Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/01/2025 | Actualizada ás 13:21
O ano 2024 foi "extremadamente cálido" e "moi húmido", segundo o informe do Meteogalicia, que reflicte que, en canto a temperatura media, foi o terceiro ano máis cálido de toda a serie histórica, á vez que combinou etapas moi secas con choivas intensas, co que o balance final é un 14% máis de precipitacións que o esperado.
Así o debullou a conselleira de Medio Ambiente este xoves durante a presentación do balance climático do ano pasado, no que, dixo o meteorólogo Juan Taboada, evidenciouse que "cada vez se fai máis desordenada a sucesión de estacións" e agudízanse os fenómenos extremos a causa do cambio climático.
Segundo recolle este balance, a temperatura media do ano pasado en Galicia foi de 14,7 graos, 1,1 graos por encima do esperado, o que o converte no terceiro máis cálido de toda a serie histórica, isto é, en máis de 60 anos. Ademais, dáse a circunstancia de que os dous únicos anos que superaron esta temperatura media son os inmediatamente anteriores, 2022 e 2023.
TEMPERATURAS
A alza o pasado ano deuse especialmente nas temperaturas mínimas, que foron 1,4 graos máis elevadas das habituais en Galicia, mentres que as máximas estiveron 0,8 graos de media por encima.
Máis da metade dos meses do ano, sete, tiveron a consideración de cálidos ou moi cálidos. De feito, o mes de novembro de 2024 foi o máis cálido de toda a serie histórica e xaneiro foi "extremadamente cálido", segundo os parámetros de Meteogalicia. Só o mes de xuño tivo a consideración de 'normal'.
En canto ás precipitacións, choveu un 14% máis do esperado, co que a anualidade se considera "moi húmida". Foron 1.469 litros por metro cadrado de precipitación media, con cinco meses moi húmidos --febreiro, marzo, maio, setembro e outubro-- e dous meses secos --agosto e novembro--.
UNHA DISTRIBUCIÓN CLIMÁTICA "ALTERADA"
Para o meteorólogo Juan Taboada, o ano 2024 é un bo exemplo da evolución do clima, que "se está vendo alterada" polo cambio climático. "O que observamos é que cada vez se fai máis desordenada a sucesión de estacións", dixo Taboada, con meses de inverno especialmente secos e cálidos e veráns que alternan choivas, períodos de seca e calor.
Concretamente, lembrou, 2024 comezou con meses cálidos para a estación e as neves apareceron "a destempo", a finais de febreiro e mesmo se prolongaron ata finais de marzo, lembrou. De feito, o mes de marzo de 2024 rompeu un "fito curioso", dado que Galicia levaba 27 meses sen un mes meteorológicamente 'frío'. Todos os meses de 2022 e 2023 tiveron consideración de normais, cálidos ou moi cálidos.
Aínda que o pasado ano tivo tres meses considerados 'fríos', o cómputo xeral fala dunha anualidade cálida, o que evidencia "que os fenómenos tenden a extremarse máis". "O inverno tardou en chegar, o verán foi irregular, xa que só agosto foi un mes seco. Con todo, estivo presente a prealerta por seca en zonas de Pontevedra. O outono, dixo Taboada, "chegou antes de tempo" e, de feito, a primeira borrasca foi en setembro, aínda que a choiva fixo un parón en novembro, coa alza de temperaturas.
As precipitacións "concentráronse máis" e se intercalaron con períodos máis secos. Os fenómenos máis extremos foron os dos restos do Furacán Kirk en outubro e a borrasca Carlota en febreiro, cando os sensores de Meteogalicia rexistraron o refacho de vento máis forte medida nunca, máis de 200 quilómetros por hora en Penedo do Galo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.