Alta demanda de entradas para a MIT de Ribadavia, que comeza esta fin de semana

Os espectáculos de inauguración e clausura, 19 e 27 de xullo respectivamente, son "Dique" e "Iribarne", dúas pezas extraordinarias e avaladas pola crítica e xa teñen todas as entradas numeradas vendidas. Tan só quedan localidades sen numerar nos bloques 4 e 5 do Castelo.

Por Galicia Confidencial | Ribadavia | 19/07/2024 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

Esta primeira fin de semana da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia --19, 20 e 21 de xullo--, aposta por espectáculos para público familiar, infantil, adolescente a adulto, arredor de danza, o circo e as artes híbridas. Grandes referentes de mulleres creadoras coma Marta Pazos, a brasileira Alice Ripoll ou a recoñecida coreógrafa de series coma La Mesías, Belén Martí Lluch subirán ao escenario, e tamén haberá propostas de espectáculos na rúa como Treboada e Peixe que falarán de ecoloxismo ou a saturación turística en lugares como Mallorca.

Montaxe 'Iribarne'. COMPOSTELA CULTURA
Montaxe 'Iribarne'. COMPOSTELA CULTURA

A sesión golfa de Ibuprofeno, dun xeito cómico levaranos pola desmitificación do amor romántico e o Karaoke. Zona Franca presentará un potente espectáculo de danzas urbanas e danzas brasileiras para trazar unha paisaxe crítica das políticas populistas de Bolsonaro e as súas consecuencias na exclusión social, tras o seu exitoso paso por Amsterdam e Barcelona.

O premiado espectáculo da compañía de Lucas Escobedo ofrecerá con Paüra un sorprendente e humorístico percorrido polos medos que nos rodean, con música en directo. Un programa de luxo para unha primeira fin de semana do festival máis popular, vangardista e vivo do panorama galego e ibérico no verán.

INAUGURACIÓN DA MIT 2024

A inauguración será este venres 19 ás 20:00 h. na Igrexa da Madalena e contará coa intervención de representantes do Concello, da Deputación de Ourense, da Xunta de Galicia e do Goberno de España, así como do Director Artístico da MIT. Tamén na fin de semana comezarán as actividades paralelas coma os foros, un coloquio de mulleres creadoras, un acto da Academia Galega de Teatro, presentacións de libros ou a programación expandida das Residencias Paraíso.

MIT de Ribadavia 2023. Foto: MIT
MIT de Ribadavia 2023. Foto: MIT

Esta edición de 2024 conta con espectáculos galegos, do resto do Estado e de diferentes países internacionais como Brasil, Arxentina, Francia ou Chile. Un total de 21 espectáculos, tres cursos de formación escénica, unha exposición e máis de 10 actividades paralelas converten a Ribadavia nun concentrado foro escénico de 9 intensos días de artistas de primeiro nivel e traballos de alta calidade.

Con máis de 40 anos de historia, a MIT está quizais nun dos seus mellores momentos, cunha conexión forte co público e unha defensa esencial do territorio.

Toda a programación ao detalle na súa páxina web.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta