Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 07/01/2025 | Actualizada ás 21:50
O de alcalde, sen dúbida, é un cargo que acarrea moita responsabilidade consigo. Sen embargo, en Galicia hai concellos e concellos, e dende logo non é o mesmo ser o rexedor dunha gran cidade ou dunha vila de considerable tamaño que dun pequeno concello do interior ou dun municipio que conte con pouquiños veciños. E aínda que podería pensarse que son os primeiros os que reciben unha maior retribución económica polo seu traballo, en realidade tamén hai alcaldes en concellos de mediano e pequeno tamaño que cobran tanto ou máis que os das cidades. A que se deberá? Só eles o saben, xa que os máximos salariais si se fixan nos orzamentos xerais do Estado cada ano en función da poboación, pero o que nós si podemos saber é canto cobran anualmente todos eles, observando o informe 'Retribucións de cargos electos e empregados públicos das Entidades Locais e Comunidades Autónomas. ISPA 2024', publicado polo Goberno central no seu portal de transparencia.
Hai que matizar que estes datos corresponden aos salarios do ano anterior, 2023, no que houbo eleccións, polo que hai concellos que cambiaron de cor política e, polo tanto, de alcalde á fronte, de maneira que a cifra que imos dar nestes casos corresponde ao salario anual resultante de sumar os salarios parciais que percibiron os dous rexedores durante o pasado ano. Tamén cómpre explicar que non todos os rexedores se adican en exclusiva a selo, senón que os hai que poden estar desempeñando ao mesmo tempo outros traballos fóra da Alcaldía, de maneira que aqueles que teñen adicación parcial ou que directamente non teñen adicación ao Concello como tal, non cobran cantidades tan elevadas como os que si, ou cobran unicamente o salario do seu outro traballo. É por iso que, para que a comparativa sexa máis xusta, só nos vamos centrar nos soldos anuais daqueles rexedores que si teñen adicación en exclusiva ao seu cargo.
Así, o salario anual dos alcaldes nas sete grandes cidades galegas oscilou entre os 75.943,42 euros do rexedor de Vigo, Abel Caballero (PSdeG); e os 32.875,11 dos alcaldes de Ferrol, agora José Manuel Rey Varela (PP), que non percibe salario por adicación exclusiva, e o seu predecesor no cargo, Ángel Mato (Ferrol en Común). Sacando o caso excepcional de Ferrol, a cidade na que menos cobrou a persoa á fronte da Alcaldía foi durante o ano 2023 foi Santiago de Compostela, xa que entre Goretti Sanmartín (BNG) e o seu predecesor José Sánchez Bugallo (PSdeG), percibiron a cifra total de 60.350,92 euros. Pola contra, o segundo alcalde mellor pagado de Galicia no 2023 foi o de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensana), con 75.215,42 euros. Os postos intermedios da táboa son para o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), con 74.491,60 euros; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey (PSdeg), con 74.373,30 euros; e a suma dos salarios das dúas alcaldesas que tivo Lugo no 2023, Paula Alvarellos (PSdeG) e Lara Méndez (PSdeG), con 73.911,89 euros.
ALCALDES DE OLEIROS, ARTEIXO E MARÍN PERCIBIRON UN SALARIO ANUAL DE MÁIS DE 60.000 EUROS; DA FONSAGRADA, VILALBA E GUITIRIZ, DE MENOS DE 25.000
Por enriba do que cobraron a alcaldesa e alcalde de Santiago e os alcaldes de Ferrol correspondentes ao exercicio de 2023 quedaron dous rexedores e unha rexedora en Galicia que non gobernan en ninguna das sete grandes cidades: o de Oleiros, Ángel García Seoane (Alternativa dos Veciños), que percibiu un salario anual de 63.379,24 euros no 2024, o equivalente a algo máis de 4.500 euros ao mes en 14 pagas; o de Arteixo, Carlos Calvelo (PP), que o fixo de 62.079,85 euros, é dicir, algo máis de 4.400 euros ao mes en 14 pagas; e a de Marín, María Ramallo (PP), con 60.622,37 euros, ou sexa, 4.330 euros ao mes en 14 pagas. E cales foron os que menos cobraron de Galicia nese ano? O alcalde da Fonsagrada, Carlos López López (PSdeG), que percibiu no 2024 un salario anual de 20.042,28 euros anuais (algo máis de 1.400 euros ao mes en 14 pagas), o que poderiamos considerar como o soldo dun traballador galego medio; as dúas alcaldesas de Vilalba durante o 2023, Marta Rouco (PSdeG) e Elba Veleiro (PSdeG), con 23.107,45 euros anuais (1.650 euros ao mes en 14 pagas); e da de Guitiriz, María Sol Morandeira Morandeira (PSdeG), con 24.039,54 euros ao ano (uns 1.700 euros ao mes en 14 pagas). Como podemos observar, en todos os casos se trata de alcaldes de pequenos concellos (en número de habitantes, que non en extensión) rurais do interior da provincia de Lugo.
Aínda que tamén no tramo dos 20.000 aos 30.000 euros anuais houbo ao longo do ano 2023 outros 13 rexedores e rexedoras en Galicia: o de Baños de Molgas (PP), con 24.039,74 euros anuais cobrados no 2023; as de Cangas (PSdeG, primeiro, e BNG a partir das eleccións municipais), con 25.071,70; o de Irixoa (PP), con 25.200,00; o de Muxía (PSdeG), con 25.660,29; o de Cabanas (PP), con 25.744,44; o de Cervantes (PSdeG), con 27.997,73; o de Piñor (PP), con 28.000,00; os de Pazos de Borbén (PP primeiro e Alternativa Veciñal despois das eleccións municipais), con 28.195,77; os de Corcubión (ambos os dous rexedores que gobernaron do 2023 eran do PSdeG), con 28.208,49; o de Vilamartín de Valdeorras (PSdeG), con 29.524,75; os de Samos (PSdeG na primeira parte do ano e BNG a partir das eleccións municipais), con 29.812,54; os de Rianxo (BNG na primeira parte do mandato e Rianxo en Común a partir das municipais), con 29.824,97; e a de Vimianzo (PSdeG), con 29.994,35.
TRAMO DE 50.000 A 60.000 EUROS: 12 REXEDORES E REXEDORAS DE VILAS DE ENTRE 5.000 E 30.000 HABITANTES
Se nos imos ao tramo de salarios que vai dos 50.000 aos 60.000 euros, aínda que o primeiro que se nos podería vir á cabeza é que nel estarían alcaldes de concellos relativamente grandes, nada máis lonxe da realidade, pois aínda que si que hai casos así, tamén hai moitos rexedores de pequenas localidades. En concreto, neste tramo estarían os que foron alcaldes da Estrada ao longo do 2023, o agora conselleiro José López Campos e o seu sucesor no cargo Gonzalo Louzao (PP), con 58.372,30 euros anuais; os de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas (PP) primeiro e Luíz Pérez Barral (BNG) despois das municipais, con 56.290,24; o de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo (PP), con 55.693,11; o de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán (PP), con 54.965,07; os de Betanzos, Ramón García Vázquez (PSdeG) e María Barral Varela (PSdeG), con 54.179,86; o da Laracha, José Manuel López Varela (PP), con 53.695,65; a de Narón, Marián Ferreiro Díaz (Terra Galega), con 53.033,23; o de Abegondo, José Antonio Santiso Miramontes (PP), con 52.952,98; o de Oza-Cesuras, José Pablo González Cacheiro (PP), con 52.140,34; o da Cañiza, Luis Antonio Gómez Piña (PSdeG), con 52.140,34; o do Grove, José Antonio Cacabelos (PSdeG), con 51.260,29; e os de Silleda, Paula Fernández (PSdeG) e Manuel Cuíña (PSdeG), con 50.056,55 euros ao ano sumando ambos salarios correspondentes ao exercicio do 2023.
TRAMO DE 40.000 A 50.000: 52 ALCALDES E ALCALDESAS DE VILAS DE ENTRE 1.000 E 40.000 HABITANTES
E no tramo de 40.000 a 50.000 euros é no que nos atopamos a moitos alcaldes e alcaldesas de pequenas vilas, especialmente nas provincias da Coruña e Pontevedra, sendo menos nas de Lugo e Ourense, onde o salario medio dos rexedores andaría máis no tramo dos 30.000 aos 40.000. Así, na provincia da Coruña moveríanse neste rango os rexedores e as rexedoras ao longo do ano 2023 de Teo (Son de Teo primeiro e PP despois das eleccións municipais), con 49.579,64; Porto do Son (PP), con 49.451,30; Valdoviño (PSdeG), con 48.538,88; A Pobra do Caramiñal (Nós Pobra), con 48.238,15; Boiro (PSdeG), con 48.098,92; Cedeira (PSdeG), con 47.965,64; Zas (BNG), con 46.917,36; Cabana de Bergantiños (PP), con 46.704,50; Carballo (BNG), con 45.899,00; Brión (PSdeG), con 45.478,87; Negreira (PSdeG), con 44.716,27; Lousame (PP), con 44.004,04; Carral (AxV), con 43.933,55; O Pino (PP), con 43.673,28; Padrón (PP primeiro e PSdeG a partir das eleccións municipais), con 43.498,88; Cerceda (PSdeG), con 43.195,57; Vilarmaior (PP), con 42.933,47; Oroso (PSdeG), con 42.874,40; Cee (PSdeG), con 42.459,70; Mesía (PSdeG), con 42.367,79; Curtis (PP), con 42.359,78; Tordoia (PP), con 42.000,00; Sobrado (PSdeG), con 41.803,45; Noia (PP), con 41.501,76; Val do Dubra (PSdeG), con 41.233,88; e Bergondo (PSdeG), con 40.005,95.
Na provincia de Pontevedra estarían neste tramo de salarios entre os 40.000 e os 50.000 euros tendo adicación exclusiva ao cargo os alcaldes e alcaldesas de Vilaboa (PSdeG), con 48.168,68; Baiona (PSdeG na primeira metade do ano 2023 e logo PP tras as eleccións municipais), con 47.291,84; Ponte Caldelas (PSdeG), con 47.165,91; Tomiño (BNG), con 46.412,47; Soutomaior (PP primeiro e BNG despois), con 45.876,13; Ponteareas (BNG primeiro e PP despois das eleccións municipais), con 44.589,11; Redondela (PSdeG), con 44.446,00; Vilagarcía de Arousa (PSdeG), con 43.750,41; Lalín (PP), con 43.657,59; Tui (PSdeG), con 43.091,44; Cerdedo-Cotobade (PP), con 46.900,00; e Gondomar (PSdeG), con 42.857,04. Na de Lugo: Ribadeo (BNG primeiro e PP despois das eleccións municipais), con 45.822,11; Lourenzá (PSdeG), con 45.416,00; Cospeito (PP), con 44.871,87; Xove (PP), con 44.457,80); Riotorto (PP), con 44.409,03; Abadín (PP), con 43.892,32; O Saviñao (PP), con 41.609,06; e Bóveda (PP), con 40.734,43. E na de Ourense: Toén (PP), con 48.596,01; Allariz (BNG), con 45.904,18; Cualedro (PP), con 44.716,15; O Carballiño (PSdeG), con 43.767,63; Oímbra (PP), con 43.216,62; e Boborás (PP), con 42.364,77.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.