Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 02/11/2024 | Actualizada ás 20:40
Se un se achega a dar unha volta polo casco histórico de Santiago de seguro se verá sumido nun balbordo continuo de peregrinos que lle farán esquecer a realidade que existe tras os muros dos casas que conforman esas rúas que levan cara a Catedral, a Praza da Quintana ou a Alameda. Moitos dos edificios desta zona son institucións públicas ou relixiosas, así como museos ou restaurantes. Pero, hai moitos entre medias que en realidade son vivendas habitables que deixaron de estalo fai xa un bo feixe de anos, convertindo o centro de Santiago nunha zona 'fantasma' de non ser polos visitantes e os paseadores das fins de semana. Vendo a maxestuosidade dalgunhas, con máis de catro pisos de altura e un baixo que agora mesmo adoita estar ocupado por tendas de recordos, resulta difícil imaxinar como unha familia podía vivir antes nun espazo de tales dimensións. Con todo, hai que pensar que houbo unha época na que non só a familia máis próxima vivía xunta, senón tamén os parentes, de tal maneira que se podían xuntar nunha mesma vivenda ata dez ou máis persoas, sumando os 'criados'.
A pregunta inevitable que se pode facer calquera a día de hoxe é: habendo tal problema para atopar vivenda na cidade, con escasa oferta e prezos desbordados, por que non se sacan estes edificos ao mercado do aluguer ou venda por pisos? Sería unha opción factible tendo en conta que cada unha das divisións verticais da vivenda pode actuar perfectamente como piso independente, con habitacións suficientes para cubrir todos os servizos precisos dunha familia. E, aínda así, superando amplamente eses 90 metros cadrados ou menos que a día de hoxe teñen case todos os pisos de nova construción. Entón, onde está o problema? En que a normativa non permite a súa venda se non é en bloque, e claro, quen vai mercar unha casa de semellantes dimensións? Xa non só polo seu custe, que supera na maior parte dos casos o millón de euros, senón tamén porque se trata de edificios de catro e máis plantas sen ascensor nin zona de estacionamento. Outra opción que se podería barallar sería a de convertelos en hoteis, pero iso é algo que tampouco pode facerse así como así, xa que require dunha serie de condicionantes que non todas as vivendas cumpren.
Así as cousas, a realidade é que dende o ano 1970 a Cidade Histórica de Santiago vai perdendo cada ano o 3 % da súa poboación de xeito continuado. Poboación que prefire concentrarse na cidade nova ou ben nas vilas dos arredores, moito máis modernas: Bertamiráns, Cacheiras, Sigüeiro... En consecuencia, hoxe por hoxe a Rúa Travesa, As Casas Reais, as Algalias e O Preguntoiro teñen un bo feixe de casas pechadas e sen perspectiva de que vaian ser postas de novo no mercado, alo menos non a curto prazo. Edificios senlleiros como o Yago, o Olmedo, o Pazo de Cimadevila, a Casa da Rabeada, as casas da parroquia de Salomé na Rúa Nova, as casas de Cotos, a Casa Sacerdotal no Preguntoiro, a casa onde estivo Cantigas e Agarimos na Algalia de Arriba, o Pazo dos Irlandeses e moitas outras que forman parte dun listado case interminable permanecen abandonadas e deteriorándose máis a cada ano que pasa. Deterioro que se fai evidente tamén aos ollos do visitante. E iso que algunhas destas casas, como sucede no caso do Pazo dos Irlandeses, aínda conservan no seu interior os mobles orixinais, pois foron deixadas tal e como estaban.
UNHA CASA DE ÉPOCA PERTENCENTE A UNHA FAMILIA NOBRE E DE MOITO PRESTIXIO NA CIDADE QUE SE FOI ADAPTANDO AO PASO DO TEMPO
Hoxe, o Galicia Confidencial adéntrase nunha destas maxestuosas casas situada na Rúa Nova, onde o equipo de Creafogar realizou unha intervención na que se demostra que estas vivendas pódense reformar e darlle un lavado de cara ao seu interior para combinar unha estética máis moderna coa orixinal da casa que permita que teña máis saída no mercado. En concreto, o que fixeron foi xuntar pezas únicas elaboradas por máis de 300 artesáns galegos con mobles orixinais que estaban xa no fogar e que tiñan unha alta calidade difícil de conseguir na actualidade ou, alo menos, de conseguir a prezos asequibles para os petos da maioría da xente. A casa en cuestión, situada no número 24 desta céntrica rúa, conta con catro pisos e un baixo comercial, sen uso en ningún dos casos. Mercedes Vázquez, investigadora de Dehistoria, cóntanos a historia desta edificación do século XVII. "Aínda que non atopamos planos que a daten claramente nese século, si aparecen planos da mesma do século XVIII e, ao conservar os soportais e estar tan próxima á igrexa de Salomé, é sinxelo ver como outras casas desa zona que se foron construíndo con posterioridade van perdendo os soportais", explica.
Con todo, esta vivenda non se mantivo intacta ao longo do tempo, senón que foi sufrindo reformas posteriores, sendo unha das máis importantes a creación dunha ampla galería na parte traseira. "Esas galerías son posteriores, do século XIX", apunta Mercedes. Esta foi, "inicialmente, unha vivenda para unha única unidade familiar, porque antes as familias estaban integradas por moita xente, non só a familia próxima, senón tamén parentes, os 'criados'... Como as casas non estaban automatizadas como o están agora facía falta un montón de persoas de servizo". Foi xa no século XIX cando se transformou xa na vivenda que se pode ver hoxe en día, "que conta con dous pisos principais máis un baixo comercial e dous pisos superiores que estaban destinados aos nenos da casa ou aos 'criados'". Mercedes explica que "as casas antiguas, igual que facemos agora nas modernas, fóronse adaptando, e esta tivo varias modificacións ao longo do tempo e permite observar moi ben como se foi modificando". Por exemplo, apunta ao patio traseiro, onde se pode ver aínda cal era a altura do chan orixinal, "bastante máis baixo que o da casa actual e que o das casas que están ao redor".
E é que, "toda esa zona de xardíns que se ve cando se visita a casa é algo que está documentado dende a Idade Media na cidade, cando as casas eran máis pequenas e tiñan unha zona de horta para plantar frutais, meter animais domésticos ou outras necesidades", apunta. Mercedes indica que "esta vivenda, como moitas outras desta rúa, foi construída polo cabildo, polo que é posible que tivese vivido nela algún canónigo, pero non se pode documentar con claridade". É a partir do século XIX cando xa se pode seguir a liña de propietarios e sábese que nela viviu Salvador Parga, senador que conta cunha praza co seu nome na cidade. A partir de aí esta casa seguiu habitada polos seus descendentes, por exemplo, a súa filla e o seu xenro, Pérez Bustamante, que foi un importante bibliotecario; e, seguidamente, un fillo desta parella, Manuel Díaz, que chegou a ser un profesor moi prestixioso da Universidade de Santiago (USC).
HOXE EN DÍA É MOI DIFÍCIL ENCAIXAR OS MOBLES ORIXINAIS MÁIS GRANDES DA CASA NO MERCADO, POLO TAMAÑO E O CAMBIO DE GUSTOS
Para falar dos mobles que esta casa tiña orixinalmente, algúns dos cales se conservaron na intervención de Creafogar, falamos con Ana Castro Jiménez, de Galantiqua, que nos conta que "os mobles que teñen estas casas tiñan un custe económico moi elevado, acorde co da propia casa". Todas as habitacións estaban habitadas, de maneira que había unha que se adicaba en exclusiva a comedor, outra a sala de xogos, outra a despacho... "Algo impensable a día de hoxe e que non podemos nin plantexarnos polo tamaño das nosas casas actuais". "Dependendo do moble do que se trate, e tendo en conta os gustos de hoxe en día e o baixo teito das vivendas actuais en comparacións coas antigas, hai mobles aos que é difícil darlle saída, tendo máis facilidades para a venda pezas pequenas como mesas, espellos, lámpadas, estanterías...", apunta. Sen embargo, para Ana, "sempre está ben poder encaixar algún destes mobles máis antigos cos deseños actuais, porque lle aportan un valor engadido, sendo pezas orixinais e únicas que non se atopan en ningún outro lugar".
Ademais, para ela tamén é importante ter en conta a "calidade altísima" destes mobles, porque "ti agora se queres facer unha estantería de madeira de castiñeiro vaiche custar moito", e "estas eras pezas feitas en madeiras moi boas, serradas e talladas a man por ebanistas de sona". Mentres, "agora os deseños nórdicos que se impuxeron a raíz do Ikea fanse con madeiras brandas, non de tan alta calidade" e os mobles de deseño que si usan estas madeiras, "teñen prezos moito máis elevados". Ana anima á xente a buscar e rebuscar algunhas destas pezas nas diversas feiras de antigüidades que se celebran en diversas vilas e cidades galegas ao longo do ano, porque pódense atopar auténticas 'gangas', pezas de alta calidade a prezos reducidos porque "non teñen demanda cos costumes da sociedade actual". "Cun moble destas características podes darlle un toque único e diferente á túa casa e, ademais, conseguir unha peza de alta calidade cun prezo económico", expón.
Algunhas destas pezas antigas, como acontece nas propias vivendas, levan o escudo da familia. Ana conta que "case todas as casas da Rúa Nova teñen ou tiñan o escudo coa heráldica da familia, pois pertencían a familias nobres", aínda que, lamentablemente, "algúns deses escudos foron desmontados co paso do tempo ou se atopan no interior de vivendas pechadas a día de hoxe, nos mobles e en grandes vidrieiras". En concreto, o escudo de armas "permitía coñecer os títulos nobiliarios que tiña a familia, polo que era moi importante, pois non todo o mundo en Galicia podía ter escudo". No século XIX estas casas da Rúa Nova "adoitaban pertencer a persoas que desempeñaban profesións liberais dun alto nivel sociocultural e intelectual, como científicos, notarios, avogados, profesores de universidade (como era este o caso)...".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.