Por Europa Press / Redacción | FERROL | 19/01/2025 | Actualizada ás 14:30
A CIG manifestouse este domingo nas Pontes de García Rodríguez para reclamar "unha transición xusta" e un plan industrial xa que, aseguraron, que o que ocorre nesta localidade e na súa contorna é "unha reconversión industrial" e que todos os anuncios dos gobernos son "propaganda". Así o detallou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, nunha marcha que partiu ás 12.00 horas da praza do Carme e que logrou congregar a unhas 200 persoas.
Os manifestantes corearon consignas como "para nós os despedimentos, para Endesa os beneficios", "é demolición, non transición", "queremos traballar, e non emigrar" e "As Pontes en loita, por un futuro digno". Segundo Paulo Carril o obxectivo é reivincidar un "futuro industrial e emprego" nas Pontes, xa que ao seu entender "a transición xusta non existe". "Seguimos sufrindo as consecuencias dunha auténtica reconversión industrial pura e dura", lamentou. "Endesa, con todo apoio dos gobernos, está a empezar o desmantelamento, deixando atrás despedimentos, á vez que está a actuar impunemente, sen asumir ningún tipo de responsabilidade social e territorial, ademais de continuar facendo caixa", criticou Paulo Carril.
Carril detallou que os gobernos "seguen sen ter" un plan industrial co que facer fronte a esta situación, xa que "son moitos os meses vividos" desde que se anunciou o peche da central térmica en decembro de 2019. Neste sentido, recordou que Endesa ten desde agosto de 2023 autorización para o peche e que "todos os anuncios que se fan polos gobernos son propaganda", en alusión a novos proxectos industriais, xa que "todos están en tramitación e ningún é realidade", e que "a chamada transición xusta non existe".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.