O Concello de Ourense aproba modificacións de crédito por 17 millóns en dous plenos extraordinarios

Oficiliazada a renuncia do concelleiro do Partido Popular Miguel Ángel Michinel polo pacto do seu partido con Jácome.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 15/11/2024 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

O Concello de Ourense celebrou este venres dous plenos extraordinarios consecutivos para aprobar tres modificacións de crédito. Dúas para cumprir sentenzas xudiciais de pagos a concesionarias e unha para emerxencias sociais por máis de 17 millóns de euros. As de maior contía economicamente foron as de cumprimento de sentenzas por débedas coas concesionarias, especialmente a do servizo do transporte de autobús urbano, caducado desde o 2015, que por este motivo deberá recibir 16,6 millóns de euros. Foi tamén a modificación que máis polémica suscitou.

"Estes expedientes, este e os anteriores e todos os que virán, revelan o que o BNG denunciou desde hai meses e o alcalde negou: que había unha débeda oculta multimillonaria coas concesionarias", arremeteu o portavoz do BNG, Luís Seara, na súa quenda de intervención avanzando que "aínda terá que saír á luz o que se lle debe á concesionaria da auga", que esixe 14 millóns de euros. Pola súa banda, a edil do PSOE, María Fernández, quixo subliñar que a situación non chega con estes pagos ao seu fin, porque as concesións continúan en precario. "Isto non termina aquí, ata que a concesión non estea correctamente licitada e adxudicada e o contrato sexa válido imos seguir pagando intereses. Son 2 millóns de euros que lle daría para unha modificación de crédito de seráns", expuxo a edil socialista.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, nun pleno
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, nun pleno | Fonte: Agostime - Arquivo

Así lembrou que eses dous millóns son os intereses só dos transportes urbanos. "O Partido Popular iniciou no 2015 a precariedade deste contrato, a sentenza chegou gobernando o Partido Popular e vostedes están no goberno desde fai cinco anos e son incapaces de licitar uns pregos para que deixe de estar en precario", reprochou Fernandez. Polos populares defendeu o voto o concelleiro José Araujo, quen indicou o rexedor municipal, Gonzalo Pérez Jacome: "Ten habilidade para botarnos a culpa aos demais de todo o que pasou", pero "había unha sentenza que dicía o que había que pagar e tomouse a decisión política de non pagar". "Esa decisión é a que hoxe nos levou aquí a contarlle aos veciños que imos pagar dous millóns de euros en intereses de demora", agrega.

O intercambio de reproches pechouno o propio alcalde, Pérez Jácome, que relatou que a concesionaria pedía "unha animalada". "Nós opómonos e dicimos que iso está mal e do que se pide inicialmente descóntannos dous millóns de euros. Entendemos que podiamos seguir loitando e perdemos os xuízos e hai que pagar intereses, pero os intereses de demora son 1.900.000 euros, é mesmo menos", valorou. Así, a modificación de crédito saíu aprobada co voto a favor de Democracia Ourensana, a abstención de Partido Popular e a do Partido Socialista e o voto en contra do Bloque Nacionalista Galego. O outro punto do primeiro pleno extraordinario foi a aprobación dunha modificación de crédito por 425.000 euros para o cumprimento doutra sentenza sobre a firma que xestiona un par de instalacións deportivas, Serviocio. Tamén saíu aprobada co mesmo sentido de voto dos partidos da oposición.

RENUNCIA DE MICHINEL

Antes de terminar o pleno oficializouse a renuncia do concelleiro do Partido Popular Miguel Ángel Michinel, que a pasada semana fixo pública a renuncia á súa acta no consistorio, despois de que o seu partido facilitase a aprobación doutras oito modificacións orzamentarias por valor de 20 millóns de euros. Na segunda sesión plenaria extraordinaria, celebrada poucos minutos despois, tamén saíu adiante a modificación de crédito para a área de emerxencia social con 300.000 euros. Neste caso, cos votos favorables de todos os partidos a excepción do Bloque Nacionalista Galego que se abstivo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta