As mulleres galegas cobran ao ano 4.714 euros menos que os homes

Case dous de cada tres traballadores cobraron o ano pasado menos de 2.000 euros ao mes. Son datos da Enquisa de Estrutura Salarial presentada este xoves polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/06/2024 | Actualizada ás 13:11

Comparte esta noticia

O salario bruto medio anual das mulleres galegas situouse en 2022 en 21.912,75 euros, o que supón 4.714 euros menos que o que cobraron os homes galegos de media ese mesmo ano, segundo a Enquisa de Estrutura Salarial presentada este xoves polo Instituto Nacional de Estatística (INE), recollida por Europa Press.

A pesar de que o soldo delas creceu un 4,8 %, mentres que o deles fixo o propio nun 3,2 %, a diferenza entre ambos aínda queda en algo máis de 4.714 euros. De media, as persoas galegas percibiron 24.169,68 euros en 2022, un 3,7 % máis que en 2021. Este dato tamén queda lonxe da media nacional, que foi de 26.948,87 euros, un 4,1 % máis que no ano anterior.

Tamén a nivel nacional, o 17,1 % dos traballadores gañou en 2022 como moito o salario mínimo interprofesional (SMI), que foi de 14.000 euros anuais, mentres que o 48,16% percibiu entre unha e dúas veces o SMI. Desta maneira, sumando ambas as porcentaxes, case dous de cada tres traballadores cobraron o ano pasado menos de 2.000 euros ao mes. O INE tamén sinala que o salario bruto medio anual en España foi de 26.948,87 euros por traballador en 2022, un 4,1 % maior que o do ano anterior.

A ganancia media dos homes creceu un 3,5 % en 2022, ata 29.381,84 euros, e a das mulleres aumentou un 5,1 %, ata 24.359,82 euros. Por tanto, o salario media anual feminino foi o 82,9 % do masculino, unha diferenza que se matiza tamén en función doutras variables laborais, como o tipo de contrato, de xornada, ocupación ou antigüidade, entre outras.

Polo que respecta á distribución salarial, o 24,2 % das mulleres tivo un salario anual menor ou igual que o SMI en 2022, fronte ao 10,3 % dos homes. Nesta situación influíu a maior porcentaxe de mulleres que traballaron a tempo parcial. Se se teñen en conta os salarios máis elevados, o 3,9 % dos homes presentaron salarios cinco veces ou máis superiores ao SMI, fronte ao 2,2 % das mulleres.

Traballadora nunha oficina
Traballadora nunha oficina | Fonte: Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta