Galidanzantes- Elas protagonizan a danza en homenaxe á diminuta Virxe do Cristal de Vilanova dos Infantes

Falamos con Patricia Meléndez, danzante desde os 16 anos, sobre esta tradición que segue a ser un gran reclamo cada día 15 de setembro.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 03/08/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A vila de Vilanova dos Infantes, pertencente ao Concello de Celanova, é coñecida polo seu encanto medieval e, sobre todo, pola súa Virxe do Cristal, venerada en toda a comarca. Caracterízase polo seu tamaño sendo a imaxe mariana máis pequena, de tan só cinco centímetros, que se coñece en Galicia. Atópase dentro dunha minúscula cápsula de vidro e data do XVII. Continuando coa serie 'Galidanzantes' presentamos a Danza na honra á Virxe do Cristal, que conta cunha serie de peculariedades como o resto de danzas gremiais galegas. Neste caso, tamén é procesional porque danzan cada día 15 de setembro acompañando á Virxe do Cristal.

A danza de Vilanova dos Infantes
A danza de Vilanova dos Infantes | Fonte: Moncho Piñeiro Photo (Flickr)

'A Virxe do Cristal', así se titulaba un poema do escritor Manuel Curros Enríquez de 1880, na que contaba a historia desta Virxe de Vilanova dos Infantes: "Rapazas de Vilanova; Ben vos podedes gabar; Que non hay Virxe n-o mundo Como a Virxe D'o Cristal". É unha imaxe mariana que conta coa súa propia capela e con moita fama. Porén, a veciñanza desde o 2014 non conta coa imaxe orixinal da Virxe do Cristal, xa que desapareceu cando, por aquel entón, o párroco asasinado nun asalto na casa reitoral. "Sabemos perfectamente quen foi pero non se pode demostrar. A virxe era como de todos os de aquí e existe unha fe en que vai aparecer nalgún momento", comenta Patricia Meléndez, danzante desde os 16 anos e, cuxa casa é unha das tres que quedan do burgo medieval, se gardan os traxes de ano en ano. 

O DÍA GRANDE COA DANZA COMO GRAN RECLAMO

Xa coa nova imaxe, o sentir e a devoción non mermou nesta vila que ten a súa propia danza na súa honra. O propio día 15 de setembro, a Virxe do Cristal sae da capela en procesión polas estreitas rúas da vila e prodúcese o "Encontro" coas imaxes de San Roque e de San Sebastián, que se poñen mirando cara ela e saúdanse. "O día 15 é inamovible, é igual a que día caia", manifesta Patricia. Cando chegan á praza as imaxes contemplan como inicia esta Danza procesional e vinculada popularmente ao gremio dos zapateiros da vila, de orixe pagá. 

Ao longo da historia foi bailada por oito persoas, catro parellas e tres músicos: gaita, caixa e bombo. As orixes remóntanse ao 1700 cando o gremio que se dedicaba ao oficio da artesanía máis numerosa da vila, o dos zapateiros, danzaba "coa roupa interior das mulleres". Comezaron bailando por pasalo ben, pero como punto de inflexión, destaca Patricia, que se coñece que froito dos brotes de cólera da época, comezaron a danzar pola Virxe do Cristal. Nos inicios os danzantes eran todo homes, os que practicaban o oficio, e ían vestidos cunha indumentaria que se asociaba máis ás mulleres. Foi en 1974 cando danzaron elas por primeira vez por falta de homes. Esta dinámica perdurou ata a actualidade, xa que son maiormente mulleres e de diversas idades. "Cando alguén danza da familia, inténtase trasladalo ás novas xeracións. Eu cando era un bebé xa tiña foto co sombreiro da danza e tamén llo puxen á miña nena. Xa collía os paus da danza mentres eu lle marcaba o ritmo e hai casos de pais que danzan cos fillos. É certo que custa atopar xente, pero sempre aparecen", reivindica. 

ASÍ É A VESTIMENTA DESTA DANZA 

Antes de nada, tal e como destacamos da Danza de Arcos en Camariñas ou da Danza das Espadas de Carril, a base da indumentaria é en cor branca. Comezando de abaixo cara arriba, esta en concreto caracterízase polas zapatillas brancas de tea, con sola de goma, habituais para a práctica de ximnasia. A modo de ornamento, levan unha cinta vermella ao redor do nocello cunha lazada na parte exterior. Isto foi cambiando co paso do tempo, segundo se ten documentado, en 1965 calzaban zapatos de pel de cor negra feitos polos propios zapateiros, negro de cordón; ou nos 70, zapatillas deportivas de tea branca co cordón, ía cambiando co que tiñan. Nas pernas levan unhas medias de licra, antigamente de fío, espuma ou lá... Vai cinguida á perna. A saia das danzantes é branca e de tea, como a enagua que soe ir por debaixo do traxe tradicional e levan pololo: "Recupereino cando collín a danza, non se usaba por comodidade, pero consideraba que valía a pena para que non se perdera", expón. A saia leva no remate encaixe de Camariñas, liño e vai ata os xeonllos. Tamén conta cunha cinta que pode ser verde ou vermella, dependendo de si es guía, contraguía ou medio, na parte de abaixo, e con outra cinta de cor rosa na cintura. 

Xa na parte superior, a camisa é lisa, con peche de botóns, puños apretados e pescozo. Cruzan a camisa por riba dos ombreiros dúas cintas en cor verde (sobre o dereito, por riba da vermella) e vermello (sobre o esquerdo atravesando o corazón). Levan tamén unha garabata negra, por debaixo desas cintas e da cinta rosa. Porén, sen dúbida, o que máis chama a atención é o sombreiro, de palla recuberto de flores de papel de seda en diversas cores: azul, vermello, amarelo e branco. Na parte traseira déixase caer unha cinta de cor verde ou vermella atada ao sombreiro cunha lazada. "Nos sombreiros introducín un cambio para que fose máis sinxelo percibir os cambios de movementos. Os guías e contraguías, que son os dous de diante e os dous de detrás, levan na saia lazo verde e ata fai dez anos todos, tamén os do medio, levaban no sombreiro un lazo verdes. Consultei co resto e decidimos que os sombreiros irían á xogo e por iso tamén agora levan lazos vermellos. Considerei que era unha boa idea para que non foran só gorros de flores dando voltas", explica. 

ELEMENTOS DA DANZA

Músicalmente falando, quen danza destaca por levar castañolas, instrumento de percusión empregado de xeito continuo durante a danza. As danzantes levan un par na man, feitas en madeira tinguida en cor negra, e suxeitas con cintas de cor rosa, vermella e verde. Tamén están os paus na percusión, empregados tamén de xeito continuo. Van separados e leva un par cada danzante. 

Chama especial atención o momento do "Pau da danza" ou "Entrelazado", o trenzado das cintas no poste. O poste é de cor branca e azul e ten unha altura aproximada de preto tres metros. Na parte superior leva oito cintas multicores, que collerán as danzantes. Durante a danza, o poste vai suxeito por unha persoa allea á danza: "O primeiro que pillamos, que soe ser o meu marido", sinala Patricia. Na parte superior loce unha boneca de madeira vestida de danzante, aínda que afirma, ten "cara de home bravío". a boneca. "Ao tirar dun cordel na parte máis baixa do poste, a boneca abre pernas e brazos, vai ao ritmo da música, algo moi particular", apunta.

Unha vez rematan de danza na praza, continúan coa procesión ata deixar de volta á Virxe na capela, onde no exterior se fai unha misa. Cando finaliza o acto litúrxico, a emoción invade aínda máis se cabe ás danzantes que bailan de novo para a Virxe xa como derradeira homenaxe. "Despois volvemos para a capela, onde se fai unha poxa para que o que máis poña poida levar á Virxe ao interior. As danzantes agardamos no altar para custodiar a imaxe e permitir que a xente vaia pasando para tocala", explica. 

Que significa para ela ser danzante? "A Danza, máis que por devoción, faise por conservar a tradición, para que non se perda. É un orgullo e algo propio. De feito, o día 14 de setembro, un día antes da procesión, sairá unha exposición e libro do fotógrafo recoñecido Manuel Outumuro. Retratou a personalidades como Obama ou Antonio Bandeiras i naceu preto de aquí polo que lembraba ir de neno á romaría do Cristal e ver a Danza. Era algo que tiña idealizado e quixo que foramos parte dun traballo que recolle o que foi a súa vida". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta