(Vídeo) Figuras de vimbio a tamaño natural e unha árbore de botellas recicladas: o atractivo Belén dunha vila pontevedresa

A localidade de Porto, no pequeno concello de Pontecesures, leva dende o 2003 amosando ao mundo como se pode crear un Belén Artesanal de xeito sustentable. Aínda estás a tempo de visitalo!

Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 04/01/2025 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Ao longo de toda Galicia hai unha serie de beléns artesanais que se rouban o protagonismo durante estas datas. Un deles é o Belén en Movemento de Valga. Sen embargo, outros moitos son os que pasan desapercibidos nestas festividades, a pesar de contar tamén con atractivos elementos polos que merecerían ser recoñecidos. Un deles está, precisamente, moi pretiño do de Valga, no veciño concello de Pontecesures, na localidade de Porto, e nel destaca a sustentabilidade como base. Este Belén está composto por diversas figuras de vimbio a tamaño natural, elaboradas coa tradicional técnica da cestaría: dende os Reis Meigos ata o neno Xesús e os animais que o acompañan no pesebre, non lle falta detalle!

Árbore do Belén Artesanal de Porto, en Pontecesures, dos anos 2024-2025
Árbore do Belén Artesanal de Porto, en Pontecesures, dos anos 2024-2025 | Fonte: GC

A isto habería que sumar tamén un elemento que fai que cada ano paga a pena visitalo novamente: unha árbore de Nadal confeccionada con diferentes materiais. Así, se o pasado ano esta árbore estaba feita con retallos de gancho, este ano o gancho quedou relegado unicamente aos agasallos que hai baixo ela, estando a mesma feita de recortes de botellas de plástico. Véndoa de lonxe, calquera diría que está feita de material reciclado, pois brilla na escuridade que dá gusto, non só polas luces que a adornan, senón tamén por como se reflexan estas no plástico.

Este Belén, que comezaron a facer un grupo de mulleres da vila, non só é un atractivo turístico para a zona, senón tamén unha expresión de traballo comunitario e da tradición artesanal da rexión, para ofrecer así unha experiencia única aos visitantes durante a tempada do Nadal. A iniciativa comezou no ano 2003, polo que xa conta con máis de 20 anos ás súas costas, sen fallar nin un só e reinventándose a cada ano que pasa.  E ti, aínda non sabías deste orixinal Belén?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta