Galicia gaña menos nas súas exportacións

Os prezos das exportacións galegas diminuíron en xuño un 1,1%.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/08/2024 | Actualizada ás 12:26

Comparte esta noticia

Os prezos das exportacións galegas diminuíron no mes de xuño un 1,1% respecto ao mesmo período do ano anterior, mentres que o valor dos bens importados tamén retrocedeu un 2,2% en termos interanuais.

Así o recollen os datos publicados este xoves polo Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre o comercio exterior galego e que reflicten unha baixada interanual do 2,28% nos prezos das exportacións de bens de consumo.

Pola súa banda, os bens intermedios exportados aumentaron o seu prezo un 2,05% en comparación co sexto mes de 2023, mentres que os bens de capital baixaron un 2,7%. En canto ás importancións, os prezos dos bens de consumo caeron un 4,86% respecto de xuño de 2023, os bens intermedios subiron un 1,27% e os bens de capital diminuíron un 16,38%.

En canto ao destino, os bens exportados a países da Unión Económica e Monetaria baixaron os seus prezos un 4,55% e os das exportacións á Unión Europea, un 3,97%. Pola súa banda, as vendas a países do OCDE baixaron un 2,43% e os do resto do mundo fixérono un 9,78%.

Os prezos dos bens importados en función da súa procedencia caeron un 6,58% entre os países da Unión Económica e Monetaria, un 5,29% aquelas con orixe na UE e un 3,86% en rexións do OCDE. Os bens importados do resto do mundo aumentaron os seus prezos un 0,72%.

Centos de coches agadan a ser embarcados no Porto de Vigo para a exportación / AUTORIDADE PORTUARIA DE VIGO / Europa Press
Centos de coches agadan a ser embarcados no Porto de Vigo para a exportación / AUTORIDADE PORTUARIA DE VIGO / Europa Press

DATOS "HISTÓRICOS"

Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, celebrou os datos semestrais das exportacións galegas, que cualificou de "históricos" ao situar a Galicia no sexto lugar do Estado en volume de facturación.


Este xoves, o máximo representante do Executivo central na Comunidade galega mantivo un encontro coa directora territorial de Comercio e do ICEX en Galicia, Patricia Pérez, no que analizaron as cifras do comercio exterior durante a primeira metade do ano. Despois de que Galicia facturase máis de 15.500 millóns de euros coa venda de bens e servizos ao extraxeiro, un 3,5% máis que o ano anterior; Blanco subliñou que os datos "falan moi ben da competitividade e o bo facer das empresas galegas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta