Cristóbal Colón non era galego... ou non se puido demostrar que o fose?

Unha investigación realizada polo catedrático de Medicina Legal e Forense da Universidade de Granada José Antonio Lorente conclúe que Colón era xudeu sefardí. Agora ben, de onde? A cousa queda no aire.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 13/10/2024 | Actualizada ás 03:02

Comparte esta noticia

Os resultados dunha investigación realizada polo catedrático de Medicina Legal e Forense da Universidade de Granada, José Antonio Lorente, comezados no ano 2003 e presentados na noite deste sábado, Día da Hispanidade, en TVE, arroxan resultados pouco concluíntes a nivel xeográfico sobre as orixes de Cristóbal Colón: era un xudeu sefardí, pero, de onde? Segundo o propio investigador, da zona do arco mediterráneo occidental, probablemente dalgunha das zonas que abarca este arco en España (Cataluña, Valencia, Murcia, Andalucía ou Illas Baleares), pois naquela época os xudeus que había en Italia eran moi poucos, sendo mesmo expulsados de cidades como xénovas en séculos anteriores á época de Colón. En Galicia, pola súa banda, vivían por aquel entón entre cen e duascentas familias sefardís.

Unha imaxe de Cristóbal Colón
Unha imaxe de Cristóbal Colón | Fonte: Arquivo

No documental presentado por RTVE foron descartándose unha a unha todas as demais teorías existentes ata a data sobre a orixe do 'descubridor' de América: portugués, castelá, navarro... e tamén quedou descartada a hipótese galega. Os ósos de Xohán Mariño de Soutomaior, fundador da vila de Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa, foron exhumados para realizar unha análise comparativa do seu ADN co dos ósos que si se demostraron que eran do navegante, custodiados na catedral de Sevilla, xunto cos do seu fillo. E é que, segundo a hipótese galega, o primo de Xohán Mariño de Soutomaior, Pedro Álvarez de Soutomaior (máis coñecido como Pedro Madruga) era o propio Cristóbal Colón, que cambiara de identidade tras finxir a súa propia morte.

Con todo, o ADN extraído da tumba da catedral de Sevilla non amosou coincidencias, segundo detallou o investigador José Antonio Lorente ao presidente da Asociación Colón Galega, Eduardo Esteban. Outra pata da hipótese de que Colón fose Pedro Madruga asentábase sobre os restos soterrados no antigo cemiterio do Divino Salvador de Poio. Se Colón pertencía a unha familia de mareantes, como plantexou no seu momento o historiador pontevedrés Celso García de la Riega, os seus parentes do século XV deberían estar enterrados nese cemiterio. E, aínda que puideron extraerse do mesmo bos ósos, destes non se puido sacar ADN suficiente como para analizar a súa compatibilidade coa dos restos que repousan na catedral de Sevilla. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta