E claro, cando un reflexiona, sen moito esforzo, décatase de que hai algúns galegos que pensan que o conxunto dos mortais vive, ou vivimos todos na lúa. Que os problemas máis graves que temos están camiño de solventarse; que temos resolto o problema do paro e a despoboación do rural e que á provincia coas novas fábricas que axiña virán espéralle un futuro esplendoroso.
E todo isto tráeme a mente lembranzas do pasado. Citarei algunhas que foron noticia de moito rango. Cidade do deporte en Bemposta na ía incluído o traslado do campo de fútbol do Couto. Instalación dunha fabrica de coches eléctricos no Parque Tecnolóxico e no poligono industrial de Melón; proxecto de lanzamento de Ourense cara o novo milenio, etc. Todas follas de prensa cheas de boas novas, que nunca chegaron. Promesas e máis promesas que traían espranza. Pero o certo é que, día a día, camiñamos cara un deserto humano onde a fuga de mozos condeados á emigración forzada, que é tanto como a buscarse a vida camiño doutros lares, lastra o noso futuro.
Pois ben, se ahora resulta que a mellor nova do ano en curso é que durante unha semana teremos os hoteis cheos de xente e sairemos na tele a nivel de Estado, pouca cousa podemos esperar do 2016. Co que, cada día que pasa, vexo con máis claridade que, como me dicía un arquitecto amigo: somos, referíndose á provincia e a Galicia, un lugar que soamente aspira a ter xente de servizos, cameriros e pouco máis. Somos, un lugar que ten unha clase gobernante sen aspiracións que se conforma con moi pouco; que non aspira a transformar e a potenciar esta terra; que renunciou a darlle alternativas o mundo rural e ás vilas da provincia. Que non é capaz de presentar proxectos nin de buscar os consensos para plantexar a revitalización dun mundo rico tan amplo como esquecido. Que vive segura e sabedora de que somos unha terra chea de boas xentes que camiñan pola vida resignadas a ir esmorecendo. Cando, neste tempo de fonda crise, tiña que ser o momento de lanzar proxectos de futuro para ir rexenerando unha terra que cada día morre comida polas silvas e o ermo. Por iso digo que hai un galego ou moitos que viven na lúa.