Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/12/2015 | Actualizada ás 18:11
A plataforma soberanista Agora Galiza, que xurdiu tras a disolución de Nós-UP, aposta por un pacto post-eleitoral logo do 20D para recompoñer o espazo da esquerda nacionalista e independentista.
“Cada día que pasa máis convencid@s estamos da urxente e ineludível necesidade de reorganizar a esquerda patriótica galega sobre novos piares pois sen umha ferramenta ampla, plural e de masas no que converjam todas as forzas políticas e sociais que consideramos que sen soberanía nom hai mudanza social, a derrota estratéxica da Galiza e do seu pobo é simple questom de tempo”, apunta nun comunicado.
Así, destacan que as forzas políticas e sociais da esquerda soberanista e independentista “están condenadas ao acordo” para “loitar unidas”. “Sabemos que a partir do día 20 á noite inevitabelmente vam-se producir movementos no seo do nacionalismo de esquerda e que as propostas que o independentismo socialista vén formulando contra vento e marea lograrám maior recetividade”, engade.
Por iso, insiste nun acordo “sólido de carácter estratéxico” para recompoñer o “espazo da esquerda patriótica en base a umha ampla alianza dotada dun programa avanzado”. “É imprescindíbel recuperarmos espazos comúns de intervençom e mestizagem, pasar da teoría á práctica”.
Agora Galiza suliña que a constitución deste Polo Patriótico ruturista “é inevitábel para podermos reverter as tendencias en curso e evitarmos o triunfo dos planos da burguesia e do imperialismo de converternos nun país escravo, carente de futuro, onde extraer materias primas, mao de obra barata e instalar industrias altamente poluintes”.
Por outra banda, apuntan que non apoiarán a ningunha candidatura o vindeiro 20D porque “os planos assimilacionistas, negadores de Galiza como suxeito político e como comunidade antropológica proseguen até culminar na nosa destruiçom como proxecto nacional”. Así, critica a Podemos pola súa estratexia “españolista”, pero tamén a Nós.
“Sen adherirmos a umha doutrina abstencionista, neste cadro tam adverso para o pobo e para a Patria galega consideramos que na actualidade as tarefas prioritarias son outras, e por iso mesmo Agora Galiza nin presenta candidatura propia, nin adheriu á coligaçom NÓS-Candidatura Galega, nin obviamente dá apoio a nengumha outra das que concorren en 20 de decembro”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.