Por Ángela Precedo | VIGO | 02/11/2024 | Actualizada ás 22:00
Gústanche as apostas deportivas? Eres deses que cando ten algunha moediña solta merca un rasca? Ou dos que durante as fins de semana se entretén no bingo ou no casino? Se a resposta a algunha destas preguntas é si, reflexiona sobre se poderías deixar de facelo e iso non cambiaría nada na túa vida ou se, pola contra, o enganche que tes xa é tal que non es quen de prescindir destes estímulos. E é que ningún xogador adicto se dá conta de que o é ata que xa é moi tarde. Senón que llo digan a Patricia Fernández, unha moza viguesa de 38 anos que comezou fai 8 xogando de maneira inocente e que, nun abrir e pechar de ollos, viu como a súa situación se complicaba ata o punto de non ver outra saída que quitarse a vida, asoballada por prestamistas e deudas que alcanzaban os 50.000 euros. Para axudar ás persoas que están na mesma situación na que ela estivo, cando xogaba da mañá á noite, en calquera momento no que se atopaba soa e ás agochadas dos seus seres queridos, escribiu 'Fuera de juego', dispoñible xa en Amazon, e hoxe cóntanos a súa historia ao Galicia Confidencial.
Patri confesa que por aquel entón, cando tiña 30 anos, atopábase nunha relación tóxica, na que a súa parella exercía maltrato psicolóxico sobre ela. Como a persoa en cuestión non traballaba, era a propia Patri a que se tiña que facer cargo de todas as facturas e pagos. Para unha soa persoa era difícil soster todo, así que, un día calquera, cando no traballo lle saiu na pantalla do móbil un anuncio dun casino que regalaba un bono por comezar a xogar, decidiu entrar e probar sorte, tamén como unha forma de evasión do seu día a día. "Aí comecei a xogar moi pouca cousa, metía entre un e dez euros, como para probar o que era ese mundo, e xogaba unha vez á semana ou así", conta a viguesa. Pero, evidentemente, "o diñeiro fácil é moi xugoso, así que empecei a xogar cada vez máis e máis, e así pasaron uns 7 ou 8 anos". A súa adicción ao xogo ía 'in crescendo' co paso do tempo ata que, aínda xa rematada a relación de parella, "eu seguía xogando e pedindo préstamos para facelo, enlazando unha deuda con outra". O mal xa estaba feito aínda téndose librado dun dos factores que o provocou.
"AO COMEZO, EU NON SABÍA QUE TIÑA UN PROBLEMA, NON ERA CONSCIENTE, NON ME CONSIDERABA LUDÓPATA, ESTABA ALÍ PORQUE ERA O QUE TIÑA QUE FACER"
Así, como indica Patri, "chegou un punto no que acumulei tantas deudas que xa non sabía que facer, non podía pedir máis préstamos, debía case 50.000 euros". Aínda así, ocultouno a todo o mundo durante moito tempo, mesmo á súa nova parella, aproveitando os momentos nos que el durmía para xogar: "Nunca lle contei nada, nunca falei da ludopatía con ninguén, nunca lle contei a ninguén que xogaba, nin que debía cartos, nin que pedira préstamos, nin sequera á miña familia". Pero, cando tocou fondo, "cando cheguei a ese límite de ter acumuladas tantas deudas", desesperada e coa idea na mente de "quitarme do medio", si decidiu contarllo á súa nova parella, "que é moi diferente da que tiña antes, coa que teño unha relación sá e coa que levo case 3 anos". Patri conta que "ese día no que estaba barallando as opcións polas que podía saír, buscando en Internet, apareceume o Twitter dun rapaz que era ex ludópata e que se ofrecía para axudar ás persoas que estiveran pasando por un mal momento, dándolles consellos ou o que precisasen, e poñendo á disposición das mesmas o seu número de teléfono". Así que, armouse de valor e "chameino, comenteille cal era a miña situación, díxenlle que non vía ningunha saída máis que sacarme a vida e el fíxome recapacitar, contoume a súa historia, díxome que si que había saída, que había terapias e formas de solucionar as débedas e deume un pouquiño de luz e esperanza".
O principal que lle recomendou foi contarllo a alguén, á persoa que ela elixise, xa fose a súa parella, alguén da súa familia, un amigo... Era o primeiro paso para que as cousas comezasen a mellorar. Foi entón cando Patri decidiu falar do seu problema coa súa parella. "Pensei que o iba tomar moi mal e que me ía deixar, cousa que entendería, pero non, aceptouno moi ben e, ao momento, quixo buscar solucións, procurou un avogado para arranxar o tema das débedas, buscou unha terapia para que puidese facer e animoume a que llo contase á miña familia", lembra, visiblemente emocionada. E así foi, foron xuntos a contarllo á familia e tamén esa mesma semana Patri comezou en terapia e pediron cita co avogado. "Ano e medio estiven en terapia", puntualiza esta viguesa, que tamén confesa que, "ao comezo, eu non sabía que tiña un problema, non era consciente, non me consideraba ludópata, estaba en terapia porque era o que tiña que facer". Sen embargo, "cando empezaba a escoitar á xente falando, o que outros enfermos dicían, e me vía reflexada, comezaba a reflexionar sobre que igual si que tiña o mesmo problema ca eles".
"HABÍA MOITOS RAPACES NOVOS ADICTOS AOS VIDEOXOGOS E ÁS CRIPTOMOEDAS E FUTBOLISTAS QUE XOGABAN ÁS APOSTAS DEPORTIVAS NOS VESTIARIOS"
Unha das cousas que máis chamou a atención de Patri durante o seu tempo de terapia foi a cantidade de xente nova que había. "Pensei que igual só me atoparía con xente maior ou xente con problemas sociais, pero non, a verdade é que había moitos rapaces de 18, 25, 30 anos... adictos aos videoxogos e ás criptomoedas", asegura, e mesmo, "algúns futbolistas, porque hai moitos que xogan ás apostas deportivas no vestiario ou que quedan para ver partidos e apostar". Ademais, tamén afirma que non só había xente de baixos recursos, senón que tamén había "empresarios, fisioterapeutas, doutores...", os tentáculos do xogo non entenden de estudos nin de clases sociais. Patri asegura que "hai moita xente que aínda a día de hoxe me pregunta como é posible que non me dese conta de que tiña un problema", aos que ela sempre di que "o xogo activa unhas cousas no cerebro que fan que só esteas pendente de cando chegue o golpe de sorte, de cando che toque o premio gordo, para poder eliminar todas as débedas e facer como que nunca pasou nada", polo que "sempre mantés a esperanza de que algún día che toquen 50.000 euros e poidas pagar o que debes", e "non pensas no que estás gastando polo camiño", polo que "así é imposible darse conta".
Á pregunta de canto diñeiro foi o máximo que chegou a gañar e o máximo que chegou a perder dunha tacada, a moza asegura que "pódoche dicir cal foi o premio máximo, iso si que o sei, pero as perdas non, porque o meu cerebro só se quedaba coas gañancias, de tal maneira que se eu xogara 500 euros e gañara unicamente 200, a min valíanme máis os 200 euros gañados que os 500 perdidos". Así, o día que máis gañou foi unha tarde na que saiu ás cinco da tarde de traballar e déronlle as sete aínda xogando no coche. "Esa tarde gañei 14.000 euros", asegura Patri, que lamenta que "puiden telos empregado para pagar préstamos e parar de xogar, pero non, pensei que se gañara 14.000 podía investilos e gañar 28.000, así que seguín xogando e perdinos, todo na mesma tarde". E é que reflexiona sobre o feito de que "cando xogas 'online' non ves os cartos fisicamente, só ves numeriños que suben e baixan, polo que é máis fácil que os perdas, non lles das valor, mentres que, se vas a un casino, tes que ir a un caixeiro sacar billetes e, dese xeito, eres máis consciente do que gastas".
"O PRIMEIRO PASO É INCLUÍRTE NO REXISTRO DE AUTOPROHIBICIÓN DO XOGO E, O SEGUINTE, TER AS CONTAS BANCARIAS CONTROLADAS POR UN FAMILIAR"
Sen dúbida, para Patri, ao igual que para moitas outras persoas, a loita contra a adicción non foi sinxela. Aínda estando en terapia, é moi difícil non volver sucumbir á enfermidade, xa que na rúa, no móbil, na televisión, nas redes sociais... en calquera lugar hai estímulos que incitan a xogar. Como apunta esta moza, "ata os xogos que usaba para pasar o rato no móbil, como os míticos de xuntar froitas, tiñan anuncios incitando a facer apostas", ao igual que "os programas de televisión de carácter deportivo que comezan de madrugada, cando a lei lles permite facer esa publicidade de casinos". É por este motivo que, ao comezar en terapia, "o primeiro que fan é incluírte no rexistro de autoprohibición do xogo, de maneira que se ti queres entrar nunha páxina dun casino ou achegarte fisicamente a un, ao dar o teu DNI, non che deixan entrar". O seguinte é "ter as contas bancarias controladas por un familiar, de tal xeito que todos os teus movementos de cartos estean vixiados por un terceiro, para que este poida percatarse se tes unha recaída". Agora ben, tamén confesa que "aínda así sempre podes entrar nun bar no que non che piden ningún DNI e xogar na máquina", polo que non está todo explorado ao 100 % aínda.
Neste proceso de 'desintoxicación' do xogo é fundamental ter o apoio dos seres queridos, algo que Patri si tivo, pero que, desafortunadamente, non todo o mundo ten: "Moitos dos meus compañeiros de terapia asistían sós, cando che recomendan que vaias cun familiar, porque as súas familias lles deran a espalda". E é que, como apunta, "eu os cartos conseguíaos pedindo créditos e préstamos, sen dicirlle nada a ninguén, pero había quen roubaba na casa ou empeñaba xoias, e, cando a familia se daba conta, enfadábase con el, perdonándoo unha ou dúas veces, pero xa non unha terceira". Neste punto tamén reflexiona sobre o caso dos máis pequenos e os videoxogos, algo que parece ser inocente pero non o é: "Semella que non é ludopatía, pero tamén o é se estás xogando e che ofrecen pagar por unha espada ou por algo para ser mellor no xogo, iso tamén engancha ('loot boxes'), e hai nenos pequenos que mesmo lle collen as tarxetas aos seus pais para meter no xogo".
"ENTENDO QUE FACER UNHA APOSTA CON AMIGOS É DUN OCIO NORMAL E NON PIDO QUE SE PROHÍBA, PERO SI QUE SE CONTROLE Á XENTE CON PROBLEMAS"
A maior parte das persoas que sofren ou sufriron de ludopatía tenden a ocultalo, por vergonza, pero Patri optou por contar a súa historia, a través da publicación dun libro, para tratar de axudar a aquelas persoas que poidan ver nela un exemplo de superación a seguir. "Ao comezo eu tamén ocultaba o meu problema, porque mesmo miña nai me pedía que o fixese para que non se enterasen os veciños, por vergonza, pero, pouco a pouco, vaste abrindo e contándollo aos teus amigos, porque cando tes os cartos controlados resulta inevitable se vas cear que non o noten, ou cando estás na lista de autoprohibición do xogo e non podes entrar ao bingo con eles para botar unhas risas unha noite", explica a viguesa. Ademais, asegura que "cando eu estaba en terapia sempre buscaba coñecer experiencias doutras persoas que pasaran polo mesmo ca min e lograran superalo, pero só atopaba libros de psicoloxía, cousas máis técnicas, nada persoal, así que decidinme a ser eu mesma a que contase a súa historia por se esta puidese axudar a alguén a coñecer técnicas de superación ou mesmo ás familias a entender determinadas situacións".
Para Patri está claro que "o ideal sería non entrar nunca no xogo", pero sabe que "na sociedade actual isto é moi complicado, é como prohibirlle aos nenos pequenos que non usen o móbil". Así que, polo menos, agarda que lendo o seu libro "as persoas sexan máis conscientes dos problemas que pode conlevar unha adicción ao xogo, que coñezan cal é a realidade detrás de tanta publicidade e que saiban detectar cando se están pasando investindo cartos nas apostas, freando a tempo". A moza non quere condenar a todos os xogadores, pois "non está mal facer algunha aposta con amigos ou cando se está vendo un partido, entendo que se trata dun ocio normal e que moita xente así o considera", polo que "tampouco pido que se prohíba de todo", pero "si que se controle máis para a xente que ten problemas". E exemplifica que "non podes prohibirlle a unha persoa que sae unha noite de festa tomarse unha copa, pero si llo podes prohibir a un alcohólico", e, co xogo, debería acontecer o mesmo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.