Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/02/2025 | Actualizada ás 16:56
A asociación ecoloxista Adega reclama á Xunta o arquivo da solicitude a Augas do proxecto de Altri para Palas de Rei "por vencer o prazo legal para resolver". Nun comunicado, Adega apunta ao artigo 116.5 do regulamento do dominio público hidráulico, que establece un prazo "máximo" de 18 meses para que a administración competente, "neste caso Augas de Galicia", resolva un expediente de concesión de augas.
"A empresa Altri presentou a súa solicitude (inicio do trámite de competencia) en novembro de 2022, publicándose no BOP da Coruña o 30 de novembro dese ano", sinala. Engade que "de non mediar suspensión do procedemento, e no expediente non consta ningunha de oficio ou de parte, os 18 meses concluíron o 30 de setembro de 2024".
"Dado que a día de hoxe o organismo substantivo encargado de tramitar a concesión (Augas de Galicia, demarcación centro) aínda non resolveu sobre a devandita solicitude, esta debería por tanto entenderse desestimada", advirte. A este respecto, o colectivo ecoloxista solicitou a Augas "que comunique á peticionaria e ás partes interesadas a desestimación da solicitude de concesión de augas superficiais do río Ulla no encoro de Portodemouros con destino a uso industrial, e arquive o expediente".
Nese caso, segundo incide, "Altri-Greenfiber estaría obrigada a reiniciar o procedemento de concesión desde o mesmo trámite de competencia, como establece o artigo 104 do regulamento do dominio público hidráulico".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.