Por Ángela Precedo | A CORUÑA | 05/12/2024 | Actualizada ás 21:50
Cando falamos de sectores masculinizados temos que incluír o campo, sector masculinizado onde os haxa. Sacando as tarefas da horta, antes era moi raro ver a unha muller levando as ovellas ou as vacas pastar ao campo ou facendo outras cousas como subirse a un tractor ou talar unha árbore. Afortunadamente, dese pasado patriarcal do rural galego hoxe en día xa queda menos, aínda que segue permanecendo residual entre os máis anciáns, e, actualmente, as mulleres do campo galego fan absolutamente de todo, sen que se lle caian os aneis por iso. O rural está cheo de mulleres loitadoras e valentes que cada día se erguen para sacar adiante á súa familia e tamén aos seus animais e colleitas. Hoxe, dende o Galicia Confidencial, para pechar a nosa serie de entrevistas a mulleres que traballan en sectores tradicionalmente masculinizados, falamos con María Jesús Crespo, presidenta da cooperativa de gando Vélaro que, lonxe de achantarse ante o duro traballo de pastorar as ovellas, tamén traballa fóra da casa.
Como nos conta María Jesús, "eu son, por unha banda, coidadora de persoas dependentes; e, pola outra, pastora". Así que os días desta muller non son precisamente aburridos, pois non para nin un segundo: "Levántome pola mañá, saco ás ovellas ao monte, doulle de comer ás miñas galiñas (que tamén ten) e deixa todas as cousas amañadas na casa para marchar traballar fóra; rematada a xornada laboral, volve á casa e ponse novamente coas ovellas". Non hai descanso, como vemos. Con todo, asegura que "prefiro isto a ter que estar 7 horas sentada nunha oficina, con iso dígocho todo", chancea. E é que "eu cando teño que sacar as ovellas ao monte síntome moi tranquila e relaxada, non o vexo como un traballo, é algo que me dá de comer, pero que tamén fago porque me gusta". Pois María Jesús vive namorada das súas ovellas, xa que confesa que "non podes evitar poñerlle nome a algunha" e, "cando se fan maiores e morren ou as tes que mandar á carne, sempre che afecta". "Sei que son animais, pero animais cos que convives e traballas a diario moitas horas, aos que lles tes o mesmo cariño que lle pode ter calquera persoa á súa mascota, ao seu can ou ao seu gato".
"AQUÍ TENSE OUTRA FORMA DE PENSAR E DE VIVIR, TOTALMENTE DISTINTA Á DA CIDADE, OS TEMPOS CORREN DOUTRO XEITO"
E, lonxe de moitas outras historias onde as mulleres que se adican ao pastoreo fano porque xa era algo que lles viña de familia, no caso de María Jesús, non foi así, máis ben todo o contrario. "Meus pais vivían no rural, pero tiñan traballos totalmente distintos a este", apunta esta gandeira, que asegura que "eu non tiven nunca na miña infancia contacto co mundo rural, de feito sempre fun unha rapaza moi de cidade, 'moi pijita', pode dicirse", chancea con nós. Sen embargo, fai algo máis de dez anos aconteceu algo na súa vida que mudou todos os seus plans: no 2012 a empresa na que traballaba decidiu botar o peche e quedei sen traballo. Nese intre, a súa parella, que tiña unha casa apartada en Aranga con catro ovellas e media ducia de galiñas ofreceulle irse para alí. "Decidín tomarme un tempo sabático", conta, de tal maneira que "pechamos o piso da cidade e viñémonos para a casa da aldea". E, aínda que ela ao comezo tiña as súas dúbidas, pois "pensaba que non ía botar máis de dous meses, co que a min me gustaba ir ao cine e ao teatro e facer vida social, conventéronse xa en 12 anos", e "aínda non me aburrín hoxe", amósase toda leda.
Que foi o que a encheu tanto como para leva tantos anos xa en Aranga rodeada dos seus animaliños? Asegura que nin ela mesma o sabe a ciencia certa, pero que "gústame moito isto, pásoo ben, namoreime da terra, dos animais, desta forma de vida, que seguramente levaba agochada aí nalgún recuncho de min". Ademais, confesa que "débolle moito" a esta vida, porque "me fixo comezar a sentirme ben de novo", despois de ter atravesado por un mal momento. "Aquí tense outra forma de pensar e de vivir, totalmente distinta á da cidade, os tempos corren doutro xeito", asegura. Algo moi importante nunha sociedade como a actual, onde imperan as présas e as carreiras, na que a xente non se detén a mirar ao seu redor e reflexionar e na que non hai tempo para nada, nin para as cousas que verdadeiramente deberan ser as máis importantes da vida: o amor, a familia, os amigos... Así, nesta nova vida, María Jesús aventurouse a aprender dende cero: "Cando decidín facerme pastora non tiña nin idea de nada e tiven que aprender por camiños pouco convencionais, traballando todos os días coas ovellas e aprendendo, metendo a pata e volvendo metela, de forma totalmente práctica".
"SÓ CON 40 CABEZAS NON ME CHEGA PARA VIVIR DISTO, TEÑO QUE TRABALLAR TAMÉN FÓRA DA CASA, IGUAL SE TIVESE 200 SI PODERÍA"
Cando se propuxo tomarse isto como un negocio, deuse conta das múltiples trabas burocráticas que conleva, así que púxose nas mans da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica), e "aí foi onde realmente me botaron unha man para poder facer disto unha empresa, que é o que é, e onde puiden coñecer a outras mulleres pastoras, aínda que tamén homes, indo ás súas casas e aprendendo delas e deles manexos, trucos e moito máis". "Foi unha aprendizaxe paseniña que levou moito tempo, pero con boa letra", chancea. E tamén confesa que cometeu os seus erros que a nivel anímico lle custaron caro no seu momento: "Eu metín a zoca, por exemplo, ao facer uns cruces de animais, e morreume boa parte do rabaño", lamenta aínda agora, asegurando que, "cando che pasa algo así, levas unha gran desilusión e aféctache, fai que te replantexes todo, se serves para isto...". Por sorte tivo quen lle dixese que iso non era nada doutro mundo, que a moita xente lle pasara antes e que non ía ser a última vez que lle pasase a alguén, polo que tan só debía tomalo como "unha ensinanza" e "aprender".
No sector da gandaría, ao igual que noutros moitos asociados ao campo, sempre se fala da falta de rendibilidade, con custes de produción maiores aos de venda que afogan aos gandeiros, xa sexa no ámbito do leite, da carne ou da lá, no ovino ou no caprino. No caso concreto das ovellas, María Jesús explica que, aínda que as cousas non están doadas, si que hai explotacións que funcionan. No seu caso asegura que non lle dá para vivir só do gando, pero "porque teño só 40 cabezas, por iso teño que traballar tamén fóra da casa, pero se tivera, por exemplo, 200 cabezas, seguramente si que me daría para vivir só do gando". Dende o seu punto de vista, "todo é cuestión do número de cabezas que teñas e da rendibilidade que saibas sacarlle, pois tampouco é o mesmo vendes os cordeiros a 60 que conseguir que chos merquen a 100, ou contar con axudas da Política Agraria Común (PAC) que non telas... Todo inflúe", matiza. Por iso, non quere que ningunha rapaza (nin rapaz) ao que lle chame a atención este sector deixe de aventurarse nel por temores infundados.
"EN GALICIA OS GANDEIROS SEMPRE TIVEMOS UN DEFECTO: POÑER A GRANXA ONDE TEMOS A CASA, E AO XUBILARNOS, NON IMOS METER UN DE FÓRA NA CASA"
De feito, e contra o que poida pensarse, o sector primario está a experimentar unha inxección de saiba nova nos últimos anos. "O relevo xeracional está querendo chegar", asegura María Jesús, que apunta a que, como presidenta de Vélaro, tivo fai pouco unha reunión co Centro de Promoción Rural de Fonteboa (EFA Fonteboa) e "dixéronme que fai uns anos só contaban con 10 alumnos e agora xa teñen 50", o que amosa que "realmente hai xente nova que se está interesando polo sector". Cal cre que é o problema, dende o seu punto de vista? "Que en Galicia os gandeiros sempre tivemos un defecto: poñer a granxa onde temos a casa, de tal maneira que se pechas a explotación porque te xubilas ou por calquer outro motivo, esas infraestruturas van quedar aí mortas da risa, porque, loxicamente, non vas meter unha persoa de fóra traballar nun espazo que forma parte da túa casa", apunta. Con todo, insiste nesa idea positiva de que "vén en camiño unha fornada de rapazas e rapaces moi boa" e, sobre todo, "preparada, mulleres que veñen preparadas para desmitificar o rol do gandeiro que malamente sabe ler e escribir, xente con carreiras e con graos que sabe ben o que quere e o que vai facer", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.