Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 10/09/2024 | Actualizada ás 14:00
Escoitaches algunha vez iso de que cada vez semella que os nenos teñen máis problemas de visión? Bótaselle a culpa case en exclusiva ao uso abusivo de pantallas (móbiles, ordenadores, 'tablets'...), pero, en verdade, hai outros factores que tamén inflúen no desenvolvemento de enfermidades como a miopía, e que son sinxelos de evitar. Un deses factores é o deseño dos pupitres das aulas. Aínda que poida soar canto menos raro, os expertos do Colexio de Ópticos-Optometristas de Galicia (COOG) apuntan a que unha mesa plana non é o lugar ideal para o estudo. Dende o Galicia Confidencial falamos con Alexander Dubra, óptico-optometrista e membro da xunta directiva do COOG, que nos detalla por que os pupitres actuais das aulas galegas poderían supoñer a longo prazo un perigo para a saúde dos nosos cativos.
Alexander plantexa unha situación moi sinxela para entender o problema: "Cando temos un obxecto que non está completamente recto situado sobre unha mesa horizontal, nunca imos colocar ese obxecto plano, senón que imos a inclinalo cara nós para poder velo ben, con maior comodidade". Por exemplo, cando temos que usar unha libreta, o máis cómodo para a nosa visión non é que estea apoiada horizontalmente sobre a mesa, senón que estivese algo inclinada cara nós, para non ter que facer ese xesto de inclinarnos cara adiante na cadeira para vela. Deste xeito, asegura que "ese ángulo de inclinación é a postura máis natural para que o ser humano poida ver con comodidade". Tanto é así que as mesas de arquitectos, debuxantes e deseñadores están sempre inclinadas. Como isto non acontece actualmente nas mesas dos colexios, que son completamente planas, son os estudantes os que tenden a inclinar a súa cabeza e o seu corpo cara diante para poder ver o que teñen apoiado nelas.
Como explica o óptico, "ao estar inclinados cara diante, teñen que soportar todo o peso da cabeza, algo que non terían que facer se esta estivese en vertical á espalda, que é a maneira en que mellor se sostén". Por iso, "nesa postura de inclinación deben suxeitar todo o peso da cabeza, que aínda é maior nos nenos en proporción ao seu corpo que nos adultos, cos músculos do pescozo e da espalda", polo que tenden a "apoiar a man na fazula para non cansarse, nun xesto como de apuntalar a cabeza co brazo", mesmo chegando ao extremo, "cando se lles cansa o brazo, de directamente acostar a cabeza sobre a mesa". Así, o que nun comezo podería semellar un xesto de desatención ou desinterese, non ten por que selo, senón que "é un xesto de incomodidade cara a outra postura". Algo que se correxiría sinxelamente "inclinando un pouco a súa superficie de traballo", o que levaría a que "eles mesmos adoptasen unha postura moito máis natural", e "a maioría deles sen ter que dicirlles nada, porque xa se atoparían cómodos así, non terían que buscar comodidade", asegura Alexander.
Sen ir máis lonxe, o experto lembra que fai unhas décadas os pupitres antigos eran inclinados, algo que se pode ver aínda nas películas de época, e chama a atención que esas mesas que eran máis ergonómicas se substituísen polas actuais. Cales foron os motivos? Entre outros, o óptico explica que os pupitres horizontais se consideraron máis cómodos á hora de xuntar as mesas para realizar traballos en grupo que as mesas inclinadas, pero contraargumenta que "iso podería solucionarse dunha forma tan fácil como poñerlle unha visagra a unha mesa inclinada para poder posicionala recta cando fose preciso", polo que "non é escusa". Sexa polo que fose, a realidade é que os nosos nenos a día de hoxe contan con mesas de superficie planas en todos os colexios galegos.
"O SISTEMA VISUAL VAI EVOLUCIONANDO DENDE QUE NACEMOS ATA OS 8 OU 9 ANOS, ADAPTÁNDOSE Á CONTORNA NA QUE SE DESENVOLVE"
Para Alenxander está claro que "se simplemente cambiásemos os pupitres actuais por outros inclinados que evitasen que os nenos se achegasen demasiado ás ferramentas que empregan nas aulas, o que provoca un exceso de traballo do seu sistema visual para ver tan de preto, evitariamos moitos problemas de visión a longo prazo". Ao cal hai que sumar tamén os problemas dunha mala postura: dor de pescorzo, espalda... Todo suma. Actualmente nas ópticas "estamos vendo que cada vez hai máis estudantes miopes e que, ademais, chegan a nós xa cunha miopía maior que antes". Aínda que non son cifras oficiais, exemplifica que se antes a media de dioctrías coas que chegaba un rapaz era de dúas, agora pode estar nas catro ou catro e media: "Hai un maior número de estudantes miopes e estes teñen a miopía máis alta", conclúe. Algo no que tamén inflúe que "no tempo de ocio continúen mirando pantallas, é dicir, mirando de preto", dende móbiles ata ordenadores, nunha sociedade na que os nenos xa non saen á rúa a xogar nin a andar en bicicleta.
Así as cousas, "se todo o tempo están mirando pantallas de preto, isto tamén fai que o sistema visual se adapte a esa visión de preto constante que lle ofrecen e se volva miope precisamente para non ter que realizar un sobreesforzo na visión de preto", pois "os miopes ven de preto sen ningún esforzo". Alexander explica que "o sistema visual vai evolucionando dende que nacemos ata aproximadamente os 8 ou 9 anos de idade e, dependendo da contorna na que se desenvolva, vaise adaptar a unha cousa ou outra". Así, "se ti acostumas aos ollos a que de 14 horas que pasas esperto 13 e media ten que mirar a menos de medio metro, a estimulación vai ser para eles de visión próxima constante, sen necesidade de usar a visión de lonxe para nada, polo que adaptaranse a esas circunstancias", exemplifica. "Iso é o que estamos vendo e cada ano máis", afirma o óptico.
"VEMOS QUE A MIOPÍA CRECE MÁIS RÁPIDO NOS PACIENTES QUE ANTES, O QUE NOS LEVA A USAR MÉTODOS DE CONTROL DA MESMA QUE FUNCIONAN BASTANTE BEN"
Outro dos problemas que lles está chegando cada vez en maior medida é o crecemento máis rápido que antes da miopía, o que levou aos oculistas a "usar métodos de control da miopía para evitar que se acelere moito o seu incremento". Ao tratarse de métodos de control, "non van evitar que siga aumentando, vai crecer igual, pero si van facer que, ao mellor, cando o neno chegue aos 20 anos, en lugar de ter xa cinco dioctrías, se quedase nas tres ou tres e media". Iso é algo que "se nota, e moito", afirma o experto, que asegura que son métodos que "funcionan tanto co uso de lentes tradicionais como de contacto". Ese é o reto que se abre de cara aos próximos anos, porque vese que "estes métodos adoitan dar moi bos resultados, aínda que sempre pode haber excepcións, pero na maioría de persoas conséguese que a miopía progrese máis lentamente". Obviamente non fan milagres, e a estes métodos habería que sumar a vontade do paciente para manter unha boa calidade de vida e uns bos hábitos: boa alimentación, exercicio físico, actividade ao aire libre...
Outra das cousas que para o experto deberían incorporar os pupitres das aulas é un sistema de axuste de altura, para poder adaptalos ao talle dos estudantes, algo que tamén se podería aplicar ás cadeiras. "Teñen o mesmo tamaño para nenos que miden un metro corenta que para os que miden un metro oitenta, polo que a uns non lles entran as pernas debaixo da mesa e a outros quédanlles colgando da cadeira", plantexa Alexander. Neste senso, asegura que "o ideal sería que se puidese regular o mobiliario en altura para que os pés puidesen estar sempre apoiados no chan e as pernas formar un ángulo de 90 graos", o que sumado a esa inclinación das mesas, facilitaría "manter unha postura moito máis ergonómica e natural".
"CAMBIAR O MOBILIARIO ACTUAL DAS AULAS SERÍA UNHA INVERSIÓN A FUTURO, PARA EVITAR PROBLEMAS DE SAÚDE DOS NENOS CANDO SEXAN ADULTOS"
Sobre o por que de non cambiar o mobiliario das aulas adoptando estas recomendacións do Colexio de Ópticos e Optomestristas de Galicia, Alexander asegura non sabelo moi ben, pois "tampouco se trataría dunha inversión económica tan grande". "Trataríase dun sobrecuste inicial, porque habería que substituír todo o mobiliario actual, pero tamén se mudou con anterioridade, precisamente dos pupitres inclinados aos actuais", considera, e engade que "sería unha inversión a futuro, porque evitaríanse problemas de saúde dos mozos a longo prazo e, sendo un mobiliario que perfectamente pode botar uns 40 ou 50 anos nas aulas, eu creo que se amortiza perfectamente". Ademais, o óptico cre que manter unha boa postura de traballo nas aulas tamén permitiría que, na incorporación ao mercado laboral, estes mozos mantivesen boas posturas nos seus respectivos postos, pois "serán máis conscientes de que deben mellorar esa ergonomía". "É unha inversión a futuro", conclúe.
Volvendo á vista dos estudantes, Alexander insiste en que "é certo que a día de hoxe a ergonomía das aulas deixa moito que desexar, tamén no tocante á iluminación: a veces provoca reflexos ou é deficiente, ás veces entra demasiada luz natural na estancia que os deslumbra e ás veces é moi pouca a que entra polas fiestras...". Este aspecto, innegablemente, tamén inflúe no desenvolvemento de problemas de visión. Neste senso, hai que ter en conta que os estudos xa non son como antes, cando había libros, cadernos e bolígrafos. A educación actual é practicamente na súa totalidade dixital, o que fai que os nenos teñan que poder ler correctamente nas pantallas, algo no que inflúe moito a iluminación. O óptico lembra que "as pantallas son superficies reflectantes e, se hai un foco que incide sobre elas, van xerar un destello, algo que non acontecía no papel e que é un factor máis a ter en conta á hora de deseñar a iluminación das aulas".
"PARPADEAMOS MENOS CANDO ESTAMOS MIRANDO UNHA PANTALLA QUE CANDO MIRAMOS UN PAPEL, POLO QUE HABERÍA QUE DARLLE UNHA VOLTA AO DESEÑO DOS ORDENADORES"
Entre estudar en papel ou nunha pantalla as diferenzas a nivel de visión son notables. Por exemplo, Alexander explica que "parpadeamos menos cando estamos mirando unha pantalla que cando miramos un papel, aínda que se trate do mesmo texto e teña o mesmo tamaño e estea á mesma distancia", algo que aínda non se sabe ben por que acontece, pero que acontece. "Pensamos que pode ser porque as pantallas son luminosas, é dicir, emiten luz propia, e nós estamos mirando directamente á fonte emisora de luz, mentres que cando temos diante un papel, a luz simplemente rebota sobre el e chega aos nosos ollos, pero non xera luz propia", explica. Sabendo isto, "é máis fácil que os estudantes de agora teñan problemas de sequedade ocular, pois se non se parpadea o suficiente o ollo non se humedece". Así as cousas, e aínda que o experto comprende que os ordenadores son ferramentas con moitas posibilidades e moi versátiles na educación, considera que "habería que darlle unha volta ao seu deseño". Como? "Pois por exemplo deseñando pantallas que se parezan máis ás follas de papel ou como as que tiñan os antigos 'ebooks', que non emitían luz e debían lerse coa luz prendida porque con ela apagada non se vía", exemplifica. Tamén apostaría por pantallas un pouquiño máis grandes, porque "algúns ordenadores semellan xa 'tablets' de peto".
E é que se debe ter en conta un aspecto: hai estudantes que nin se dan conta de que teñen problemas de visión, sobre todo aqueles que se atopan máis preto da pizarra ou da pantalla do proxector. É por iso que os ópticos tamén "recomendamos ir rotando aos alumnos na aula, de tal xeito que haxa intres nos que os que están diante se senten detrás e viceversa, porque o alumno que se senta diante e ve perfectamente a pantalla, resulta que cando o sentas detrás xa non a ve". Así é como pode identificarse un problema de visión e, seguidamente, acudir a un profesional para revisalo. Como indica Alexander, "os rapaces moitas veces non son conscientes de que non ven ben, porque non teñen con que comparalo, entón como sempre viron dun xeito e cando van pola rúa pensan que se non ven algo é porque estará moi lonxe, non dan a voz de alerta aos seus proxenitores ou, cando o fan, xa está avanzada a cousa". Deste xeito, tamén é recomendable que os menores de 16 anos realicen unha revisión ocular de rutina alo menos unha vez ao ano.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.