Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/10/2024 | Actualizada ás 14:58
A CIG celebrou este xoves asembleas de delegados e concentracións por toda Galicia en resposta ao acordo para a reforma das pensións que o Goberno español asinou coa patronal, UGT, e CC.OO., un acordo que o secretario xeral da central sindical, Paulo Carril, cualificou de "negativo" e "regresivo".
"Ao longo deste ano denunciamos o escurantismo co que pretendían levar a cabo unha reforma das pensións que agora se confirma co pouco que coñecemos, xa que é a primeira vez que se asina un acordo do que non se coñecen con literalidade os seus contidos", denunciou na mobilización de Santiago na Praza de Galicia.
Deste xeito, explicou que o obxectivo principal das concentracións era denunciar un "acordo negativo" que avanza no proceso de "recortes" no sistema público de pensións. Neste sentido, sinalou que, por exemplo, no acordo "non se restablece" a xubilación aos 61 anos para o conxunto dos traballadores.
Por outra banda, denunciou que o acordo tampouco recoñece o "coeficiente reductor" que permita unha xubilación anticipada ás persoas traballadoras en actividades "penosas, insalubres e perigosas", senón que fala de "unha regulación pola que se poderá chegar á xubilación anticipada".
"PREMIAN AOS QUE NON SE XUBILAN"
Con todo, Carril esgrimiu que este proceso será "lento, confuso e interminable". Outro aspecto do acordo que o secretario xeral da CIG cualificou de "grave" é que "falen de que hai dificultades para manter o sistema público de pensións" pero, en cambio, "fomenten" a prolongación da idade de xubilación e "premien aos que non se xubilen á idade ordinaria e sigan traballando".
Ademais, aseverou que ese sistema só será posible en "moi poucas actividades" e que non deixa de ser unha "crueldade" porque hai "moitos sectores" nos que os traballadores non poden prolongar a súa idade de xubilación polo tipo de actividades que realizan. Con todo, Paulo Carril incidiu en que ao dificultar o acceso á xubilación aos traballadores, o que ocorrerá é que non se renovarán os persoais, os mozos non accederán ao mercado e, por tanto, non haberá substitución xeracional.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.