A Rede do Rural reclama un "plan específico" para a educación en Galicia e urxe a frear o proxecto de Altri

Así como pide paralizar varios dos macroeólicos pendentes de instalación.

Por Europa Press / Redacción | LUGO | 15/07/2024 | Actualizada ás 17:11

Comparte esta noticia

A coordinadora da Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural presentou este luns en Lugo os resultados do informe de anualidade 2023-2024 'O rural informa' e chamou a atención sobre a urxencia de elaborar un "plan específico para a educación no rural de Galicia" así como de "frear" o proxecto de Altri en Palas de Rei e paralizar varios dos macroeólicos pendentes de instalación na comunidade.

Estas son algunhas das reivindicacións resultantes dun concienzudo proceso de investigación e dun debate desenvolvido, previa elaboración do informe, por parte das diferentes entidades adheridas ao organismo, que agrupa a colectivos, movementos de renovación pedagóxica, sindicatos e asociacións ecoloxistas distribuídas ao longo de todo o territorio autonómico.

O citado informe, de cuxas conclusións se fixo eco este luns a coordinadora da Rede do Rural nun acto celebrado na Facultade de Formación do Profesorado da capital lucense, pon de manifesto a existencia dunha "vulneración dos dereitos da cidadanía rural" expresada en diferentes ámbitos.

Así, en materia de educación, o equipo de traballo da Rede do Rural dedicado á Planificación Escolar denunciou a "perigosa carencia" dunha normativa capaz de garantir "a estabilización de docentes" con destino en centros escolares situados en áreas rurais e subliñou a "fundamental" importancia de elaborar un plan específico para o ensino en Galicia en áreas rurais. Así mesmo expuxeron, no mesmo ámbito, que o acceso aos servizos de comedor e transporte sexan gratuítos para o alumnado de contornas urbanas que desexe escolarizarse no rural; e solicitaron á Consellería de Educación "o establecemento dun número mínimo de alumnos para pechar as unitarias" así como unha "moratoria de peche" cando comece a descender o alumnado.

INSTALACIÓNS INDUSTRIAIS E MACROEÓLICAS

O informe, que tamén alerta da "deterioración programada" e da situación de "abandono progresivo" dos servizos públicos sanitarios en áreas rurais á vez que subliña a necesidade de implantar "vivendas comunitarias públicas" para satisfacer as necesidades dos habitantes do medio rural en materia de autonomía persoal e dependencia, reserva un capítulo especial á afectación provocada pola implantación de grandes proxectos industriais no territorio.

"A Rede do Rural constatou que máis de 40 parques macroeólicos, dos preto de 100 previstos, que misteriosamente recibiron autorización administrativa, están paralizados polos tribunais grazas ao traballo de denuncia dos movementos veciñais", destacou respecto diso Rubén Constenla, portavoz da rede, para acto seguido denunciar a "supresión de períodos de exposición e información pública" preceptivos para garantir, dixo, a "lexítima presentación de alegacións" por parte da cidadanía.

"Do estudo do Plan Eólico galego dedúcese que está proxectado para servir aos intereses de macroindustrias electrointensivas ou de fondos financeiros asociados aos monopolios enerxéticos", engadiu. Tamén fixo constar no seu informe a Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural os perigos derivados das implantacións industriais baseadas en monocultivos forestais de eucaliptos e outras especies alóctonas en diferentes puntos da comunidade.

"Resulta incomprensible que se renovou unha concesión de 60 anos a unha empresa en Pontevedra consumidora de materia prima procedente da produción forestal eucaliptera", sinalaron, en relación a Ence, antes de trasladar a súa "gran preocupación" polo proxecto industrial que a multinacional portuguesa Altri pretende levar a cabo na comarca da Ulloa.

"Este informe recolle demandas e esixencias para as administracións públicas competentes. Para a Xunta de Galicia pero tamén para as deputacións, que poderían dar resposta a varias das nosas reivindicacións", sintetiza, en declaracións a Europa Press, Rubén Constenla. E despois culmina, á mantenta das demandas máis urxentes recollidas no devandito informe: "É fundamental frear, tal e como está exposta, a posible implantación de Altri en Palas de Rei e tamén nos parece urxente frear varios dos macroeólicos".

Representantes da Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural, este luns tras a presentación do seu informe anual
Representantes da Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural, este luns tras a presentación do seu informe anual | Fonte: Europa Press

O DEPARTAMENTO DA HISTORIA DA ARTE DA USC AMOSA "PREOCUPACIÓN"

O departamento de Historia da Arte da USC mostrou a súa "preocupación" polo impacto do futuro proxecto da fábrica de Altri no patrimonio cultural na zona de Palas de Rei. A petición da asociación ecoloxista Adega, este departamento demanda que se realicen os estudos patrimoniais independentes pertinentes sobre esta planta de fibras téxtiles.

Nun comunicado, expón esta opinión tras ser tratado o asunto nun Consello de Historia da Arte, á vez que informa que se trata dunha opinión alcanzada por unanimidade. Igualmente, este departamento indica que se baseou nos documentos expostos en información pública relativos á solicitude de autorización e estudo ambiental, así como o proxecto e infraestruturas asociadas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta