Boas previsións para o sector turístico galego de cara ao verán, cunha ocupación media do 80 %

Nalgunhas zonas e en datas sinaladas os establecementos poderían achegarse ao 90 %.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/06/2024 | Actualizada ás 17:52

Comparte esta noticia

As previsións do sector turístico galego para este verán apuntan a uns niveis e ocupación do 80 %, que nalgunhas zonas e en datas sinaladas poderían achegarse ao 90 %. Estes son datos da sondaxe realizada polo Clúster Turismo de Galicia esta semana, na que as fontes consultadas coincidiron en sinalar que o turista maioritario é de orixe nacional.

Con todo, tal e como explicou o Clúster nun comunicado, destacaron o incremento de viaxeiros internacionais, especialmente estadounidenses, na maior parte do territorio e vinculados ao Camiño de Santiago. No turismo rural tamén esperan cifras de ocupación moi positivas, especialmente para o mes de agosto, cando algúns establecementos poderán colgar o cartel de completo.

En referencia aos prezos, para o mes de xullo, os hoteis de cinco estrelas son os que rexistran as cifras máis elevadas, alcanzando os 280 euros, os hoteis de catro estrelas teñen prezos máximos de 140 euros por noite, mentres que os dunha soa estrela sitúanse preto dos 80 euros.

Pola súa banda, nas pensións os custos medios por noite redúcense ata situarse entre os 55 e os 70 euros as dunha e dúas estrelas. Nos cámpines, o custo medio por noite nos de primeira categoría está sobre os 60 euros e nos de segunda categoría varía entre 130 e os 270 euros. No caso dos albergues, en función da categoría, os prezos oscilan entre os 25 e os 75 euros.

PREVISIÓN POR ZONAS

En referencia á previsión por zonas, na cidade da Coruña os hoteis estiman que a ocupación alcanzará o 88 % no mes de xullo, unha cifra que se poderá incrementar ata o 92 % en agosto. O mercado nacional continúa sendo o maioritario na cidade herculina, onde representa en torno ao 80 % dos viaxeiros.

Na Costa da Morte esperan niveis de ocupación de ata o 95 % en datas puntuais e, segundo o Clúster, destacan o crecemento do turista internacional, especialmente o estadounidense, que pode situarse sobre o 40 %. En Santiago auguran unha boa tempada con ocupacións que roldarán o 80 % e apuntan que este verán rexistrará cifras similares ao anterior, cun comportamento mellor da primeira quincena de xullo, na que historicamente as cifras de ocupación son menores.

En Ferrol e comarca as previsións tamén son optimistas, con ocupacións sobre o 85 % e o mercado principal é o nacional, cun peso moi importante do Camiño Inglés e do turismo de surf. Na provincia de Pontevedra a ocupación situarase sobre o 82 % e, os consultados polo Clúster, destacan o incremento de viaxeiros internacionais vinculados ao Camiño.

Pola súa banda, en Sanxenxo detectan un bo ritmo de reservas, cunha previsión moi positiva de ocupación para os meses estivais, especialmente en agosto. Na provincia de Ourense, a ocupación poderá alcanzar o 85 %, debido aos turistas interesados en percorrer Galicia e coñecer os beneficios do interior.

As primeiras previsións na provincia de Lugo apuntan a un 65 % de ocupación para o mes de xullo e un 75 % para agosto. Ademais, esperan que os datos aumenten nas próximas semanas, especialmente en datas sinaladas como o 25 de xullo. Na Ribeira Sacra as previsións apuntan ao 80 % de ocupación e esperan que o Camiño Francés e a crecente demanda do Camiño de Inverno favorezan as reservas na zona, onde se estima que a maioría dos turistas sexan de orixe nacional.

Praia de Silgar, en Sanxenxo, Pontevedra, a 30 de setembro de 2023
Praia de Silgar, en Sanxenxo, Pontevedra, a 30 de setembro de 2023 | Fonte: ELENA FERNANDEZ - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta