Por Galicia Confidencial | Compostela | 28/11/2024 | Actualizada ás 11:57
Nas últimas semanas foron moitas as mensaxes de usuarios e usuarias de X (coñecido anteriormente como Twitter) que anunciaban que abandonaban a plataforma. Tamén medios de comunicación como The Guardian, La Vanguardia ou Galicia Confidencial decidiron deixar esta plataforma polo aumento da desinformación e o control que sobre ela exerce o seu propietario, o populista, e agora asesor de Donald Trump, Elon Musk.
GC decidiu mudarse, como moitos galegos e galegas disconformes cos xeitos e as andanzas deste político ultraliberal, a outras redes como Bluesky, unha plataforma de microblogging, de mensaxes curtas, moi parecida ao que foi nos seus inicios Twitter. Outros moitos foron a Threads, tamén unha rede de microblogging da empresa Meta, a mesma que está detrás de Instagram. Galicia Confidencial está xa presente nestas dúas redes sociais nestas contas: http://gconfidencial.bsky.social/ e https://www.threads.net/@galicia_confidencial/
Curiosamente, e a pesar do gran control que exerce Elon Musk sobre as mensaxes da rede X, aínda son moitos os medios de comunicación, organizacións e as forzas políticas de esquerda e nacionalistas que continúan tendo a esta plataforma como rede social de cabeceira. Iso, a pesar de que xa existen outras redes máis plurais e en galego.
BLUESKY EN GALEGO
Agora, e como aconteceu no inicio da blogosfera e de Tuiter, Galicia segue á avangarda impulsando os espazos en galego. É o caso da iniciativa Bluesky en galego impulsada polo activista Carlos Vieito que logrou que esta nova plataforma estea dispoñible en lingua galega en menos de un mes. Desta forma, o galego súmase ás case trinta linguas nas que está dispoñible esta rede social, grazas á tradución e activismo dixital de quen xa promovera no seu momento a iniciativa Twitter en galego.
A tradución de Blueskay rescata terminoloxía que foi empregada na rede de microblogging máis utilizada do mundo, como foi Twitter. “Volven os chíos e os rechouchíos” sinalou Vieito. Nesta nova actualización en galego, o verbo chiar, publicar un chío, consolídase como mensaxe curta en Internet. Un termo que foi recollido mesmo pola Real Academia Galega ao ter un uso moi estendido tanto nos medios de comunicación, como entre as persoas usuarias destas plataformas.
ELON MUSK E TWITTER DESPREZAN O GALEGO
Cancelo, rechouchío e chiar son algúns destes termos que volven a estar presentes despois de que coa chegada de Elon Musk a Twitter, decidisen eliminar toda a idiosincrasia galega do paxariño azul. A estas palabras tamén se lle suma unha tradución consciente, sinalou Carlos Vieito, que apuntaba a que durante o proceso de tradución intentou sempre ter unha terminoloxía “o máis neutra posíbel”, utilizando unha linguaxe inclusiva e neutra.
Carlos Vieito sinalou que o activismo pola lingua está máis vivo que nunca”, nunha sociedade consciente pola promoción da súa lingua e lamenta que “volve ser a sociedade civil”, o activismo dixital, quen logra dar pasos na normalización do galego. E sente que non cambiase nada en case 15 anos, cando foi tamén a sociedade “quen traballou na tradución do Twitter para que estivese na nosa lingua”.
Como indica o impulsor desta iniciativa, nesta tradución colaboraron Alexandre Espinosa e Xurxo GP traducindo e programando para que a puidese estar dispoñible na plataforma de Bluesky. Neste momento segue aberto o traballo de tradución de todas as novas actualizacións que se sigan a realizar dende a aplicación e que aínda non foron traducidas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.