Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 31/12/2015
Estamos no Nadal e a piques de empezar o 2016. Na rúa saudámonos e desexámonos todos un feliz e mellor ano co vivido. Mais tamén somos sabedores de que, o feito de encetar outro ano, pouco vai a afectar no colectivo das nosas vidas.
Pero con todo, sabedores de que a rutina forma parte da nosa acontecer diario, sin dedilo, sempre esperamos que algo troque a mellor no ciclo novo que empeza. Mais con todo o dito anteriormente, os antecedentes que levamos ás costas, indican que todo será semellante o que deixamos atrás. A crise económica será aínda moi evidente. Polo que, a precariedade laboral, seguirá campando nosa sociedade galega e en particular a ourensá, que seguirá esmorecendo. A incertidume política actual, veremos como se resolve e se non hai que volver a votar cara abril ou maio.
Con todo, o paro, o fraude fiscal e o mantemento da seguridade social, serán asuntos sen arranxar que traerán no futuro mais incertidume. E así, unha ristra de problemas de importancia para a toda a nosa sociedade.
Vivimos tempos de incertidume política que poden ser o preludio de cambios sociais un tanto incertos. Vivimos tempos, nos que a nosa sociedade non é capaz de soltar o lastre de séculos de “picaresca lazarillana” onde cada día o común perde espazo fronte ó desmesurado individualismo e o ego personalista. E, se a iso lle sumamos á ambición humana desmesurada e toda a corrupción que leva consigo, acontécenos que socialmente actuamos como no conto do zorro. Pois, deste animal tan ferrnso como avispado, dise que pode perder o rabo, pero non as mañas. E iso está cravado nos xenes da nosa humana condición.
Isto que digo queda confirmado despois de ver o listado de puferos á seguridade social.
Empresarios a esgalla; ex banqueiros que presentaban, hai un tempo, un partido para rexenerar España e sacarnos da crise, ou outros que falaban de recortar os salarios e sobre todo traballar máis; deportistas que se envolven na bandeira española cando gañan un título e clubes deportivos que levantan paixóns demesuradas, e agora resulta que son os que máis defraudan. Diría eu, son os que rouban ás arcas do Estado máis de 15.000 millóns de euros; sen sumar o que deben os que non pasan dun millon á seguridade social. En fin, logo desto, a pregunta está servida: quen paga impostos neste Estado? Quen paga a seguridade social? Pois, así de sinxelo: a gran masa social que ten un salario cativo de menos de 1000 euros e á que, cada día, se lle reduce o poder adquisitivo. Mais, na campaña electoral disto apenas se falou. Na campaña case todos prometeron o ouro e o mouro, sabedores do imposible de tales ofertas.
Por iso remítome o texto da fermosa cantiga de Juán de la Encina que emcabeza este artigo. Polo que, todos os problemas deste Estado, veñen de moi lonxe. E ó meu xuizo soamente se empezarán a arranxar cando se instaure unha nova ética individual e colectiva. Feliz 2016 para todos.