AP-9, convencida de que vai ser "máis barato" que os galegos "sigan pagando unhas abusivas peaxes" e que "vai ser máis barato que os rescates das radiais madrileñas".

Neste sentido, argumentou que "infraestruturas similares foron transferidas aos gobernos vascos e catalán" e o BNG non quere que Galicia sexa "máis", pero "tampouco menos". "Creo que se hai un exemplo de manual sobre como discriminan a Galicia ese é a autoestrada AP-9", manifestou antes de trasladar que cre que existe "un boicot permanente á súa transferencia, á súa gratuidade, tanto por gobernos do PP como por gobernos ou partidos que demostran a súa discriminación con este país".

DISCRIMINACIÓN

Pontón reprochou que "cambian os gobernos, cambian os ministros de Transporte, cambian os inquilinos da Moncloa, pero o que non cambia é a discriminación" con Galicia, mentres os diferentes gobernos do Estado "seguen facendo que os galegos paguen unhas peaxes que son absolutamente abusivas".

Así mesmo, a nacionalista criticou o "infame boicot por parte do goberno do PP, no que Ana Pastor e Mariano Rajoy querían impedir o debate sobre a transferencia da AP-9" e que posteriormente puideron "comprobar como en ata en tres ocasións evitouse o debate da transferencia polo desinterese que teñen as forzas estatais". Nesta liña, expuxo que "a última escusa" foi dicir que "esta autoestrada non pode ser transferida porque comunica con Portugal" o que, engadiu, "demostra un absoluto descoñecemento de cal é a realidade das infraestruturas en Galicia".

Fronte a iso, Pontón lembrou que o Goberno central "rescatou as radiais madrileñas. "Cando se trata de rescatar á banca e ás súas grandes construtoras, como as de Florentino Pérez, é asumible, pero cando se trata de rescatar a AP-9 e aos galegos dunhas peaxes que son unha auténtica estafa legalizada, a resposta é que non é asumible", cuestionou.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, xunto coa candidata ás eleccións europeas, Ana Miranda, nun acto en Fene
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, xunto coa candidata ás eleccións europeas, Ana Miranda, nun acto en Fene | Fonte: BNG

PONTÓN PIDE O VOTO EN FERROL PARA QUE GALICIA "TEÑA VOZ" EN EUROPA

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu o voto para estas eleccións europeas para o Bloque, xa que entende que é "a única garantía de que Galicia teña voz propia" en defensa dos intereses dos galegos e para contribuír á construción dunha "Europa social, dos pobos e da paz".

"O BNG defende unha Europa xusta, da igualdade; unha Europa que coloque ás persoas no centro, solidaria, feminista; que respecte a diversidade, antifascista, antimilitarista e que non mire para outro lado ante o xenocidio do pobo palestino", manifestou a líder nacionalista. Así se pronunciou este domingo en Ferrol, nun mitin celebrado na alameda do Cantón, no que estivo acompañada pola cabeza de lista ás eleccións europeas, Ana Miranda, polo deputado Mon Fernández e polo portavoz do grupo municipal na cidade, Iván Rivas.

Para a portavoz nacional, o voto á lista da que forma parte Ana Miranda "garante a defensa dunha Europa máis xusta" e, sobre todo, como "a única que servirá para defender" os intereses de Galicia "libremente e sen intermediarios", polo que convidou aos asistentes neste acto "a acudir masivamente aos colexios electorais con orgullo e ilusión para depositar nas urnas a papeleta do BNG".

"NÓS SOMOS O EQUIPO DA CASA"

Por último, afirmou que o BNG está "para dar a cara por este país". "Porque nós somos o equipo de casa, que sabemos que é o máis importante que podemos facer en calquera institución, que é dar a cara polos galegos" para, desta maneira, apuntou, "defender o que é fundamental e evitar que nos traten por menos". 

Pola súa banda, Ana Miranda lembrou que "foi o BNG quen reclamou o saneamento das rías" e quen levou a Bruxelas "a voz dos mariscadores, porque é fundamental recuperar a produtividade do conxunto das rías galegas, incluída a de Ferrol", para cuxo saneamento pedirá a incorporación doutros concellos, como o de Neda.

A cabeza de lista ás eleccións europeas tamén ratificou o compromiso do Bloque coa renovación da infraestrutura ferroviaria, incluída a de Ferrol, na que fixou como obxectivo "reducir os tempos a menos dunha hora", en alusión á conexión coa cidade da Coruña, e incrementar o número de frecuencias e servizos para "traer un tren europeo, útil para os veciños da comarca e que non sexa contaminante".

Ademais, a nacionalista comprometeuse a seguir defendendo en Europa "o dereito de Galicia a producir e desenvolver os seus sectores", entre eles, o naval, e apostou "por abrir as instalacións navais ao ámbito da construción civil". Así mesmo, puxo en valor que "só cunha voz forte en Europa" serán quen de "impulsa políticas pensadas para pór o país a producir". Por todo iso, pediu aos asistentes a este mitin e toda a cidadanía "coller a papeleta do BNG o próximo 9 de xuño, unha papeleta que non só garante a firme defensa de Galicia, senón que tamén contribúe á construción dunha Europa social e a pór freo á extrema dereita".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta