Por Galicia Confidencial | Santiago | 19/01/2016 | Actualizada ás 17:25
O portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, preguntaralle ao presidente da Xunta no próximo Pleno do Parlamento sobre as “funcións desenvolvidas na Xunta de Galicia por Pachi Lucas”. Os socialistas queren que Feijóo explique en sede parlamentaria as consecuencias públicas da súa conexión co “conseguidor” investigado na Operación Zeta por presunto tráfico de influenzas.
Compañeiro nas touradas en Pontevedra
Pachi Lucas figura na última lista de imputados pola Xustiza, así como varios ex-altos cargos da Xunta. O principal imputado na Operación Zeta, o empresario Gerardo Crespo, vinculou ao empresario, directamente, con Feijóo e con Rajoy. “É moi amigo e gran protexido do presidente do Goberno, Mariano Rajoy, e íntimo amigo do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo”, chegou a dicir. Lucas, por exemplo, era habitual da bancada dos touros en Pontevedra onde se sentaban os presidentes de Galicia e España.
"Non só é íntimo amigo de Alberto Núñez Feijóo, é moi, moi amigo e gran protexido de Mariano Rajoy. Pachi Lucas é un pontevedrés que queda orfo cando é novo e é apadriñado por familias de Pontevedra onde está Mariano Rajoy. Localízoo a través destas familias de Pontevedra e fíchoo como empregado para as miñas empresas porque me parece o mellor representante, o mellor comercial posible. El fai o seu traballo, fanio ben e coas bendicións do presidente da Xunta", destacara Crespo.
Méndez Romeu explicou, logo da reunión da Xunta de Portavoces, que centrará a sesión de control do Parlamento nesta situación logo da investigación aberta pola xustiza sobre Pachi Lucas, e logo de que o PP vetara a comparecencia de Feijóo por esta mesma situación.
O responsable socialista lembra que esta mesma pregunta foi presentada ao presidente da Xunta en decembro de 2014, cando se coñeceu a presenza de Lucas na trama, e pola que o propio Feijóo non ofreceu mais que “denuestos e descualificacións” nunha intervención “de vergonza allea”. Subliñou que si o “conseguidor” participa da toma de decisións do goberno galego “haberá que dar algunha explicación”.
Primarias no PSdeG
Méndez Romeu fixo estas declaracións hoxe en rolda de prensa no Parlamento. Os xornalistas preguntáronlle polos movementos dentro do PSOE. Os críticos co secretario xeral están a posicionarse de cara as primarias, aproveitando que José Ramón Gómez Besteiro segue imputado no caso Garañón.
O deputado da Coruña mostrouse a favor de que nas primarias haxa máis dun candidato. Entre liñas, admitiu que hai reunións entre dirixentes do socialismo galego para mover a cadeira de Besteiro. Méndez Romeu mostrouse a marxe destas manobras, aínda que di preferir que nas primarias haxa varias listas. Iso si, o voceiro parlamentario comprometeu que, debido ao seu cargo, non tomará partido por ningún candidato nunha hipotética campañade primarias.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.