Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/11/2024 | Actualizada ás 13:33
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, condenou este luns a agresión sufrida este pasado domingo polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, na súa visita á zona afectada pola DANA, e defendeu a importancia de pór a disposición das autoridades os medios necesarios "sen esperar a unha solicitude formal".
Así o sinalou na rolda de prensa posterior á reunión do Consello do Goberno galego, onde foi preguntado pola súa opinión acerca da violencia rexistrada na visita oficial aos pobos valencianos afectados pola DANA.
"A violencia nunca soluciona nada", reivindicou, aínda que "entende" o estado de ánimo que viven os afectados. "As agresións non teñen ningunha xustificación", condenou, insistindo en que o problema "principal" do Goberno central non é "medir o grao de reacción de cada persoa", xa que en Valencia "hai cuestións bastante máis importantes". Para el, o "fundamental" é auxiliar ás vítimas e tratar de repor a situación cunha "mínima normalidade", aínda que "non vai ser fácil". "Tempo haberá para analizar como sucedeu e a eficacia dos avisos", subliñou.
Preguntado sobre se o presidente nacional do PP, Alberto Núñez Feijóo, foi demasiado "morno" á hora de reaccionar sobre o vivido este domingo, Alfonso Rueda asegurou que "calquera persoa do seu partido está absolutamente en contra da utilización da violencia". Tamén criticou "calquera intento de tirar vantaxe partidista" e conseguir "rédito político" da traxedia. Ademais, insistiu en que aqueles que teñan medios, que os poñan a disposición "sen esperar a unha solicitude formal", porque hai que implicarse "a lume de carozo".
CRÍTICAS PSDEG
O PSdeG-PSOE trasladou este luns a súa "máis firme condena" polas "agresións e actos vandálicos" sufridos este domingo polo presidente Pedro Sánchez, o presidente da Comunidade Valenciana, Carlos Mazón, e os Reis na súa visita ás zonas afectadas pola DANA, uns ataques "claramente dirixidos por grupos de extrema dereita, que actúan ao amparo da retórica incendiaria na que colabora a dereita". Así o manifestaron os socialistas nun comunicado, no que expresaron a súa solidariedade "máis sinceira" cos veciños e veciñas da Comunidade Valenciana afectados por esta catástrofe. "Entendemos a súa desesperación nestes momentos difíciles e compartimos a súa dor", sinalaron desde o PSdeG.
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, condenou os "actos violentos dirixidos pola ultradereita contra as institucións de España" e instou a todas as forzas políticas a sumarse á repulsa destas accións "Contra a democracia" que levan a cabo "aproveitando e xerando confusión". Así o trasladou este luns durante unha visita a Narón, onde reiterou a solidariedade do PSdeG, o compromiso e o agarimo a todos os afectados polas inundacións rexistradas no Levante español. Ademais, trasladou o agradecemento ao "enorme esforzo" que se fai con medios públicos a través das forzas e corpos de seguridade do Estado, o exército e os servizos de emerxencia de Valencia.
APELACIÓN AO RESTO DE PARTIDOS
Os socialistas galegos incidiron en que a convivencia e o respecto deben estar "por enriba de calquera diferenza política", e apelaron ao resto de forzas políticas para que "se sitúen claramente en defensa do Estado de Dereito e contra calquera manifestación violenta ou de odio que busque dividir e intimidar á sociedade". Así, chamaron a manter un "compromiso inequívoco coa democracia" e a non permitir "que o silencio sexa cómplice da radicalización e a intolerancia". "O PSdeG mantén a súa firme postura en defensa dunha Galicia e unha España de convivencia e xustiza social", finaliza o comunicado.
PONTÓN VE "NORMAL" A "INDIGNACIÓN", PERO "NON XUSTIFICA A VIOLENCIA"
Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, encadrou a situación vivida este domingo en Paiporta en "a magnitude da catástrofe", lembrando que "a situación que viven" as persoas afectadas "é desesperada" e "é normal que haxa indignación", aínda que, engadiu, "isto non xustifica nunca a violencia, menos cando temos datos de accións programadas por parte de grupos de extrema dereita que queren aproveitarse da dor e do sufrimento". Así o dixo, en declaracións aos medios, tras ser preguntada polas agresións sufridas onte pola comitiva na que participaban os Reis, o presidente do Goberno e o presidente da Generalitat Valenciana. "O que nos encolle o corazón é ver as imaxes das desfeitas, imaxes apocalípticas, e saber que detrás diso está a dor de persoas", indicou.
Na situación actual, Ana Pontón dixo botar de menos "que non haxa máis altura política" para "non facer da dor das persoas un campo de acción política" e esixiu que "todos os poderes públicos mobilicen todos os recursos posibles" para facer fronte aos efectos da DANA. "Que haxa xente querendo utilizar esta dor para facer unha política tan rastreira é algo que temos que desterrar", resolveu. En particular, a preguntas dos medios, referiuse a a actitude do líder da oposición, Alberto Núñez Feijóo, ao que acusou de "non querer nunca ser parte da solución, se non máis ben parte do problema".
MÁXIMA COOPERACIÓN E COLABORACIÓN
Así as cousas, a portavoz nacional do BNG pediu a "máxima cooperación" e a "máxima coordinación a nivel institucional" para dar solución "o máis rápido posible" a esta catástrofe. "Son momentos moi difíciles e debe de haber unha resposta de todas as administracións á altura da catástrofe", dixo. Para Pontón, máis aló das mensaxes políticas, a "prioridade" é "que se mobilicen todos os medios para procura de persoas, limpeza e chegada de subministracións" ás zonas afectadas, que se axilicen especialmente os labores de rescate de persoas incomunicadas e de recuperación de corpos, algo para o que comprometeu "todo o apoio" do BNG á Xunta para que Galicia "sexa un exemplo de apoio e solidariedade co pobo valenciano".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.