Por E.P. | MADRID | 26/06/2024 | Actualizada ás 14:22
PP e PSOE rexeitaron este mércores na Comisión Xeral das Comunidades Autónomas do Senado unha iniciativa do BNG na que se expuña o traspaso a Galicia de máis de 20 competencias, entre as que destacaban a transferencia de Tráfico, a de inmigración, a da Xestión do Ingreso Mínimo Vital e a de Institucións Penais, entre outras.
A iniciativa do BNG, que finalmente foi rexeitada coa maioría que conforman PP e PSOE, instaba o Goberno a convocar a Comisión Mixta entre o Estado e a Xunta para negociar o traspaso de varias competencias.
Entre as competencias que o BNG pedía traspasar a Galicia están as das Autoestradas AP9 e AP53; a de Tráfico e seguridade viaria; medios de xestión do dominio público marítimo terrestre e ordenación do litoral; servizos e infraestruturas viarias e ferroviarias que discorren por territorio galego; Portos de interese xeral; obras hidráulicas de interese xeral ou a xestión da conca hidrográfica Miño-Sil.
Tamén pretendían as transferencias de Salvamento marítimo; os servizos sanitarios para os traballadores do mar; Inspección de traballo; Metereoloxía; Fomento do emprego; Formación ocupacional; Centros de investigación con sede en Galicia ou Paradores de Turismo.
INSTITUCIÓNS PENAIS
A lista de traspasos tamén incluía as funcións e servizos de Institucións Penais; as instalacións e espazos pertencentes a Defensa que estean abandonadas ou en desuso; a expedición e homologación de títulos académicos, así como emigración e inmigración.
Da mesma maneira, o BNG reclamaba a aprobación e autorización por parte das institucións galegas das instalacións de redes básicas de gas e oleodutos que transcorran por Galicia e asunción das funcións administrativas de autorización, supervisión e control que desempeña o Estado de refinarías e almacéns de hidrocarburos radicados en Galicia.
O texto, finalmente rexeitado, tamén quería que o Goberno e a Xunta negociarán para "facilitar a presenza das institucións galegas en entidades de carácter estatal como o Banco de España, Comisión Reguladora do Mercado de Valores, Portos do Estado, AENA, órganos de dirección e administración de empresas públicas con centros de traballo en Galiza, etc., e nas comisións reguladoras de servizos liberalizados (telecomunicacións, enerxía)".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.