Acadan importantes avances no tratamento personalizado de pacientes con vertixe persistente

Investigadores do CITMAga están a realizar con éxito ensaios clínicos nos hospitais universitarios de Santiago, Lugo e Pontevedra.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 07/01/2025 | Actualizada ás 11:20

Comparte esta noticia

Investigadores galegos do CITMAga logran importantes avances no tratamento personalizado de pacientes con vertixe persistente, un trastorno incapacitante. Foi no marco dunha investigación do CITMAga -Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia-, impulsado polas tres universidades galegas.

Investigadores galegos do CITMAga que estudan o vertixe
Investigadores galegos do CITMAga que estudan o vertixe | Fonte: remitida

O proxecto céntrase na procura dun tratamento personalizado para os pacientes que presentan vertixe persistente. Está coordinado por Alberto Pérez Muñuzuri, xunto a Ismael Arán Tapia, da facultade de Física da Universidade de Santiago. Os ensaios clínicos estanse a realizar en colaboración cos xefes de servizo de Otorrinolaringoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), Andrés Soto; do Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo (HULA), Marcos Rossi Izquierdo; e do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, Ismael Arán González. 

Tal como explican os investigadores, a orixe deste trastorno atópase no oído interno, que contén tres canles semicirculares, responsables da orientación nas tres direccións do espazo e que, polo tanto, contribúen ao equilibrio. Nas persoas que sofren vertixe, prodúcese unha estimulación incorrecta destas canles ao cambiar a posición da cabeza, o que lles provoca unha falsa sensación de movemento ou de rotación. Este trastorno adoita desenvolverse cando algunhas das partículas de calcio se desprenden do seu lugar habitual no utrículo e se introducen nas canles semicirculares. Estas partículas alteran o movemento do líquido endolinfático presente no interior dos canles cando a cabeza cambia de posición. Como consecuencia, o cerebro recibe unha información contraditoria, o que provoca que as persoas afectadas experimenten a sensación de estar caendo ou de que todo se move ao seu redor.

SOLUCIÓN

A solución é sacar as boliñas dese labirinto, polo que cómpre coñecer en que canle están. “O problema xorde no caso das persoas que teñen unha xeometría particular nas canles do oído, de xeito que as manobras habituais que se empregan para pacientes con vertixe non funcionan para elas”, salienta Muñuzuri.  “Para resolver este problema, a través dunha proba médica non invasiva como é unha resonancia magnética, xunto a avanzadas técnicas de procesado de imaxes, obtemos unha imaxe en 3D da xeometría das canles interiores do oído”, explica o investigador do CITMAga.

Por un lado, o equipo desenvolveu unha ferramenta que permite reconstruír a canle membranosa por onde se move o fluído. O seguinte paso foi incluír nesta ferramenta as ecuacións matemáticas do movemento do fluído e das partículas, de cara a simular e resolver o problema, co propósito de poder aplicar tratamentos personalizados a estes pacientes. Os investigadores realizan as simulacións no Centro de Supercomputación de Galicia -Cesga-

O equipo dispón dun sillón especial, doado de xirar, de xeito que os médicos poden poñer ao paciente na dirección desexada. “Este sillón permítenos seguir as indicacións proporcionadas polas simulacións con gran precisión. Ademais, grazas a unhas gafas especiais, podemos ver se o tratamento se está aplicando correctamente” -indican-. Os investigadores están a realizar un estudo clínico con pacientes afectados por este trastorno nos complexos hospitalarios universitarios de Santiago, Lugo e Pontevedra; logrando a curación na maior parte dos casos considerados ata o momento. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta