Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/10/2024 | Actualizada ás 14:01
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asegurou que o galego "non pode estar" todos os días no debate político porque perde "prestixio" e "credibilidade, e defendeu que o que indican as estatísticas sobre o seu uso é que "hai que chegar a un pacto xa".
Deste xeito, o representante autonómico volveuse a pronunciar este martes sobre a perda de forza do galego entre os mozos e alegou que o sistema educativo "está a facer o seu papel" pero que o proceso de socialización "non se pode regular por ningún decreto".
Así, volveu a valorar os datos publicados o pasado venres polo Instituto Galego de Estatística (IGE), que sinalaban que a poboación que sempre fala en castelán en Galicia xa é maioritaria e que un terzo dos nenos de 5 anos saben falar "pouco ou nada" en galego. A este respecto, García xa defendeu a semana pasada que a chegada de poboación do exterior "inflúe directamente" no aumento de castellanohablantes en Galicia, un argumento que este martes volveu a defender, aínda que con matices.
Nesta liña, subliñou que as estatísticas din que en Galicia segue habendo problemas no "ámbito familiar, da mocidade, pero tamén no económico, xudicial ou sanitario". Así, puxo o foco en que o galego "segue tendo un desgaste", pero hai unha novo paradigma que é "a chegada de miles de persoas que veñen de fóra de Galicia".
"O que nos di esta estatística é que entre os nativos galegos o galego segue sendo maioritario, pero a estatística dáse a volta coa chegada de máis de 115.000 persoas no últimos cinco anos que, na súa maioría, son monolingües en castelán", esgrimiu ante as preguntas dos medios. Aínda así, incidiu en que estas "frías estatísticas" tamén constatan que as competencias para ler, para escribir e para entender ou falar o galego "son as máis altas da historia".
"NON ELUDIMOS RESPONSABILIDADES"
Nesta conxuntura, esgrimiu que a Xunta "non elude" a súa responsabilidade, pero defendeu que a solución é de toda a sociedade, "non chega con reformar un decreto ou con ditar unha lei".
"Temos que porlle solución falando máis galego, falando un pouco de galego ou falando o galego do que sexamos capaces, porque iso é o que está a faltar, o uso, o uso é a cifra mala que nos dá o IGE e está dentro de cada un", destacou.
REUNIÓN POR UN PACTO POLO GALEGO
Así mesmo, o secretario xeral alegou que o que espera da reunión do próximo 24 outubro para tratar de negociar un pacto polo galego é, principalmente, "consenso". "Esperamos o que xa fomos capaces de facer hai décadas en Galicia, esperamos o consenso, para chegar á sociedade e para facernos cribles diante da sociedade o primeiro que temos que facer é sacar o galego do debate político diario", defendeu.
'ENCONTROS PARA A NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA'
O secretario xeral expresouse así durante a inauguración dos XXVI 'Encontros para a Normalización Lingüística', unha xornada organizada, entre outros, polo Consello da Cultura Galega (CCG). O tema que vertebrou a edición deste ano é a importancia do idioma que se escolle para os ritos funerarios, baixo o título 'Vivir e perdurar na nosa lingua', expertos na materia explicaron que se antes dos anos 2000 era "difícil" visualizar palabras galegas en ramas ou coroas, nos últimos anos a estabilidade lingüística "vai gañando terreo".
Con todo, a doutora en Filoloxía Ana Iglesias fixo fincapé en que o galego "necesita protección", porque segue sendo unha lingua "minorizada", pero por primeira vez na historia agora é "a lingua minoritaria de Galicia".
Así, aseverou que os números do IGE son un "golpe de realidade" que deberían motivar que a sociedade actúe e mobilícese para "reclamar ás responsables accións compensatorias en favor dunha lingua concreta, en favor do galego".
"Non podemos seguir atrasando a recuperación dese gran pacto pola lingua", defendeu. "Hai que despedirse da vida con ela pero non levala á tumba connosco, senón que nos sobreviva", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.