Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 18/03/2016
Nos finais do franquismo sempre se dicía que os poderes fácticos eran os que impedían a evolución do réxime. E dentro daquela denominación estaban o exército, a igrexa, o poder económico, tamén algunha prensa e incluso o engolado e endogámico poder xudicial. Entendíase que eses núcleos e algúns máis eran os poderes que baixo corda influían para frear a evolución dun Estado que vivía moi distanciado do que pensaba e pedía a xente na rúa.
Pasados moitos anos, aínda que situación politica mudou, ises poderes seguen a ter un peso semellante ó que tiñan naqueles anos da transición á democracia.
Por iso, con todo o que choveu dende ises anos, percíbese que, na nosa sociedade, nin existe a separación dos poderes plena, nin o poder político se libera das influencias de moitos grupos de presión, nin a xustiza é totalmente independente, nin a prensa é totalmente libre, nin farrapos de gaita. Todo depende do momento e das ciscunstancias. Todo depende da presión e do volume do tema incluído o montante económico. Os poderes ocultos, os que aconsellan, os que influen en entran pola porta traseira dos despachos, aínda están na trastenda do poder e mandań moito. Pois ate poden desfacer gobernos, erguer calumnias, contar medias verdades, e investigar; ante poden acusar con escasa base legal. En fin, preto de nós temos exemplos arreo.
Hai uns días o que fora vicepresidente da Xunta Anxo Quintana, diante o ataque dun periodista que dedicou unha envelenada carta, dixo que, cando estaba no goberno, un procer coruñés o advertiu de que ou modificaba o concurso eólico para favorecelo, ou que se ativera ás consecuencias. Pois un enfermeiro de Allariz non podía modificar o rumbo da economía galega. E abrila a moitas empresas para crear un tecido empresarial galego. Enténdase repartir negocio entre todos. Quin respostoulle que se quería gobernar pois que se presentara ás eleccións. Pero, logo do aviso, empezou o martilleo con esaxeracións, mentiras e medias verdades que se publicaban, un día si e outro tamén, contra o goberno no que estaba e contra el. Chegaron as eleccións á Xunta e estas perdéronse por un escano. Logo, o novo presidente, que é o actual, chimpou o mencionado concurso, argüíndo que era ilegal e asunto concluído. Despois chegou outro concurso e un novo reparto. Pasados case oito anos, a xustiza demostrou que o primeiro concurso era perfectamente legal e agora a Xunta enfróntase a reclamacións xudiciais por danos e perxuízos. Todo un grande éxito dos gobernantes desta nosa terra, claro presididos por quen medita retirarse, pois parece que en Madrid non lle dan cancha.
Conclusión: líbrenos o demo ou quen sexa de fadas deste tipo; de poderosos con dereito a pernada. Líbrenos tamén o diaño de cair nas mans destes poderes ocultos. De mentalos ou nomealos; líbrenos quen sexa de cair nas mans dalgúns xuíces pois estarás eternamente imputado, e serás xuzgado pola xente como culpable. E cando fale a xustiza xa será moi tarde pois esta é sumamente lenta. Polo que deixará de ser xustiza. Pois, se te inclúen como imputado, agora investigado, nunha lista por pasares por alí, pode que collas a xubilación e te vaias para o outro mundo sin ter acusación definitiva e menos xuízo. Líbrenos quen sexa dos que mangonean e mangonearon sempre o poder pois teñen tantas maneiras de machacarte que toda a democracia que temos vale de pouco.
Por iso falo hoxe dos poderes agochados. Si, deses que non se ven pero que estan ramificados e inflúen moito nos que mandán. O bipartito, o denostado goberno, xa é historia. Pero as consecuencias negativas dos que chimparon o concurso eólico ímolas pagar todos. Mellor dito, estamos pagándoas todos.