O PPdeG elude aclarar se haberá comparecencias de Rueda ou Feijóo na comisión de investigación

O portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, di que as normas da comisión de contratos aprobáronse conforme ao ditame dos servizos xurídicos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/10/2024 | Actualizada ás 15:07

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, asegurou que a súa formación "se limita" a aprobar as normas da comisión de investigación sobre os contratos da Xunta conforme ao que ditaminan os servizos xurídicos da Cámara. Pazos pronunciouse deste xeito ao ser preguntado polas peticións da oposición de que se faga público o informe que, segundo trasladou a presidenta da Comisión, a popular Elena Candia, impugnaba varias das suxestións dos grupos da oposición, incluídas as referentes á maioría cualificada para aprobar o plan de traballo.

Na súa intervención, Pazos sostivo que o informe xa foi "explicitado" na propia reunión da comisión pola presidenta "non motu propio, senón a instancia e en presenza dunha letrada da Cámara". Neste sentido, defendeu a "máxima transparencia" e asegurou que os populares estarán "encantados" de que se traslade ese informe. "Supoño que unha vez que se traslade ese informe, a señora Pontón pedirá desculpas e retirará as acusacións que fixo a este grupo de pasar o rodete e recoñecerá que son os servizos xurídicos da Cámara os que din que as súas suxestións non se adecuan ao regulamento", afirmou.

"Toda a transparencia e, inmediatamente despois, espero unha petición pública de desculpas por facer falsas acusacións a este grupo, que se limita a aprobar as normas seguindo o ditame e a opinión dos servizos xurídicos da Cámara", subliñou. Ademais, preguntado sobre se o PPdeG incluirá as comparecencias do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, Pazos asegurou que cando teñan as propostas "enriba da mesa" estudarano. En todo caso, dixo que isto non se trata de se comparecen uns ou outros senón de "por que e para que". "Esperaremos a ver os motivos que se argumentan para a súa necesidade de comparecencia nesta Cámara", indicou.

O portavoz parlamentar do PP de Galicia, Alberto Pazos Couñago
O portavoz parlamentar do PP de Galicia, Alberto Pazos Couñago | Fonte: PP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta