Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 15/01/2016
En Catalunya os deputados do seu parlamento, no último minuto, decidiron chegar a un acordo e non ir de novo a eleccións. Iso chámase pracmatismo, aínda que o camiño polo que optaron sexa sinuoso, moi atípico e cando menos de curiosa ética política. E por riba teña consecuencias incertas.
E neste contexto o presidente en funcións Mariano Rajoy, sentenciou que a lei está por riba de todos, e que actuará contundentemente fronte ós que a salten. Logo aproveitando a coxuntura favorable, insiste en formar unha maioría sólida cos socialistas e cidadáns fronte ó independentismo. Vamos, como se durante os catro anos pasados que gobernou non tivera unha maioría sólida, o que levou a que en Catalunya medrara de forma exponencial o arredismo, pois nese tempo ignorou e menospreciou a uns millóns de cidadáns que pedían unha relación diferente á que teñen hoxe co resto do Estado.
Pola banda da chamada esquerda, o Sr. Sánchez está á espera do fracaso do primeiro, para logo sondear un pacto das chamadas forzas progresistas. Pero a misión parece que terá pouco éxito, pois o pacto para a presidencia do parlamento, e o rexeitamento de que entre outros os galegos teñan grupo parlamentario, indican que o PSOE anda a xogar na procura dun amaño no que non estará Podemos. E os cidadáns seguimos espectantes vendo que, de non mediar un miragre, a curto prazo, avecíñanse eleccións de novo.
No caso catalán percíbese claramente que, cando existe un diálogo de xordos e os extremos apuntálanse nos seus posicionamentos en base a sagradas leis e unidades, pouco se pode facer. Que falta logo para solucionar iste puzle? Pois falta a sensibilidade de poñerse uns no lugar do outros e logo facer propostas políticas; dado que a día de hoxe, aínda é máis o que nos une co que nos separa. Pero, se falamos de nación única nacida da unidade de reinos sen o calor da xente, vainos pasar igual cós israelitas apelando ás escrituras bíblicas no conflicto cos palestinos. Por iso, hai que falar e non condenar a priori nin menospreciar ó adversario dende a única visión dunha nación estado. E digo isto, pois de non ser así, cando un fillo quere arredarse do seo familiar, se solo leva couces dende a centralidade, terminará tendo unha relación mala intentará fuxir de que o ata, ou menosprezará as súas decisións. Polo tanto, se queremos saír desta lea, o diálogo e as propostas alternativas son moi necesarias.
Nós, xentes da rúa, mentres tanto seguimos esperando a que mellore o tempo ou escampe. E desconfiados preguntámoslle a ó sr. Arturo, persoeiro da miña vila que sabía de todo: Que tempo haberá mañá? El, despois de mirar cara o ceo, contestaba con moita parsimonia: mañana hará un tiempo u otro.