Galicia, o único recuncho de España onde as persoas seguen ofrecendo obsequios aos santos aos que se encomendan

Dos Milagres de Amil, en Moraña; á Franqueira, na Cañiza; pasando polos Milagres do Monte Medo, en Baños de Molgas; ou O Nazareno, na Pobra do Caramiñal. O GC conversa co investigador e escritor José Fuentes Alende, que recentemente publicou o libro 'Los exvotos en Galicia', sobre esta tradición tan especial.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 14/10/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Aínda nunha sociedade que semella transcorrer allea á igrexa e á relixión, existen certos momentos do ano (diferentes en función de cada parroquia) nos que os santos están moi presentes. Trátase desas festividades, romarías e procesións que se xestaron fai séculos arredor dunha divindade á que se consideraba protectora da vila e dos seus moradores. Na actualidade segue habendo grandes romaxes como a de San Campio en Tomiño, os Milagres de Amil en Moraña, O Corpiño en Lalín ou Santa Minia en Brión que paralizan toda unha comarca, con milleiros e milleiros de feligreses de todas as idades que acoden a pedir aos respectivos santos que lle curen as dores físicas ou da alma. E, en agradecemento, deixan centos de exvotos, a maioría deles figuriñas esculpidas en cera, aínda que antigamente había exvotos de maior valía, como lámpadas, roupaxes para a virxe, cadaleitos ou cadros. Para coñecer máis sobre un patrimonio etnográfico que, lonxe de desaparecer, semella perdurar arraigado século tras século na nosa terra, dende o Galicia Confidencial falamos co que fora secretario técnico do Museo de Pontevedra e agora investigador José Fuentes Alende, autor do libro 'Los exvotos en Galicia'.

Exvotos de cera
Exvotos de cera | Fonte: Commons

En concreto, Fuentes Alende resalta que un exvoto como tal "é todo aquelo que unha persoa lle ofrece á divindidade, a Deus, a través de Cristo e da Virxe, ou das distintas advocacións en forma de santos, nun momento de dificultade persoal por mór dunha enfermidade, dun accidente, de problemas familiares, de doenzas psíquicas...". O máis importante é que "ofrécello cunha promesa que debe cumprir, é dicir, o ofrecido hai que cumprilo no momento en que se obteña o favor da divindade, cando surta efecto a petición", explica. Esta tradición non é exclusiva do cristianismo, senón que se remonta a moito antes da aparición do mesmo. "O home é relixioso por natureza", asegura o investigador, que lembra que "xa os mariñeiros gregos se encomendaban a Poseidón e lle facían dádivas como maquetas de barcos durante a Grecia clásica" e "tamén os romanos lle facían aras votivas aos seus deuses e, nalgúns casos, mesmo ás ninfas, ás deusas das augas, en zonas termais coma Cuntis". Do mesmo xeito, o escritor tamén cre que os castrexos, antes da chegada dos romanos, terían os seus propios deuses aos que lles rendían culto deixándolles ofrendas, "aínda que iso é algo do que non temos constancia".

"OS CEREIROS GALEGOS TRABALLAN PORQUE O POBO MANTÉN A DEMANDA"

O que si sabemos a ciencia certa é que esta longa tradición dos exvotos é algo que se mantén unicamente en Galicia. "Noutras rexións de España, fóra de Galicia, xa non se usan os exvotos de cera, iso é Prehistoria", asegura Fuentes Alende, que resalta que "Galicia é a única comunidade de España onde a artesanía da cera cumpre coas funcións para as que naceu". Deste xeito, os cereiros galegos "traballan porque o pobo lles segue demandando esas figuras de cera", pois, de non haber demanda, "deixarían de traballar, desaparecerían ou quedarían residuais, como aconteceu noutras partes de España con este e outros oficios tradicionais". Por exemplo, acontecería o que aconteceu cos zoqueiros, que antes había moitos porque a sociedade demandaba masivamente zocos, e hoxe só quedan uns poucos que fan zocos de maneira moi excepcional para grupos de baile ou como decoración. O mesmo que ca alfararía, reducida á súa mínima expresión nos tempos que corren porque a sociedade actual non emprega vasixas de barro.

Afortundamente, e polo de agora, coa ceraría, grazas a todas as romaxes que hai en Galicia que seguen contando con milleiros de feligreses que se encomendan aos santos, non aconteceu o mesmo. De feito, Fuentes Alende asegura que "o que cambiou foi unicamente o tipo de cera que se emprega", non o seu fin nin a súa utilidade. E é que, como indica, "a cera que se emprega hoxe en día para realizar estas figuras non é cera pura de abella como era a de antes, porque agora as abellas xa non producen cera, pois os apicultores, para que fagan máis mel, xa lle dan os panais feitos con cera sintética". Pola contra, "antes, cando as abellas estaban nos cortizos, tiñan que producir elas mesmas tanto a cera como o mel, polo que a cera empregada polos cereiros nos exvotos era moito máis natural". Na actualidade, apunta ao emprego de parafina e outras materias sintéticas. Así as cousas, e ante a pregunta de como é posible que esta tradición non decaia nunha sociedade tan pouco relixiosa, aparentemente, o investigador considera que "aínda que a xuventude xa non crea coma antes, as enfermidades van a continuar entre nós, así como os problemas, e aínda que a medicina está aí para curalos, a xente tamén se agarra a outras cousas cando ve que non é suficiente", conclúe.

Procesión das Mortallas na Pobra do Caramiñal
Procesión das Mortallas na Pobra do Caramiñal | Fonte: Revista Ibérica

EXVOTOS DE CERA: XA HAI REXISTROS DELES DURANTE OS SÉCULOS IV E V

Dentro dos exvotos, as velas e figuras de cera son as máis comúns aínda na actualidade e, como asegura Fuentes Alende, "xa durante os séculos IV e V, e non digamos xa ao longo da Idade Media, se fala destas figuras de cera nas Cantigas de Santa María do Códice rico que se custodia no Escorial, en cuxas ilustracións aparecen representadas diferentes figuras ofrecidas a distintos santos". Ben é certo que, como acontece en todos os ámbitos da vida, "os tempos cambian e a sociedade cambia, polo que se vai modificando a súa forma, pero os exvotos de cera son xa un costume moi antigo". Na actualidade, a variedade dos mesmos é case infinita. Como apunta o escritor, "normalmente repítense moito as figuras de persoas, home ou muller, porque con elas represéntase todo o corpo, sen especificar a enfermidade nin a parte do corpo á que afecta", xa que, na actualidade, non só hai doenzas físicas, senón tamén depresións, problemas de adicción, discusións na convivencia con parellas ou familiares, falta de traballo... Aínda que tamén se seguen ofrecendo "partes do propio corpo, como cabezas, brazos, pernas tanto dereitas coma esquerdas e órganos internos de todo tipo (estómagos, pulmóns... e todo o que sexa susceptible de contraer enfermidades)".

Como exemplo de casos concretos de exvotos de cera, Fuentes Alende conta un caso que atopou durante unha das súas investigacións para o libro 'Los exvotos en Galicia' nunha nova de prensa correspondente ao ano 2015: unha nai e unha sogra de Bueu, que tiñan ao fillo e ao xenro, respectivamente, enfermo de cancro, foron ofrecerlle unha figura de cera tan alta coma el, dun metro oitenta, ao santo. A figura fora encargada a unha ceraría de Pontevedra e supuxo un importante reto para o cereiro, segundo confesaba ao escritor. Este, dende logo, é un caso excepcional, pois a maioría das figuras que se seguen entregando aos santos son máis pequenas, "agás nos santuarios do sur de Galicia, onde xa se nota a influencia portuguesa, porque as figuras son doutro tipo, algo máis altas", iso si, sen chegar aos extremos de equivalencia do alto dunha persoa.

EXVOTOS METÁLICOS E DE MADEIRA: LÁMPADAS DE PRATA E CADALEITOS

Dentro dos exvotos metálicos, están as lámpadas de prata. O investigador pon o exemplo da igrexa de Santa María do Azogue, que conta cunha lámpada ofrecida polo gremio dos Mareantes; ou na catedral de Ourense, onde hai lámpadas ofrecidas ao Santo Cristo. En concreto, Fuentes Alende apunta que as primeiras lámpadas de prata das que ten referencias foron documentadas no século XVII, nun cadro pintado ao fresco na parede da Capela da Nosa Señora das Virtudes de Arante, en Ribadeo. Conta que "ese cadro narra a historia dun vendaval que afectou a unha embarcación que partiu de Ribadeo no ano 1595" e, "antes de partir, o capitán da mesma foi ao santuario de Arante a encomendarse á Virxe para ter boa viaxe". Con todo, "un temporal pillounos a 200 millas da costa americana". Deste xeito, "no cadro aparece representada a escena dun barco saíndo posiblemente da vila de Ribadeo e chegando, no outro extremo (é un cadro moi grande) á que eu penso que é a cidade de Trujillo, coa embarcación toda destartelada, cos mastros e as velas tirados no mar". Como se salvou da morte nesta viaxe, "cando o capitán voltou a Ribadeo, no ano 1606, entregoulle no santuario de Arante unha bandeira da embarcación, un vestido de cor carmesí para a Virxe, como se conta no cadro, e esa lámpada de prata cunhas arrobas de aceite para alumeala". Fuentes Alende tamén ten documentadas ao longo do século XVII outras sete ou oito lámpadas de prata máis, moi semellantes todas elas.

E xa no tocante aos exvotos de madeira, destacarían os cadaleitos, empregados para o culto, como representacións da morte ou da enfermidade. Festas nas que se seguen ofrecendo aos santos cadaleitos son, por exemplo, a Procesión Votiva das Mortallas, declarada de Interese Turístico de Galicia, durante a celebración do Nazareno, na Pobra do Caramiñal, onde, como conta o investigador, este mesmo ano procesionaron catro cadaleitos; ou a festividade de Santa Marta de Ribarteme, nas Neves, onde actualmente mantese aberta unha polémica cos veciños porque o párroco non deixa saír aos cadaleitos na procesión. Así, "nestes cadaleitos adoita ir dentro a persoa que o ofrece por un caso de enfermidade grave". Outro exemplo ao que apunta Fuentes Alende é a celebración do Santo Cristo de Xende, na Lama, cunha procesión na que este ano procesionaron dous cadaleitos: un home e unha meniña de poucos anos nun cadaleito branco que doaban os seus familiares. Na mesma liña habería que nomear tamén como exvotos importantes os hábitos: en moitos santuarios como o do Nazareno da Pobra do Caramiñal as persoas van á romaría co hábito ou mortalla coa que se libraron da morte por intercesión da Virxe ou do santo.

"SÓ SE GARDAN AQUELES EXVOTOS QUE TEÑEN UNHA SIGNIFICACIÓN, PORQUE GARDALOS TODOS SERÍA IMPOSIBLE, O RESTO REVÉNDENSE AOS CEREIROS"

E é que o máis importante desta tradición, como resalta Fuentes Alende, é que as promesas que se fagan aos santos, se estes conceden o favor, hai que cumprilas. O investigador afirma que iso é algo que a xente "si que cumpre". De feito, asegura que "hai moitas figuras que son exvotos a perpetuidade, é dicir, que a persoa en cuestión ofrece unha figura de cera ou unha vela cando vai a pedir algo ao santo, e logo ségueo facendo todos os anos, en recoñecemento do favor recibido, de xeito repetitivo". Como mostra de que isto é algo que se mantén intocable, pon o exemplo da celebración dos Milagres de Amil, en Moraña, onde "a cantidade de exvotos e velas de cera que acolle o santuario é case incalculable". A pregunta lóxica é: e que fan logo os santuarios con todos eses exvotos? O investigador confesa que "deberían gardarse, pero só se gardan aqueles que teñen unha gran significación, porque gardar todos os exvotos que se reciben nalgúns grandes santuarios é imposible", de tal maneira que "logo, non sei se mediante poxas ou directamente a través da venda, lle venden eses exvotos aos cereiros para que refundan a cera e a volvan a utilizar na creación de novas figuras". Indubidablemente, todos estes obxectos teñen un gran valor patrimonial, tanto é así que "están veladamente recollidos na Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, que fai alusión como patrimonio etnolóxico a todo aquilo relacionado cos costumes e a relixiosidade".

Ao preguntarlle ao escritor polos santuarios con maior tradición aínda hoxe en día, apunta a que estas festas mantéñense practicamente intactas nos santuarios maiores. É o caso do Santuario dos Milagres de Amil, en Moraña; do Santuario de Santa María da Franqueira, na Cañiza; do Santuario dos Milagres do Monte Medo, en Baños de Molgas; do Santuario das Ermitas, no Bolo; do Santuario do Nazareno, na Pobra do Caramiñal; do Santuario de Santa María da Pastoriza, en Arteixo; do Santuario da Virxe da Escravitude, en Padrón... Pero tamén apunta a outros santuarios menores que tamén conservan un importante culto. É o caso, por exemplo, do Santuario de San Bieito (San Benitiño) de Lérez, en Pontevedra (e, en xeral, todos os santuarios adicados a San Bieito ou San Benitiño, un santo con moita devoción en Galicia), que, "a pesares de tratarse dun santuario menor atrae a moita xente da comarca durante as dúas celebracións anuais, en marzo e en xullo.

Cadro votivo entregado no Santuario dos Milagres de Arante, en Ribadeo
Cadro votivo entregado no Santuario dos Milagres de Arante, en Ribadeo | Fonte: Commons
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta